Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As historias migrantes, as protagonistas dun 'talk show' en Culleredo: «Son relatos moi intensos»

Este luns Culleredo acolle o evento final do proxecto ‘Cruza sen mirar’, unha colección de relatos sobre a migración que busca «crear unha memoria emocional» do momento actual, con testemuñas de migrantes e traballadoras sociais

Conde nunha das entrevistas cunha das migrantes participantes. |  LOC

Conde nunha das entrevistas cunha das migrantes participantes. | LOC

Culleredo

Meses de entrevistas con persoas de distintos países culminan este luns nun evento no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. Alí a compañía Tarabela Creativa presentará a súa investigación en compañía de migrantes, traballadoras sociais e escritoras.

«A idea era crear unha memoria emocional migrante deste momento», sinala Carmen Conde, unha das creadoras do proxecto. O obxectivo desta iniciativa é tamén «tirar abaixo bulos» relacionados coa comunidade migrante y que son «os que acaban creando os discursos de odio».

A proposta galardoada pola Deputación da Coruña desenvolveuse tanto en Culleredo como nos municipios de Ares e Santa Comba. Parte dunha previa obra de teatro da compañía, Boa sorte, mala fama, onde afondan na historia da emigración galega. «Gústanos enlazalo co que está pasando hoxe en día, onde agora nós somos os anfitrións», explica Conde. «En Cruza sen Mirar decidimos tomar a metáfora do espello, de deixar que sexa só un reflexo, de cruzar ao outro lado e tratar de mirar máis a realidade doutras persoas e non a nós mesmos», desvela a creadora.

Para atopar estas historias sobre a emigración actual, os de Tarabela fixeron uso dos servizos sociais dos concellos e organizacións sen ánimo de lucro, como a ONG Mestura. «Son relatos moi intensos, historias de moitísima loita e renuncia, pero tamén de moitísima esperanza», sinala Conde.

Entre as problemáticas coas que se atoparon estas persoas ao chegar a Galicia están sobre todo as burocráticas, pero tamén as máis persoais. «No caso dos migrantes galegos a renuncia foi en moitos casos familiar, de deixar fillos pequenos cos avós, de tardar moito en volver», relata Conde. Como contraste, as persoas que se foron atopando estes meses son xente que sobre todo renuncia as súas carreiras. «Cando chegan aquí teñen unha serie de trabas para volver ser os profesionais que eran no seu país. Vense obrigados a resignificarse», indica.

Aínda que o racismo e a xenofobia están presentes na sociedade, Conde di que nos testemuños que recolleron os entrevistados sinalan que «non perciben que chegara aquí», aínda que son conscientes das miradas ou comentarios fora de lugar. «Nós intentamos manter unha perspectiva antirracista e decolonialista, sobre todo porque hai que ter en conta que non é igual á historia dos galegos que emigraban, onde ser de Europa os poñía nun lugar de privilexio alá onde fosen», explica a creadora.

Pese aos obstáculos, é tamén habitual que as persoas migrantes expresen a «tranquilidade» que senten nestas vilas. «Teñen un trato moi achegado coa veciñanza e iso agradécese moito, porque ao mellor non sucedería nunha gran cidade», afirma a creadora.

A gravación do videopódcast en Culleredo. |  LOC

A gravación do videopódcast en Culleredo. | LOC

Ademais das entrevistas, os de Tarabela quixeron tamén facer un videopódcast con todas as diferentes voces para inmortalizar as leccións aprendidas. Co evento do luns queren rematar creando un espazo de encontro e reflexión. «Esperamos que se abra un diálogo coa comunidade de Culleredo», sinala Conde, que engade que os asistentes poderán escoitar non só aos participantes do proxecto, senón tamén a traballadores sociais e poetas.

O evento estará dividido en dúas sesións, unha dirixida a alumnos de instituto e outra aberta ao público xeral. Entre as intervencións máis destacadas está a dun veciño que leva 30 anos vivindo en Culleredo tras vir de República Dominicana, e que se convertiu nunha peza angular para recibir aos que chegan do seu país. «É alguén moi activo na comunidade», di Conde.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents