Os poetas laureados por Carral: "Os dous estabamos un pouco perdidos pero ningún estaba só de todo"
Os autores de 'Porcelana e Chumbo' reflexionan sobre o que supuxo escribir conxuntamente e dende distintas concepcións da lingua galega sobre soidade e o paso do tempo

Baldo Ramos y Sara Plaza, gañadores do Premio de Poesía de Carral 2026 / LOC
Por primeira vez na súa historia, o premio de poesía de Carral vai a dous autores: Baldo Ramos e Sara Plaza, pola obra Porcelana e Chumbo. Ambos recollerán o premio o próximo 5 de xuño no municipio.
Para Ramos, esta é a súa segunda vez acadando o galardón, aínda que 25 anos despois, cunha felicidade "máis contida" debido ás experiencias vividas. Para el, "recibilo de xeito compartido é unha maneira de complicidade poética", mentres que para Plaza "supón unha alegría moi grande".
A decisión de escribir xuntos parte dunha recensión ao primeiro libro de Plaza, explica Ramos. A raíz diso coñecéronse por amigos comúns e o poeta de Celanova tendeulle a man para un proxecto conxunto. "A miña idea era escribir só algúns poemas para estimular esa creatividade, pero ao final saíu un libro ben extenso", di. Deste modo, nun documento Drive compartido, dialogaron a través dos textos, que acabaron tendo coincidencias "sorprendentes", sen telas falado. "É o libro máis espontáneo que teño escrito e, seguramente por iso, o máis sincero", sinala Ramos.
Para Plaza, esta é a súa segunda obra en galego. A poeta é de orixe madrileña, pero comezou a interesarse pola lingua cando veu que as persoas galegofalantes mudaban o idioma para dirixirse a ela. A partir de aí xurdiu unha maior curiosidade pola cultura, historia e paisaxes de Galicia. "Quería tratar de entender esta terra e que algún día me recoñecesen os seus camiños como saben de min os que noutros lugares me acolleron antes de chegar aquí", lembra.
A creación nunha segunda lingua supuxo para ela un "exercicio de descentramento" e unha forma de poder tomar distancia consigo mesma. "A posibilidade de balbucir e recibir novas palabras en calquera momento da vida é un pequeno gran milagre, como o da poesía", explica Plaza.
A escritura como "indagación"
Durante o proceso de escritura de Porcelana e Chumbo, Plaza explica que intentaba avanzar pensando que para os dous "o que fose que estivésemos axudando a nacer ía ser igual de descoñecido”. "Os dous estabamos un pouco perdidos pero ningún estaba só de todo", di.
O poemario galardoado fala de soidade, memoria ou o paso do tempo, temas sobre os que cada un dos autores ten unha visión propia. "A escritura non deixa de ser unha indagación", sinala Plaza, que indica que "case nada do que achamos estaba previsto". Nesa indagación, Ramos volveu aos seus inicios como poeta, cunha voz "contida" e "reflexiva" para acoller aos lectores que pasan por cousas similares ás que narra. "Eu ía relatando como me sentía no meu día a día, sobre todo respecto da miña experiencia de afacerme á enfermidade e morte do meu pai e ao deterioramento cognitivo da miña nai", apunta Ramos.
Cada un coa súa voz, consideran o papel da poesía de forma diferente. "A poesía, coido, ten poucos deberes, existir e resistir talvez sexa un deles. A nós cómpre darlle espazo e facela durar", sinala Plaza, mentres que Ramos destaca a importancia de escribir "para abrazar, para entender os demais e renunciar a egos baleiros e frustrantes".
Suscríbete para seguir leyendo
- Cerceda nota el tirón de la Vía Verde con 18.000 usuarios en 2025: 'En el bar pasamos de vender dos menús diarios a 40 en menos de un año
- El asador de Lugo que conquistó el polígono de Sabón con su chuletón: 'Solo ofrecemos producto de calidad
- Marcos López, mejor instalador joven en la provincia de A Coruña: “Quiero ser electricista porque hay mucho futuro, tener una carrera ya no te asegura nada”
- La histórica panadería de Arteixo que sigue haciendo el pan como hace un siglo: 'De pequeño me dormía en los sacos de harina
- La terraza de Oleiros para ver el atardecer en primera línea: 8 grifos de cerveza y burgers con un pan 'espectacular
- Al rescate del antiguo jardín y el bosque del pazo de Baldomir: 'Es una península anclada a otro tiempo
- Oleiros abre el plazo para apuntarse a la cooperativa de la promoción Xardíns da Rabadeira
- Luz verde a la rehabilitación de Oseiro y Sol y Mar: la Xunta aprueba las ayudas para reformar más de 700 viviendas en Arteixo