Talesien, o grupo larachés que rompe esquemas co seu heavy metal: “Hai 25 anos chocabamos na aldea, pero aquí seguimos"
Os seis integrantes da banda metaleira, que competirá na final dos Premios Martín Códax o próximo 27 maio, atrévese agora con 'Volver', un novo tema en galego que aborda as historias de emigración de centos de galegos

Os seis itegrantes da banda de heavy metal Talesien da Laracha. / LOC
Baixo a roupa negra e as longas melenas de seis rapaces da Laracha agochábase, hai máis de 25 anos, unha paixón común: expresar as súas emocións a través do heavy metal.
Así naceu, a finais dos anos 90, Talesien, unha banda xa consolidada no panorama autonómico e nacional que competirá na gran final dos Premios Martín Códax da Música o vindeiro 27 de maio na categoría de Metal e Heavy. Chegan a esta cita despois de toda unha vida dedicada a "dar a nota" en máis de 300 concertos por toda España e Portugal.
Hoxe, aínda que coas melenas máis curtas que nos seus inicios e con algún que outro cambio de integrantes, Talesien mantén "intacta" a súa esencia. "Seguimos ensaiando no baixo da miña casa, coma cando eramos nenos", asegura o guitarrista Juan Carlos Cotelo, un dos membros máis veteranos do grupo. Formado por seis músicos, Cotelo afirma sentir un "gran orgullo" por chegar á final dos "Grammys galegos" un ano máis. "Igual, á terceira vai a vencida", di con esperanza o músico larachés.
Javier García (vocalista), Ismael Vidal (teclado), Jorge Sobrino (baixo), Manuel Brandariz (guitarra), Iván Couto (batería) e o propio Juan Carlos Cotelo forman Talesien. Este grupo de metal melódico, con catro discos ás súas costas, atrévese agora con Volver, un novo tema en galego que aborda a emigración e que conta coa produción de Iago Pico, o recoñecido produtor de Tanxugueiras.
"Falamos dos problemas que temos diante, sen pretensións"
"As nosas letras son melódicas, como as de Europe ou Iron Maiden, pero falamos dos problemas que temos diante sen pretensións", aclara Cotelo. Subliña que Volver é a historia de centos de galegos que tiveron que buscar un futuro mellor lonxe da casa: "Falamos dos avós e dos pais, pero tamén dos fillos que aínda teñen que marchar", afirma.
Autodefinidos como "intensos", estes metaleiros son coñecidos polas súas letras íntimas acompañadas de ritmos duros. Un estilo que, nos inicios, daba moito que falar. "Hai 25 anos chocaba moito a nosa imaxe 'cañeira' na aldea, pero aquí seguimos", lembra Cotelo, quen sinala que lograron gañarse o respecto e o cariño da xente grazas ao seu compromiso. "Viron que iamos en serio, que isto non era pura estética, senón a nosa paixón", declara.
O seu ía "doutra cousa". Concretamente, das emocións e dos sentimentos que precisaban botar fóra e que lograron canalizar a través de cancións coas que compartiron escenario con lendas como Obús ou Barón Rojo. "Agora temos dous músicos de 23 anos, así que logramos congregar a varias xeracións", destaca o guitarrista, poñendo en valor a implicación de todos os membros.
Talesien adoita reunirse dúas veces ao mes no garaxe de Cotelo, na Laracha, pero a súa conexión é diaria. "Agora podemos poñer en común cada peza desde a casa. Os tempos cambiaron, pero gústanos manter a unidade", sentencia o músico.
- La panadería de Carballo que conquista desde 1948: 'La gente congela nuestro pan cuando nos vamos de vacaciones
- Dimite en bloque el equipo directivo del instituto de Carral por la implantación de la FP Básica
- Arteixo comienza las expropiaciones para el proyecto peatonal en la carretera de Loureda a su paso por Ervedíns
- El barbero de Arteixo que levantó su propio negocio con 19 años: 'Lo importante es formarse y tratar bien a la gente
- La playa de Bastiagueiro en Oleiros celebra 40 años de bandera azul con un reconocimiento único en el Atlántico
- Dos ciclistas hospitalizados tras ser alcanzado un grupo de seis por un coche en Cambre
- Fallece un hombre tras caer de una escalera en Oleiros
- El Aquapark de Cerceda comienza una nueva temporada: consulta horarios y precios