Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Teresa Regueiro, veciña de Cerceda: «En tan só unha semana podemos ter unha perda duns 40 ovos»

O peche obrigatorio decretado polo Ministerio de Agricultura obriga a pequenas granxas como a desta cercedense a manter as galiñas pechadas por primeira vez na vida. No seu caso, cre que a medida afectará directamente á produción e á súa rutina

A veciña de Cerceda, Teresa Regueiro, coas súas galiñas. |  Casteleiro

A veciña de Cerceda, Teresa Regueiro, coas súas galiñas. | Casteleiro

Cerceda

Teresa Regueiro leva toda a vida criando galiñas na súa casa de Xermar, no municipio de Cerceda. E, dende o luns pasado, esta é a primeira vez que as pecha por orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que decretou o confinamento obrigatorio de todas as aves de corral en España ante o risco de gripe aviar—sendo Cerceda un dos 40 concellos de especial risco—e a cercedende móstrase preocupada pola situación.

«Entendo o perigo, e o primeiro de todo é a seguridade, pero para granxas pequenas como a nosa é un golpe importante», asegura Teresa Regueiro, de 74 anos, que actualmente ten oito galiñas que comen nun recinto pechado cada día. «Preocúpanos que en tan só unha semana podemos ter unha perda duns 40 ovos, xa que elas precisan estar fóra», sostén a veciña de Cerceda, que di que as súas adoitan poñer nesta época uns cinco ovos ao día.

A Coruña lidera o número de aves de poñedoras

Por provincias, A Coruña concentra o maior número de aves poñedoras, cun total de 550.435, e Cerceda é un municipio con numerosas granxas de autoconsumo, como é o caso da veciña de Xermar. «A maior parte dos corrais da zona son como o noso, pero penso que o principal problema son as explotacións grandes, que teñen menos control e son complicadas de manexar», sentencia.

Segundo os últimos datos da Consellería de Medio Rural, os galiñeiros inscritos por particulares ascenden 153.000 en Galicia. E, na actualidade, todas elas seguen o mesmo protocolo preventivo de confinamento, aínda que non se rexistrou ningún caso de gripe aviar en aves domésticas na comunidade ata o momento.

«O principal problema son os que teñen os comedeiros fóra, pero os que temos granxas pequenas témolas todos dentro», afirma a cercedense, que di que «toda a vida» o fixeron así, e preocúpalle o estrés que lles poida causar esta situación ás súas galiñas.

A pesar de comprender a necesidade das medidas, Regueiro insiste en que para corrais pequenos como o seu este tipo de restricións tradúcense nunha «gran alteración» da rutina das aves e nun impacto directo na súa produción. Considera que, aínda que o protocolo é igual para todas as granxas, as explotacións domésticas como a súa viven estas decisións con máis incerteza.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents