Fran Naveira, cineasta arteixán: "A Coruña ten unha memoria LGTBI que estaba agochada na escuridade"
O realizador proxectará 'Reflexos do amor escuro', a súa nova obra audiovisual xunto a Gutier Rolán e J.A. Jiménez que explora a represión e as vivencias do colectivo durante as décadas dos 70 e 80, partindo dunha curtametraxe en Super 8 mm de 1978

O cineasta arteixán Fran Naveira. / LOC
Fran Naveira (Arteixo, 1977) leva décadas documentando a memoria audiovisual da provincia da Coruña. E, tras anos filmando a historia local, o realizador arteixán dá un paso cara ao íntimo e o social xunto a Gutier Rolán e J.A. Jiménez con Reflexos do amor escuro. Un documental que contou cunha gran acollida na súa estrea en Arteixo, e que chega este venres, 15 de maio, ao CGAI da Coruña ás 18.00 horas para mostrar aos seus veciños o esquecemento, a loita e os sentimentos do colectivo LGTBI na Galicia da Transición na cidade.
Este proxecto ten un punto de partida moi romántico: unha vella cinta de Super 8. Como xorde a idea de converter ese material doméstico nun documental sobre a memoria LGTBI na Coruña?
Todo nace da miña colaboración co actor e doblador J.A. Jiménez. Eu dedícome a dixitalizar material analóxico e, entre os seus arquivos, apareceu unha curta de ficción titulada ‘Reflexos’, que el mesmo gravara en 1978 en Super 8mm. Ao vela, fascinoume. Empezamos a reflexionar sobre o que supoñía gravar iso naquela época, sobre como se vivira o movemento gai e as cuestións de xénero na Coruña de finais dos 70. Xa nos pasara algo parecido co noso anterior traballo, O Aparecido. Ao final, o material analóxico é a escusa perfecta para poñer en valor obras que foron moi innovadoras no seu día e conectalas cunha realidade histórica: o movemento gai masculino na Coruña e a súa loita polos dereitos nese cambio de década.
Sorprende saber que un proxecto con esta carga histórica e artística se faga de forma totalmente independente. Como fixeron para costear o proxecto?
Non foi doado, pero non recibimos ningunha subvención nin axuda externa. Todo foi motu proprio, porque realmente non temos un interese económico, a nosa única finalidade é rescatar historias que nos apaixonan. Este xa é o sexto documental que facemos xuntos e facémolo por puro compromiso coa cultura e coa memoria.
No documental dánse a man as vivencias persoais e a investigación histórica. Como foi ese proceso de mergullarse na Coruña de finais dos 70?
O noso método non é o académico tradicional de ir primeiro aos arquivos. Nós preferimos o contacto humano. Buscamos persoas que nos contasen a súa historia en primeira persoa: como era o seu día a día, os seus medos e os seus espazos. A partir dun nome ía saíndo outro. Tamén contactamos con asociacións como Milhomes para dar rigor e veracidade ao contexto. O que nos gusta é escoitar á xente sen ideas preconcebidas, deixar que a cámara capte a realidade e logo sacar as nosas propias conclusións.
Despois deste proceso, a que conclusión chegaron sobre aquel tempo? Foi tan "escuro" como indica o título?
O título reflexa exactamente o que atopamos. Era unha época moi complicada e difícil. Había un menosprezo social absoluto que obrigaba ás persoas do colectivo a recluírse en lugares escuros e lúgubres. Vendo os testemuños hoxe, parece case ciencia ficción o mal que o pasaron. Pero tamén serve para valorar os avances sociais, e axúdanos a entender que a loita por eses dereitos, que hoxe moitos seguen defendendo, vén de moi atrás.
Algunha das historias que rescataron impactounos especialmente?
Houbo moitas revelacións. Unha das máis fermosas foi unha protesta na cafetería Manhattan da Coruña. Botaron a unhas mulleres por darse un bico durante un congreso de homosexuais e, ao día seguinte, como resposta, unhas 40 parellas presentáronse alí á mesma hora para bicarse en público. Foi un acto de rebeldía precioso. Tamén descubrimos unha xeografía da cidade que eu non coñecía. Locais e festas clandestinas onde moitos puideron ser libres pro primeira vez.

Fotograma do documental 'Reflexos do amor escuro'. / LOC
Lorca e os seus ‘Sonetos do amor oscuro’ actúan como fío condutor do documental. Por que escolleron a súa poesía para vertebrar este relato?
Queriamos facer unha homenaxe visual. Utilizamos a representación poética dun dos seus poemas como un descanso entre as entrevistas, como un espazo de reflexión. Gravamos estas pezas na biblioteca O Galgo Azul, un lugar con moitísima forza literaria. Foi a nosa forma de achegar beleza a unha temática que moitas veces é dura e incomprensible.
Como conseguiron que a linguaxe poética de Lorca, de principios do século XX, conectase coa Galicia que saía dunha Ditadura?
Optamos por unha representación moi alegórica: dous homes espidos falando nun espazo sen un contexto temporal definido. A nosa intención era poñer un pouco de luz en tanta escuridade. Fronte á dureza das historias, queriamos ofrecer unha mensaxe de apertura, de fermosura e, sobre todo, de igualdade.
- Cerceda nota el tirón de la Vía Verde con 18.000 usuarios en 2025: 'En el bar pasamos de vender dos menús diarios a 40 en menos de un año
- El asador de Lugo que conquistó el polígono de Sabón con su chuletón: 'Solo ofrecemos producto de calidad
- La terraza de Oleiros para ver el atardecer en primera línea: 8 grifos de cerveza y burgers con un pan 'espectacular
- Oleiros abre el plazo para apuntarse a la cooperativa de la promoción Xardíns da Rabadeira
- Una pareja de Culleredo acumula una deuda de 36.600 euros por un error con su dirección postal
- Cierra el Copacabana de A Coruña para celebrar sus 70 años por anticipado
- Cinco paseos marítimos cerca de A Coruña ideales para recorrer a pie: mar, acantilados y los mejores atardeceres de Galicia
- El Gobierno confirma a Coventina como adjudicataria definitiva del nudo de Meirama para la central reversible de As Encrobas