Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A canción de Nadal creada en Abegondo

‘Fogar’ de Hugo Torreiro foi escollida como a canción de Nadal da TVG. O cantautor presentou a composición no Belén Vivente de Abegondo

O artista Hugo Torreiro. |  LOC

O artista Hugo Torreiro. | LOC

Abegondo

Se por algo se caracteriza o Nadal, ademais de polas luces, adornos e comida, é pola súa música. A última novidade en cancións festivas é Fogar, o tema de Hugo Torreiro gañador da canción de Nadal da TVG 2025. Torreiro, natural de Cambre, pero veciño de Abegondo tocou a canción este sábado no Belén Vivente en patíns do municipio abegondés.

Torreiro explica que a composición parte dunha canción que xa tiña «medio escrita». «Eu escribo cancións case como método psicolóxico de todas as cousas que me pasan, é a miña maneira de curarme», sinala o cantautor, que explica que en canto viu a convocatoria do certame da televisión galega, soubo que tiña que rematar a composición.

«Compuxen primeiro coa guitarra, e despois fixen unha maqueta no estudio. Logo apoieime moito nas ferramentas de intelixencia artificial para conseguir uns arranxos máis profesionais», indica Torreiro. Con estas ferramentas engadiu instrumentais como trompetas ou saxofóns, «certos detalles aos que non podía chegar con meus medios». O cantautor confesa que é primeira vez que publica unha canción coa axuda da IA pero que xa leva un tempo experimentando con elas.

«As miñas cancións son como pílulas, teño a idea dunha frase que me gusta para o retrouso,esta máis para un verso, ou unha temática... É como unha estrada, e vou seguindo o camiño ata que o tema está rematado», di o músico.

Nesta ocasión inspirouse nun «sentimento de morriña». «Son eses momentos nos que botas en falta á xente que está lonxe e foron un pouco os teus piares. Foi sobre todo pensar nas persoas que non poden estar no meu fogar e de todas esas outras que xa non están», detalla o abegondés.

Torreiro presentará esta canción no Belén Vivente en Patíns de Abegondo. «Para min é un orgullo poder tocar cos meus veciños», afirma o músico, que tamén é profesor no municipio.

«O belén dos rapaces de patinaxe vai estar moi guai, aínda que non sei nada de como van facer esa actuación», bromea o compositor.

A carreira musical de Torreiro é de case 20 anos. Aínda que admite que sempre foi moi musical e que comezou aos sete anos no conservatorio, non foi ata os 16 que se animou a comezar a escribir. «Foi nese momento da adolescencia onde un necesita falar e coñecer cousas novas, falar dos meus primeiros desamores...», explica Torreiro.

Desde entón, afirma que «de maneira intermitente» non parou de escribir. Como artista participou en varios concursos musicais, como La Voz, ou en programas como Luar, que define como un «altofalante», que dan unha «exposición», pero que para el a música vai máis alá. «Para min a música é como unha parte da vida, como comer ou como durmir , necesito sempre que estea aí», di o compositor.

Torreiro confesa que lle queda «moitísimo por facer» na súa carreira musical. O seu soño é que «as cancións tiveran aínda máis alcance e que tiveran importancia na vida das persoas». «Gustaríame que as miñas composicións foran a ‘canción da vida’ de alguén», conclúe o músico.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents