Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xurxo Varela, profesor do Ceip de Tarrío

«Os pequenos de Culleredo teñen que ver que o galego tamén existe nas redes»

O docente recolleu o Premio do Público do certame polo vídeo ‘Cada historia, unha vida. O 25N no CEIP de Tarrío’, no que participaron boa parte dos alumnos de 4º de Primaria

Xurxo Varela recollendo o Premio do Público do certame Youtubeiras+.

Xurxo Varela recollendo o Premio do Público do certame Youtubeiras+. / LOC

Culleredo

Xurxo Varela, o profesor de música do colexio de Tarrío, logrou alzarse co Premio do Público do certame Youtubeiras+ a través dunha peza audiovisual que recolle os nomes de todas as vítimas mortais do ano 2025 por violencia de xénero.

Trátase dunha actividade conmemorativa polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25N), que o docente de 25 anos quixo levar ás aulas para que «os máis novos tomen conciencia e aprendan de forma dinámica».

Como recibiron este recoñecemento do público?

Con moita alegría. Os nenos puxéronse moi contentos, e os profesores igual. Traballámolo moito: pegamos carteis e pedímoslle a todo o mundo que nos votase. O mellor foi o traballo en equipo.

Como xorde a idea de montar esta peza polo 25N?

Xa o ano pasado, cando daba clases no colexio de Rodeiro, en Pontevedra, fixera un vídeo coa mesma temática co alumnado e presentárao a Youtubeiras+ para traballar o tema e, á vez, facer que todos se involucrasen e aprendesen a loitar por conseguir algo. Quixemos ser impactantes e transmitir valores feministas aos máis pequenos.

E o proceso, como foi?

Primeiro recollín a lista das mulleres asasinadas no ano 2025, que naquel momento eran 75 e, por desgraza, aumentaron. Despois repartimos os nomes para que cada un dixese un deles e puxemos un croma para gravar o vídeo en varios recreos. O vídeo monteino eu, pero recibín moito apoio das miñas compañeiras.

Como profesor, que importancia lle dá a este tipo de proxectos?

Moita. Para empezar, o propio certame dános ferramentas de aprendizaxe co alumnado, xa que nos amosa que o galego está presente en todas partes. Nunha zona tan pouco galegofalante como é Culleredo, é importante que os pequenos vexan que o galego tamén existe e que se pode desfrutar nas redes sociais. A vitoria tamén nos ensina que as cousas ben feitas teñen recompensa.

Que farán agora co premio?

Destinarémolo a actividades educativas e a mercar materiais didácticos, pero aínda está por decidir.

Xa pensan na edición do próximo ano?

Si, por suposto. Mentres tanto, estaremos preparando actividades de cara ao 8M, porque ante todo estamos unidos na loita polos dereitos das mulleres, polo feminismo e pola igualdade de dereitos. A mensaxe que lanzamos non é un tema menor e queremos seguir nesa liña. n

Tracking Pixel Contents