Ana Nogareda, modista larachesa que saca o traxe tradicional á rúa: "Teño listas de espera de dous meses"
A divulgadora e creadora de Na Ristra leva unha década confeccionando prendas que recrean a indumentaria típica galega dende o século XVIII

Ana Nogareda no seu taller da Laracha. | Carlos Pardellas
Ana Nogareda ten gravada na memoria a «ristra» que lle facía de pequena a súa avoa, en especial os días de festa. «Ela chamáballe así á trenza, e ese recordo pasou a converterse no que hoxe é o meu proxecto», asegura a artista e fundadora de Na Ristra, unha iniciativa de recuperación e divulgación da indumentaria tradicional galega coa que a larachesa pon en práctica todos os seus coñecementos sobre confección a través de prendas creadas de cero dende o seu taller, ubicado na Laracha.
«Preparo e poño os cortes tradicionais na rúa», explica Nogareda, que crea traxes, panos e complementos de todo tipo para grupos de música tradicional e tamén para persoas que buscan alternativas diferentes e de calidade.
Dende o século XVIII ata comezos do XX
«Traballo con la, seda e algodón 100%, e con materiais que se asemellan moito aos dos nosos antepasados», asegura a larachesa, que recrea prendas para home e muller que abranguen dende o século XVIII ata o primeiro cuarto do XX.
Todo comezou hai 17 anos. Un domingo das Mozas en Lugo, en plenas festas do San Froilán, cando Ana coñeceu o Foro de Traxe Tradicional, un colectivo de recuperación da memoria histórica que se encarga de estudar e difundir información sobre indumentaria galega.
«Ata ese momento nunca cosera nin sequera, pero comecei a interesarme moito», di a larachesa de 50 anos, que leva unha década preparando os seus propios deseños e apenas un vivindo plenamente da moda e da súa labor de divulgación en asociacións, centros educativos e redes sociais.
Lista de espera de dous meses
«Agora mesmo teño lista de espera de dous meses», afirma a artífice de Na Ristra, que di que o volume de traballo é moi grande durante todo o ano, e que a súa clientela principal son asociacións de música tradicional que buscan vestirse «de verdade». Nogareda explica que traballa sobre todo para grupos «de Santiago para abaixo», especialmente nas provincias de Ourense e Pontevedra, ademais de ser a modista oficial da asociación Arume de Caión.
Actualmente colabora cunha costureira que lle axuda no día a día, e as dúas elaboran as prendas por encargo, aínda que Nogareda asegura que o taller parece «case unha tenda», xa que moitos pasan a saudar e ver as súas creacións.
«O que quería era volver aos patróns tradicionais de verdade, porque hai moita desinformación neste sentido, e dánse por tradicionais deseños que non teñen nada que ver coa realidade», di ela.
Ana Nogareda explica que mesmo a indumentaria dunha muller bergantiñá non se semella en absoluto á dunha muller de Pontevedra, por exemplo. «E a día de hoxe dámos por suposto que todas ían iguais», comenta.
Para a larachesa, a formación é continua, e non descarta estudar sistemas de corte moderno para ampliar os seus coñecementos. «Nunca é tarde», afirma a artista, que, aos seus 50 anos, mantén a ilusión intacta do primeiro día. «Nunca imaxinei que me dedicaría a isto, pero é un mundo que engancha e sempre queres saber máis sobre o tema», conclúe convencida a modista.
- La rúa Travesa dice adiós a un negocio con 115 años de historia
- La Xunta pagará 139.000 euros a un alumno de Oleiros que perdió un ojo
- El Superior tumba la licencia de una gasolinera en Arteixo por deficiencias técnicas
- Arteixo impone una multa de 2.250 euros a un particular por talar eucaliptos sin autorización
- El Asteria de Caión renace: nueva carta y el alma de un clásico en un antiguo marisquero
- Anjoca construirá 40 viviendas en Sada sobre las antiguas cocheras de Eliseo Pita
- Enrique Saavedra, autor del 'mirón' gigante que divisa el Atlántico desde Arteixo: 'Lleva tres años sin acondicionamiento
- El Superior absuelve al alcalde de Oleiros por la demolición de Casa Carnicero