Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carlos Budiño, adestrador de pombas en Cambre: «Isto é un deporte que engancha moito»

O club Colombófilo Mensaxeiras de Cambre cumpre 35 anos cunha historia chea de premios e voos percorrendo o país

Cambre

O que fora o primeiro medio de comunicación da historia continúa tendo un fiel seguimento en Cambre. O club Colombófilo Mensaxeiras de Cambre celebra os seus 35 anos, lembrando todos os logros conseguidos ata o momento, e entre eles conseguir ser anfitrión de exposicións de pombas mensaxeiras autonómicos nos anos 1993, 2007 e 2016 e ser campión galego no 2011, 2012 e 2015.

A agrupación creada nos anos 90 por Fernando de la Fuente, o primeiro presidente, e agora xa falecido, continúa con case vinte membros que practican este deporte. Un deles é Carlos Budiño, que colleu o relevo ao fronte do club.

«Temos xente de moitos puntos da Coruña, da Laracha, de Buño, de Oza- Cesuras», explica o colombófilo. «É un deporte que engancha moito, o feito de criar, de seleccionar e de poder competir estas pombas», di Budiño.

Un día normal de adestramento para estas aves supón sacalas do pombal para que voen todas xuntas en círculo. «O tempo que nós queiramos ou o que queiran elas. Se queres que estean unha ou dúas horas non as deixar pousar e que sigan adestrando», sinala o cambrés.

Os días de máis implicación incluír voos de curta distancia para que se acostumen a volver para casa, pero cando se preparan para as competicións, fanse percorridos co coche de 10 ou 20 quilómetros. «É para que a pomba saiba que cando vai para unha cesta e vai a un punto de soltala, ela ten que ir para casa», explica Budiño.

Pouco a pouco vaise ampliando a distancia e facendo uso desas relaciones entre outros aficionados para que as pombas percorran medio país. «Que soltes unhas pombas ás oito da mañá desde calquer punto de España e que che veñan vindo, velas chegar é o bonito disto», sinala o cambrés.

Os resultados que poden conseguir con estes adestramentos son tamén notables. «Téñense dado casos aquí en Galicia de pombas que igual percorrían 900 quilómetros nun día, pero eses son moi poucos casos. Poden percorrer entre 600 e 700 quilómetros tranquilamente», afirma o adestrador de aves.

A afección require dunhas instalacións, como o pombal, pero sobre todo de tempo. «Tes que ter tempo para dedicarlles, para crialas e logo entrenalas», destaca Budiño, que di que, aínda que non teñen tantos socios como en anos anteriores, xente nova segue chegando para aprender sobre este deporte.

A pesar de que xa levan varios anos co club a xente segue amosándose «sorprendida» cando coñecen da súa actividade. «Cando fan o deporte na rúa a xente extráñase de ver as pombas alí e din que non coñecían o deporte», di Carlos. E é que a pesar da tradición colombofila de Cambre, en Galicia non hai tanta afección. «Ti vas a outros países, como Béglica, Holanda ou inlcuso Portugal, xa é un deporte nacional», sinala o cambrés, que engade que se foran máis aquí, sería moito máis fácil asentar o deporte.

Aínda que non teñen nada pensado para celebrar este fito, Carlos anima a que todo o interesado se acerque a preguntarlle aos socios da entidade, que lles axudarán e aconsellarán para iniciarse nesta actividade.

Tracking Pixel Contents