Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carlos López Cotelo, próximo candidato á alcaldía de Arteixo polo BNG: "Precisamos poñer fin a este urbanismo caótico"

Este soldador bergantiñán de 31 anos presentarase como portavoz das municipais de 2027 poñendo o foco na crise da vivenda e nos servizos sociais como eixes dun proxecto que busca "ordenar" o crecemento da localidade

Carlos López Cotelo, o candidato do BNG de Arteixo ás eleccións municipais de 2027.

Carlos López Cotelo, o candidato do BNG de Arteixo ás eleccións municipais de 2027. / LOC

Arteixo

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Arteixo abre unha nova etapa. Tras a decisión de Xurxo Couto de non repetir como portavoz da agrupación nacionalista, a asemblea local elixiu por unanimidade a Carlos López Cotelo como candidato á alcaldía para as municipais de 2027. Soldador de profesión e militante desde a adolescencia, Cotelo non é o perfil típico de político de despacho, como el mesmo asegura.

Xurxo Couto, Carlos López Cotelo e Raúl Fernández, do BNG de Arteixo.

Xurxo Couto, Carlos López Cotelo e Raúl Fernández, do BNG de Arteixo. / LOC

Este militante de 31 anos nado en Cabana de Bergantiños reside en Arteixo desde os 13 anos, onde ten a súa familia e onde traballa como soldador nunha empresa do polígono de Sabón. Pese á súa curta idade, a vinculación co nacionalismo vénlle de lonxe. De ver ao seu pai colaborar no BNG de Cabana a ser responsable local de Galiza Nova en Arteixo tras contactar, con só 16 anos, co propio Xurxo Couto, ao que relevará no seu cargo "coa ilusión intacta".

Por que decide dar o paso agora e aceptar a candidatura á alcaldía?

Cando Xurxo Couto comunicou que non repetiría para o ano, abrín un período de reflexión persoal ata tomar unha decisión. Levo moitos anos militando e sentín que era o momento de que unha persoa moza encabezase o proxecto. Arteixo é un concello cheo de xente nova que precisa ser escoitada. É o momento de dar un xiro e achegar o Goberno á realidade que hai na rúa.

Como ve a situación actual de Arteixo? Cales son as súas prioridades?

Temos o oitavo orzamento de Galicia, cuns 70 millóns de euros, pero as prioridades non están nos veciños. O alcalde escúdase en que a vivenda non é competencia municipal, pero con estes recursos pódense facer políticas activas. Non é normal que os alugueiros mínimos sexan de 700 euros en Arteixo. Outro gran problema é o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que non funciona como debería, e non se toman as medidas adecuadas. Non todo é construír novas instalacións; o que hai que facer é manter o patrimonio que xa temos e coidar ás persoas.

Cales serían as súas primeiras decisións se chegara á alcaldía?

A prioridade absoluta é aprobar un Plan Xeral (PXOM). Arteixo medra cunhas normas subsidiarias esgotadas que impiden un desenvolvemento organizado. Precisamos poñer fin a este urbanismo caótico. Ademais, poñería os servizos sociais no centro de todas as políticas públicas. O Goberno debe estar ao servizo da xente, e non ao revés.

Como imaxina o Arteixo de dentro de dez anos?

Gustaríame ver un Arteixo con calidade de vida real. Temos unha industria moi potente, e iso é bo, pero esa riqueza ten que revertir directamente nos veciños. Imaxino un Arteixo limpo, onde as empresas non contaminen, onde as bicicletas cheguen a todas as parroquias e onde aparcar non sexa unha odisea. Un Arteixo ordenado que saiba cara onde medra.

Carlos Calvelo encadea catro maiorías absolutas. Que lle fai pensar que o BNG pode romper esa hexemonía desta vez?

Nótase nas rúas que a xente busca un cambio. Desde que anunciamos a candidatura, o apoio que estamos recibindo, especialmente da xente nova, é impresionante. Temos un ano por diante para traballar, para levar a nosa ilusión a cada casa e demostrar que o BNG ten unha proposta de goberno sólida e transformadora para Arteixo. É posible se logramos transmitir a ilusión que temos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents