Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A creadora de contido cambresa que comezou en redes por un debate sobre o galego: "Sen esa polémica non me tivera atrevido"

Blanca Navarrete comezou a crear vídeos en TikTok impulsada pola polémica da 'influencer' Rebeca Stones e o uso do galego. Na súa canle busca visibilizar a música e a cultura pop en galego

A creadora de contido de Cambre, Blanca Navarrete

A creadora de contido de Cambre, Blanca Navarrete / GUS DE LA PAZ / LCO

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cambre

Blanca Navarrete comezou a crear contido por unha polémica sobre o galego. A pesar de non criarse coa lingua e coa intención de integrala máis na súa vida, a veciña do Temple aproveitou as emocións que lle espertou este episodo para buscar o seu oco na escena das redes sociais galegas falando de música e cultura pop.

A cambresa explica que o seu punto de inflexión para animarse foi a discusión que se xerou en TikTok por Rebeca Stones. A influencer viguesa publicara en febreiro deste ano un vídeo explicando algunhas das razóns polas que non falaba galego, o que abriu un debate uso da lingua na mocidade.

"Nese momento comezouse a falar moito dos neofalantes, da policía do galego...", lembra Navarrete. "A min sempre me gustaron moito as redes e eu teño moitas ideas na miña cabeza. Comentando cunha amiga sobre unha idea para un vídeo díxome que o tiña que subir", di a cambresa. Desde entón adícase a dar recomendacións das mulleres da escena de música urbana galega, a comparar os episodios máis polémicos dos concellos coas letras de Taylor Swift ou a entrevistar a grupos como Triángulo de Amor Bizarro. "Sen esa polémica non me tivera atrevido", insiste.

E é que todo o debate xurdiu cando ela mesma debatía como usar máis a lingua no seu día a día. "A miña relación co galego é un pouco turbulenta porque eu non me criei en galego, na casa sempre se falou castelán", sinala a creadora de contido. Non foi ata o instituto cando ela e os seus amigos comezaron a "tomar conciencia" sobre a necesidade de empregar a lingua. "Por falta de costume, porque no noso entorno non había ninguén que o falase, acababamos por falar galego un mes e logo o deixábamos", recorda.

Cando chegou á universidade e o mundo académico decidiu mudar por completo. "No ámbito laboral eu falo galego e como produtora audiovisual gustaríame facer cousas na lingua porque para min é importante que exista cultura en galego facilmente consumible", di, pero recoñece que aínda lle faltaba "integralo no ámbito doméstico" e por iso optou por comezar a crear contido.

Navarrete tamén identifica a explosión da música en galego como outro dos puntos de partida para os seus vídeos. "Estaba nun momento que me apetecía descubrir nova música, entón por que non facer contido sobre música en galego para tamén eu investigar e descubrir novas bandas", explica.

Con todo, a cambresa non se pecha a que o seu contido cambie e vire cara a outra dirección. "A música é a miña fixación do momento, igual dentro de dous meses fago vídeos doutras cousas, gústame falar do que teño interese".

Referentes e comunidade

E é que, para ela, non hai mellor momento para consumir e comentar a cultura en galego. "Cada vez é máis fácil atopar contido en galego xa sexa en redes, series, películas... se hai vontade, claro", afirma.

Tampouco lle faltan referentes ou persoas nas que inspirarse e que a acollen dentro desta nova aventura. "Rodri Míguez era un dos meus referentes, eu empecei a escoitar música en galego en parte polos seus vídeos, e nos primeiros vídeos que fixen compartiunos e comentoume, iso fíxome moita ilusión", di Navarrete e sinala tamén creadoras como Konachadas ou Patri Otero entre as que crean unha comunidade de apoio.

A pesar de levar pouco tempo subindo vídeos, a cambresa xa tivo algúns comentarios malos. "Os que tiven foron nos vídeos falando de Taylor Swift e das Winx, creo que é porque pensan que as cousas que lles gustan ás mulleres normalmente son de 'peor calidade' que o resto, se o fixera sobre Pokémon igual non tería eses comentarios", di.

Hoxe en día Navarrete considera este proxecto como un "hobby", algo que serve para poder explorar ideas, guionizar e, sobre todo, editar, que é o que lle apaixoa. "Eu pásoo moi ben, é o meu hobby. O que máis odio é subir o vídeo, pero o proceso de creación o disfruto entón mentres dure, sen expectativas, como se o ven 200 persoas ou 2, mentres eu o pase ben, seguirei facéndoo", destaca a cambresa.

Tracking Pixel Contents