Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A parella creativa detrás de 'Maronda', a curta gañadora do Xuventude Crea 2026

Blanca Navarrete e Antía Rodeiro son a dupla creativa detrás da peza audiovisual gañadora do certame Xuventude Crea 2026. O filme busca darlle visibilidade a textos da literaturatura LGTBI en galego a través da narración, a danza e a ilustración

Blanca Navarrete e Antía Rodeiro. |  LOC

Blanca Navarrete e Antía Rodeiro. | LOC

Cambre

A visibilidade da literatura queer en galego está no centro da mensaxe de Maronda, a curta gañadora do Xuventude Crea 2026 na categoría creación de vídeo.Tras ela está a parella creativa formada por Blanca Navarrete, de Cambre, e Antía Rodeiro, de Noia.

Ambas coñecéronse estudando Comunicación Audiovisual en Santiago, lembra Navarrete. «Dende o primeiro traballo de clase conectamos moitísimo e houbo moita sintonía non só a nivel de amizade senón tamén creativa. Ela é máis a que ten as ideas, a creativa, e eu logo póñolle os pés na terra», explica a cambresa.

A iniciativa de comezar esta cursa foi de Rodeiro, revela a produtora, que viu un certame para presentar vídeos sobre a literatura galega. «Propuxo facer un vídeo relacionado coa literatura LGTBI en galego e empezamos a investigar. Démonos conta de que estaba super pouco visibilizada a literatura queer na nosa lingua e indignounos moitísimo. Iso deunos aínda máis forza para facer esta curta a modo reivindicativa», di Navarrete.

O proceso de documentación levoulles algo máis dun mes, e a súa dificultade nesta investigación pódese escoitar nuns audios incluídos nos créditos da peza, onde ambas creadoras expresan a súa frustración coa falta de textos románticos adicados dunha muller a outra. Nin sequera consultando con amigas filólogas conseguían atopar referencias e pensan escribilos elas mesmas.

«Ao final son todos textos alleos, pero non son todos especificamente textos LGTBI senón fragmentos que nós considerábamos que se podía interpretar como unha voz feminina dirixíndose a outra ela», confesa a cambresa. «Intentamos que en todos se puidese interpretar ese compoñente lésbico aínda que a intención da peza é reivindicar que excitar relatos LGTBI en todas as linguas», afirma a produtora.

Maronda remata sendo unha curta experimental onde, ademais de contar cos relatos, as creadoras tratan de expresar todos estes sentimentos na figura dunha bailarina, que danza durante case toda a duración da peza. «Quixemos aproveitar esta idea para explorala ao máximo, apetecíanos xogar un pouco co audiovisual», explica Navarrete, que engade que «parecíanos chulo xogar coa idea dunha bailarina».

A escollida para facer este baile foi Alexia Piñeiros, que coregrafiou todos os movementos. «Foi un luxo traballar con ela, chegou e xa tiña mil ideas. Soaba a música e ela bailaba, improvisaba, non tivemos que dicirlle anda», di a produtora.

Para a parella de creativas recibir o Xuventude Crea é algo que agradecen e «lles fai ilusión». «Estes impulsos para as creacións das novas xeracións fan falta, porque adoitamos sempre traballar na precariedade», admite Navarrete. « Ao final esta curta fíxose cun orzamento total de cero euros e recibir un premio económico pois axuda a que a próxima curta sexa con mil euros», sinala a produtora, que tamén admite que a «visibilidade» que dan estes galardóns permiten a alguén novo entrar no sector audiovisual.

Aínda están estudando se esta curta se proxectará nalgún lado, pero mentres tanto ambas continúan traballando e expoñendo os seus outros proxecto. «Temos unha curta documental que se chama O Corpiño que agora mesmo está distribuída en distintos festivais de Galicia», apunta a cambresa. «A pesar de que agora xeograficamente esteamos separadas é un pracer traballar xuntas. Oxalá seguir esta dupla para sempre», di Navarrete.

Tracking Pixel Contents