Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Iván García Campos, premio Manuel Murguía de Narracións Breves: "A base da literatura galega é a lírica e o relato breve"

O escritor acadou o galardón do Concello de Arteixo coa súa obra 'A comedia intelectual', un relato que parte do último verso da 'Divina comedia' de Dante para reflexionar sobre o paso do tempo

Iván García Campos na recollida do premio en Narracións Breves Manuel Murguía en Arteixo

Iván García Campos na recollida do premio en Narracións Breves Manuel Murguía en Arteixo / LOC

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Arteixo

O relato gañador do Premio Manuel Murguía de Narracións Breves de Arteixo, A comedia intelectual, parte do último verso da Divina Comedia de Dante Alighieri: "O amor que move o sol e as altas estrelas".

"Paul Valéry, un poeta francés estudante de Dante, dixo que despois da Divina Comedia e A comedia humana de Balzac que quedaba por escribir a comedia intelectual, e que o escritor que o fixese debería partir desa frase enigmática. E a min iso se me quedou gravado", explica o autor Iván García Campos sobre o punto de partida da escritura. "Comeceino con ese último verso e o relato ten como protagonista o paso do tempo e como inflúe nos outros personaxes", di.

O relato está influenciado por pensamentos filosóficos, non só de Dante ou doutros autores da literatura, senón tamén de figuras como Schopenhauer. "Para min a literatura non é contar. A literatura e a arte o que fan é suxerir. O que fai algo unha obra de arte é a súa forza de suxestión", sinala o autor. "Todo iso ten que basearse nunha idea. A idea non fai un texto, nin un relato, porque o importante logo é como contar o que queres contar. O texto é unha vía para xogar coas ideas e que se suxiran no texto, e logo o lector pode intuilas", engade.

Durante a recepción do galardón este pasado domingo, o xurado precisamente valorou esas reflexións que García Campos quixo suxerir. "No texto non aparecen tal cal, simplemente escribes unha historia que é sinxela de ler". O autor reivindica ese "exercicio intelectual" que require a literatura para percibir, detrás dun texto aparentemente fácil, unhas reflexións máis complexas. "Estamos tendendo moito a facer textos sinxelos e non sei ata que punto estamos formando lectores cómodos", di e insta a lectores e escritores por igual a implicarse coa escrita. "Ler un libro co cerebro medio apagado non fala ben dese libro. Eu sempre digo que unha cousa que se escribe sen esforzo se le sen pracer", apunta.

Narrativa curta

García Compos non é un novato na construción de relatos e literatura breve. A súa traxectoria literaria inclúe varios premios de narración curta, entre eles o Premio de Narración Curta Ánxel Fole, o Modesto Rodríguez Figueiro ou o Premio Blanco Amor pola súa novela O imposible de desatar. O escritor confesa que como lector partiu sempre dos relatos, de autores tan variados como Castelao, Cunqueiro, Dieste, Cortázar ou Borges.

"Eu penso que a base da literatura galega é a lírica, a poesía, e o relato breve", afirma García Campos, ao que lle atrae a complexidade que implica a redacción dun texto curto. "Unha novela o que te pide é moito tempo, podes espallarte, pero un libro de relatos implica dez historias diferentes. Se queres facer un bo libro de relatos iso implica moitísimo traballo", di o escritor, que explica que o seu último libro de contos levoulle cinco anos escribilo, fronte aos dous que traballou no Imposible de desatar.

A comedia intelectual, sinala, parte desa "morriña" que tiña pola narración curta despois de navegar polo mundo da novela. "Non quería que quedase moito tiempo aí parado y por eso acabei presentándoo ao Manuel Murguía, que era o único gran premio de relato galego que me quedaba gañar", explica o autor.

Tracking Pixel Contents