Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tofu Landeira, a revolución alimentaria creada en Cambre: "Pódese comer a dentelladas"

José Antonio Landeira e Marta García son os fundadores dun tofu ecolóxico feito con soia cultivada en Sigrás, Cambre. O produto de proteína vexetal busca pechar un ciclo de produción en Galicia de forma sostible pero sen perder o sabor

José Antonio Landeira e Marta García, os fundadores de Tofu Landeira, de Cambre

José Antonio Landeira e Marta García, os fundadores de Tofu Landeira, de Cambre / Iago López

Cambre

Dende a súa casa en Sigrás, Cambre, José Antonio Landeira e Marta García, traballan para crear un tofu ecolóxico que triunfa en todos os comedores onde aparece, de Inditex aos colexios.

Landeira explica que a elaboración de tofu sae "dun soño meu como enxeñeiro agrónomo" de pechar o ciclo de produción de materias primas galegas. "Canso de ver como en un país como Galicia producimos unha materia prima dunha moi alta calidade, pero non somos capaces de facer ese produto final, que é o que realmente produce diñeiro", destaca.

A escolla desta proteína vexetal parte de moita investigación e tamén de viaxes polo sueste asiático, a Indonesia e Vietnam, onde se familiarizaron con el. "O tofu que había nese momento era de moi mala calidade e vimos que podíamos superar o que había no mercado e facelo a partir da nosa propia soia cultivada. Entón tampouco había cultivos de soia ecolóxica en España", lembra o fundador.

As condicións de Galicia para este tipo de cultivos resultou ser as ideais, cun clima que dá auga "dabondo" para obter boas producións. Para a propia elaboración do tofu a parella asegura que "o procedemento é moi parecido ao de facer un queixo do país".

Todo isto fan que o resultado sexa un tofu "que podes comer a dentelladas", afirma Landeira. "Non é o típico tofu insípido, que é o que a xente ten metido na cabeza", di.

Éxito entre os máis pequenos

Esta alta calidade fixo que moitos dos chefs da contorna se interesaran polo alimento e comezaran a incluílo na súa oferta en comedores empresariais, como o de Inditex ou nas escolas. "Os máis pequenos son os que mellor o comen", explican os fundadores, en parte porque non teñen prexuízos. "Entendemos que de aquí a unha perspectiva de 5 ou 10 anos, xa o terán integrado nunha alimentación equilibrada", apunta García.

Con todo, os maiores aínda teñen que superar esa barreira de rexeitamento. "Se rompes esa barreira e o probas, gústache", sinala Landeira.

O paso clave para isto foi a implicación dos cociñeiros. "Sen eles serían imposible, no 90% dos casos atopamos unha colaboración directa con eles porque son xente que queren facer cousas. Que están innovando e que se implican no seu traballo para unha boa alimentación", destaca o cambrés.

"Chegamos ao punto de que agora temos que ir a tendas a vender porque os nenos demandan ese produto y non tíñamos puntos de venta", di o fundador.

Outro dos aspectos polos que Tofu Landeira marca a diferencia é pola súa insistencia en practicar a sostenibilidade onde fose posible. A empresa de Sigrás envasa o produto en cristal, co que os restaurantes ou comedores, cando rematan poden limpar e retornar os envases e que se podan reusar. "Queríamos crear un produto sostible pero que tamén contribuíse a economía circular", resalta Landeira.

A marca continúa crecendo, agora cos ollos postos na creación dun novo produto, tamén usando os seus cultivos de soia. "A nosa intención nun futuro é producir salsa de soia", explica a parella.

Tracking Pixel Contents