José Ángel Sánchez, presidente do comité de empresa de Losán: «Queremos un plan de viabilidade e que non xoguen máis connosco»
"Cremos que nos están poñendo como escudo para presionar nestas negociacións, pero para nós é inhumano que se chegue a isto. Temos compañeiros que tiveron que recorrer aos seus pais ou sogros para facer fronte aos gastos"
"A Xunta podía implicarse un pouco máis para que este plan sexa viable. Se ten esa facilidade para investir nunha empresa como Altri tantos millóns, pois para unha empresa galega que leva aquí sesenta anos, podía ter outra disposición"

José Ángel Sánchez nunha protesta ante a Delegación do Goberno / Carlos Pardellas
Levan meses sen cobrar e moitos tiveron que recorrer a axuda de familiares nunha situación de total incerteza laboral . O persoal de Losán, a segunda madeireira de Galicia, teme que a empresa peche definitivamente as portas e deixe na rúa a douscentos traballadores de Curtis, Vilasantar e A Coruña. Fartos de promesas, instan as administracións a dar un paso para garantir o futuro dun dos principais motores da comarca da montaña.
Cando empezaron a percibir que algo non ía ben?
A mediados de 2023 vimos que empezaba a haber un problema, que mesmo baixaba a carga de traballo. E pouco despois empezaron a saír as primeiras noticias dese problema financeiro. Supostamente se trataba de algo puntual, que se ía a arranxar, pero chegou febreiro de 2024 e puxéronse en preconcurso de acredores. Entón xa tivo que entrar o xuíz e presentarse un plan de reestruturación da débeda.
Nese plan de reestruturación prevían manter os empregos e a actividade de toda as plantas. En que fiaban a viabilidade do proxecto?
Era un plan de negocio a dez anos, con dous de carencia, e prevía a entrada dun investidor para manter a actividade e mesmo potenciala máis.
Pero finalmente ese investidor non apareceu…
Non, falouse de varios. Buscaban un investidor que non fose un fondo voitre: industrial, serio e que tivese o 100% de todas as plantas. Nunca contemplaron vender anaquiños, non, todo xunto e volver reactivar a actividade con iso. Falouse dun investidor que viña a través dun fondo ucraíno dunha empresa de Valencia que se dedica ao contrachapado de chopo, Mabesal. Digamos que se puxo en primeira posición para tomar o control e sacar isto adiante. Ía entrar despois do verán pero xa vimos que despois das vacacións a cousa empezou a non ir ben, incluso a empresa dábanos largas, que non entendían nada, que había problemas co investidor e chegaron ata finais de ano, en decembro, que foi cando supostamente retirou a proposta.
Cantos meses levan sen cobrar?
Non pagaron as nóminas de novembro, decembro, a extra, xaneiro…
E agora mesmo están de brazos cruzados...
Exacto.
Como puido chegar a segunda madeireira de Galicia a esta situación? Que pensan que pasou?
Eles sempre admitiron unha mala xestión, que houbo erros. Nós vemos que non houbo un control interno dos investimentos e dos fondos de axudas públicas. Exactamente non sabemos que pasou pero eles admiten que houbo unha mala xestión e erros.
Nos últimos anos esta empresa recibiu moitas axudas. Ten o crédito ICO, o da SEPI, a Xunta tamén achegou fondos… Por onde pensan que pasa agora a solución?
Nós pedimos que como hai administracións públicas e o SEPI é o maior acredor, que tomen as rendas do asunto.
Son moitos postos de traballo. Pensan que non pagar as nóminas pode ser unha forma de presión?
Cremos que poderían pagar as nóminas porque teñen outras liñas de negocio abertas. Teñen as fábricas do estranxeiro que están a funcionar e plantacións por toda Galicia. Cremos que nos están poñendo como escudo para presionar nestas negociacións, pero para nós é inhumano que se chegue a isto. Temos compañeiros que tiveron que recorrer aos seus pais ou sogros para facer fronte aos gastos. Pedimos un plan de viabilidade e que non xoguen máis connosco.
Neste caso hai unanimidade política. Todos os partidos piden un plan de viabilidade. Que lle piden ás administracións? Que pensan que pode facer a Xunta, por exemplo?
A Xunta achegou fondos a través de XesGalicia pero cremos que podía implicarse un pouco máis para que este plan sexa viable. Se ten esa facilidade para investir nunha empresa como Altri tantos millóns, pois para unha empresa galega que leva aquí sesenta anos, podía ter outra disposición. Si para Altri hai, aquí tamén podía haber. Non pedimos subvencións a fondo perdido, queremos retomar a carga de traballo, a actividade, cobrar e levar unha vida digna.
Mantiveron algún contacto coa SEPI ou con algún representante do Goberno central?
Non, solicitamos reunións coa SEPI e a través das forzas políticas algún deputado xa levou algunha iniciativa ao Congreso. Temos constancia da de Néstor Rego. A Deputación aprobou unha declaración institucional apoiada por todas as forzas políticas. E oito concellos fixeron tamén un manifesto pedindo ás administracións públicas solucións dado que o peche tería un gran impacto no rural.
Que non pode faltar nese novo plan de viabilidade?
Garantías laborais, que se manteñan os postos de traballo e a carga de traballo e tentar que a longo prazo vaia en aumento este tipo de industria, que é sostible. A ver se de cero volvemos ir retomando os niveis de outrora.
- El grupo de restauración La Penela, nuevo propietario de la antigua nave de Flex en Bergondo
- Nathalie Delgado, vecina de Oleiros: 'Mi perro me desfiguró la nariz y ahora tengo que vivir con él
- Nueva urbanización en Oleiros: las demoliciones llegan a los terrenos de A Xesteira
- Comida casera sin límites: el buffet de 14 euros en A Coruña que revoluciona el menú del día
- Morás no frena: Arteixo autoriza la conexión para una nueva industria cárnica
- Arteixo arranca su Feria de Oportunidades: 'Tenemos una comerciante que lleva 23 años seguidos participando
- Xenlleiro, el nuevo restaurante de Arteixo que apuesta por el sabor de siempre: 'Hasta ahora no había una propuesta como esta
- La fiebre del aguacate se extiende en la comarca de A Coruña