Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A historia de Culleredo cobra vida na radio grazas aos alumnos do IES Rego de Trabe

Os estudantes do instituto Río de Trabe que pertencen ao Clube de Lingua contaron na radio local a historia detrás dos elementos patrimoniais máis importantes do municipio

Os alumnos do Clube de Lingua do IES Rego de Trabe co profesor Pablo Cobas

Os alumnos do Clube de Lingua do IES Rego de Trabe co profesor Pablo Cobas / CARLOS PARDELLAS / LCO

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Culleredo

O alumnado do IES Río de Trabe pasou o curso revisitando e contando os episodios máis importantes da historia de Culleredo na radio local. A fábrica da Cros, a ría do Burgo, a Torre de Celas ou os muíños de Acea da Ama foron os elementos protagonistas da actividade radiofónica, que tamén serviu para que moitos deles puidesen practicar o galego fóra do instituto.

Pablo Cobas, profesor de historia e coordinador do Clube de Lingua, explica que a iniciativa xurdiu de cursos anteriores, onde os estudantes que agora están en 4º da ESO foron os encargados de investigar as diferentes historias e recopilalas. "Comezou coa materia de proxecto competencial na que desenvolvemos o proxecto Ríos", explica o docente. "Os alumnos tiñan que investigar sobre a contorna do Rego de Trabe e, a partir de aí, eles foron buscando información e creando un pequeno texto entorno sobre a fauna, a flora e os monumentos da zona", detalla.

Para darlle saída a toda esa produción e documentación, Cobas decidiu presentar a Radio Culleredo a idea de que foran os estudantes de cursos inferiores os que verbalizaran e difundiran esa información.

Iker foi un dos alumnos máis asiduos á radio, empuxado en parte pola súa vocación de ser xornalista deportivo. "Gústame ensinar á xente no que traballaron outros compañeiros", admite o veterano. Moi poucos dos que participaron no proxecto coñecían os momentos que estaban narrando. "Tivemos que aprendelas cada un", sinala Diego.

Facer o proxecto axudoulles a contextualizar as vistas que ven cada día. "Eu falei da fábrica da Cros coa miña avoa, porque eu ubicaba o sitio pero non sabía que fora unha fábrica", di Diego. "Eu non sabía que na ría antes se pescaba e mariscaba, e con isto aprendín que desde que se puxo a fábrica alí xa non se pode pescar porque non hai peixe", explica o seu compañeiro Pablo. "Eu non coñecía a historia de Culleredo moi ben e facendo este tipo de traballo pois aprendes máis sobre onde vives e de onde vés", engade Adriana.

Nervios pola radio

Cobas explica que a idea de ir á radio ao principio "botáballes un pouco para atrás", pero que en canto foron probando se "engancharon rápido". "Para min foi algo difícil porque estabas nerviosa, sobre todo porque ía estar gravado e o ía escoitar a xente, pero despois de facelo pois foi ben", admite Adriana. "Cando chegaron alí xa perderan todos os nervios", apunta Iker.

Explicar todo en galego tamén foi para algúns un reto. Uxía sinala que "sendo castelanfalante custoume un montón" e admite que "estaba moi nerviosa por se non dicía a palabra correcta ou falaba en castelán, pero creo que falei bastante ben".

A actividade continuará nos cursos seguintes, esta vez explorando tamén a posibilidade de facelo xa dende setembro na propia radio do centro cullerdense.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents