Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Leti da Taberna Creadora de contido en redes sociais

Leti da Taberna: "Non sei ata que punto estamos sacando foto do que vivimos ou vivindo para ter a foto"

A cómica actuará este venres en Abegondo co seu monólogo 'Jastac Japi Jolidais'

Leti da Taberna, creadora de contido en redes sociais e monologuista

Leti da Taberna, creadora de contido en redes sociais e monologuista / Mai Natura

Abegondo

Leti da Taberna chega a Abegondo este venres con Jastac Japi Jolidais, que terá lugar no centro cultural O Salón ás 21.00 horas. Este é o segundo monólogo teatral da creadora de contido para as redes sociais, tras xirar con Enredada, o seu primeiro espectáculo.

De que trata o monólogo Jastac Japi Jolidais?

Gústame describilo como unha viaxe sen moverse do asento do teatro. É unha pequena crítica de ata que punto viaxamos por pracer, porque temos que facelo, porque hoxe en día parece que se non visibilizas que viaxas , se non subes contido, se non demostras que estás tendo unha vida moi activa e descubrindo novos países e novos lugares parece que xa non es ninguén, sobre todo neste mundo tan virtual no que vivimos. É tamén unha crítica á turistificación, a como van quedando baleiras as cidades polo turismo e moito do relato forma parte de vivencias miñas propias que tiven. É un monólogo teatralizado, no que hai moita posta en escena, moito acting, moita interferencia con moitos elementos. Non é simplemente stand up, con só un micrófono e un relato.

Cando se comezou a dar conta desa diferenza entre disfrutar unha viaxe e ter que amosala ao mundo?

Como digo no outro show, en Enredada, non sei ata que punto estamos sacando foto do que vivimos ou vivindo para ter a foto. Creo que estamos convertindo a nosa vida nun escaparate ficticio. Dinme conta disto traballando no Camiño de Santiago. Aí moita xente chegaba moi cansa, discutindo ou cunha ampolla no pé e facían moito o de “sorrí para a foto”. Creo que é ficticio, é impostado, e que non sempre disfrutamos tanto como proxectamos. Creo que se non proxectaramos tanto cara a galería que disfrutariamos máis. 

Como foi o proceso de montar o espectáculo?

Non teño formación previa en arte dramático, nin nunca dirixín escena. Entón funo escribindo como outros. Tiña ideas soltas, funlle dando forma ao texto e visualizando en escena. Vin que elementos lle podía ir metendo que nos faga meterse máis en situación ou máis en ambiente. Interactúo moito cunha tenda de campaña, cunha hamaca de praia e mesmo cunha piscina inchable, para poder levar ao espectador máis á situación. Eu creo que o éxito deste monólogo é que a xente vive a escena. Era o que quería transmitir, que a xente se puxera no lugar, que se sentira na hamaca da praia durante as súas vacacións e que se centrara tamén nas cousas que non son tan bonitas ou tan idílicas como agardamos. Tamén traballei co equipo técnico na música, nos efectos de son, e na iluminación que fumos creando pola marcha. 

Cal é o rol do publico na función?

Sempre resalto e gústame que se recalque que do monólogo que se está vendo agora ao probablemente se vexa dentro duns meses pois será irrecoñecible, porque unha parte moi importante vaina facendo o público. O público é quen escolle que partes quedan, que partes novas entran, porque improvisamos moito, e que partes se van. Está en continuo movemento. Neste caso non hai tanta interacción porque teño que estar pendente de moitas cousas. O que xurde é algunha broma ou algún chiste que engado en cada función e que vexa que funciona. É un pouco ensaio error, porque eu non probo o texto previo. Sei que é arriscado pero gústame probalo xa coa xente completo. Enredada, por exemplo, ten dous anos, segue xirando e aínda agora se cambian cousas con respecto á primeira función. A xente foina cambiando, moito por improvisación. 

Cales son algunhas das vivencias que inspiran o monólogo?

Sen desgranar moito, falo desde unha experiencia nun resort todo incluido, de todo o que che pode pasar nunha semana dentro dun único recinto, ata como cambian as nosas prioridades. Dende que es novo e es feliz cunha tenda de campaña ata que ao final te ves con cargas familiares e que o único que podes é ter unha vía de escape cunha fin de semana nun spa. Todas as expectativas que poñemos neses días que temos para poder escapar e no que acaba resultando. 

Vostede comezou facendo creación de contido en redes. Como é trasladar ese humor á presencialidade?

É totalmente diferente. Ten a parte bonita da espontaneidade porque non hai edición, non hai revisión, a diferenza dos vídeos. Ten esa frescura e o positivo tamén da reacción do público, que é inmediata. É un ton máis tranquilo, máis pausado. Creo que cada medio pide os seus ritmos e o seu ton. No teatro xogo moito máis coa presencia, coa mímica. Pero a resposta está sendo moi positiva. Tamén me sorprendeu que haxa tanta xente que veña sen me seguir previamente. Ao mellor teñen visto algún vídeo, pero non é unha porcentaxe moi elevada. É algo diferente e moi gratificante o directo, a min apaixoame, gústame moito máis pero non deixo de facer redes porque é onde comecei.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents