Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O "neno da guerra" Xesús Santos recibe o Premio Mártires da Liberdade en Carral por súa traxectoria no teatro e poesía

O rianxeiro recollerá o premio da Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro este venres na Casa da Cultura de Carral ás 20.00 horas. A entidade recoñece a mestre, autor, actor e historiador polo seu compromiso coa lingua galega e a memoria histórica.

Xesús Santos Suárez, premio Mártir da Liberdade de Carral

Xesús Santos Suárez, premio Mártir da Liberdade de Carral / LOC

Carral

Xesús Santos Suárez (Asados, Rianxo, 1936) é un "neno da guerra" que conseguiu manter o espírito galeguista e deixar a súa pegada singular no teatro, a poesía e a recuperación da memoria histórica. Estas son algunhas das razóns que o xurado da Asociación Cultural e Teatral “Abril de Lume e Ferro” de Carral cita para escollelo como Premio Mártir da Liberdade deste ano, un galardón que se entregará este venres ás 20.00 horas na casa da Cultura de Carral.

O rianxeiro admite recibir o recoñecemento "con agrado" e que "fai que agora me sinta máis próximo a Carral". A Santos Suárez pódeselle calificar de moitas maneiras. Mestre, dramaturgo, historiador, poeta, activista... El mesmo di que "probei un pouco de todo" e que nunca se dedicou a nada de forma plena, aínda que confesa que as súas paixóns sempre foron o teatro e a poesía.

O teatro quizais fora a súa compañeira de viaxe máis antiga. Santos Suárez comezou como actor aos seus 20 anos na compañía da súa parroquia natal, Airiños de Asados, onde, malia a censura imposta durante o réxime franquista, participaba en funcións en galego. Anos máis tarde converteríase no director do grupo ata o 2010. "É o grupo de teatro máis antigo de Galicia, o decano", sinala o rianxeiro, que engade que "sendo dunha parroquia rural de Rianxo pasábamos bastante desapercibidos". Grazas a iso, explica, puideron sobrevivir á ditadura con algunha sanción, pero sen represalias máis graves.

"A democracia foi unha marabilla, agora non hai que mandar unha obra á Coruña para revisar, para que a autoricen, censuren, que che corten partes... , a maior parte mandábanas xa denegadas e dicían: 'Pero qué manía tienen estos de Rianjo, siempre representando obras en gallego'. Mirábanos dunha maneira despectiva", lembra Santos.

Poesía e historia

Na década dos 70, Santos comezou a publicar poesía coa obra Balada do Vento na Ría. Aurora Marco, unha das membros do xurado do premio, explica que foron uns poemas de Manuel Antonio o que animaron ao rianxeiro nun primeiro momento a explorar o xénero. O autor ve o seu traballo como actor e como poeta de formas similares. "O actor tense que sentir un pouco poeta, un punto de romanticismo nunca lle queda mal, e o poeta tamén é actor porque declama", destaca Santos.

Non sería ata o fin da ditadura que comezaría a explorar o ensaio e o traballo de investigación histórica. E é que Santos, nacido pouco despois do golpe de Estado, viviu todo o réxime. "Eu non quería nacer tan pronto, porque miña nai estaba a chorar seguido, dábame conta que algo estaba mal neste mundo, pero chegou un momento que non me quedou máis remedio que asomar as orellas", di o premiado. O rianxeiro lembra a fame, o frío dos invernos, as "privacións" de case todo tipo e aquelas escolas "nas que por un lado adoutrinaba a igrexa e por outro o Estado". "Vivín varias Españas con varias formas de vivir, de maneira política, social, educativa, de modo que agora da gusto", sinala.

Nas obras sobre a historia da localidade barbanzana, Santos colaborou con Xosé Comoxo e nelas explorou desde a sociedade local durante a segunda república e os campos de concentración ata a historia das bandas de música e orquestras locais. "Todo o que fixen, fíxeno porque mo pasaba ben. Non quero que me lembren nin como actor, nin autor nin poeta, senón como un home sinxelo e que se dedicou a traballar por Galicia, polo noso idioma e a nosa cultura, que estaba moi desprotexida, atacada, acometida e asediada", di.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents