Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Juan Fariña fabula sobre os misterios de Betanzos na súa última novela: "Decidín inventarme ao creador do globo, nada menos"

O escritor, primer tenente de alcalde en Bergondo, presenta a súa terceira obra, 'Agosto dezaséis', unha historia coral que plantexa un pasado alternativo ao da cancelación do lanzamento do aeróstato en 2023: "E se houbo globo e pasaron outras cousas?", pregúntase

Juan Fariña posa coa súa última novela no palco da música de Betanzos.

Juan Fariña posa coa súa última novela no palco da música de Betanzos. / LOC

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Bergondo

Agosto dezaseis. É o título da terceira novela do escritor bergondés Juan Fariña. Dúas palabras amuleto para calquera betanceiro, que só con oílas vese felizmente transportado á buliciosa praza do Campo ao fío da medianoite, coa vista posta nese globo de papel, o Globo, que supera o campanario da igrexa de Santiago para perderse na noite. A solta deste aeróstato de papel, considerado o máis grande do mundo, é o punto culmen dunha historia coral que se desenvolve na Vila, trasunto novelesco da cidade brigantina e protagonista mudo dunha obra que conduce ao lector polos seus recunchos (incluso os subterráneos) en distintos momentos históricos. La próxima presentación de Agosto dezaseis será o día 18 na Senra.

Juan Fariña é bergondés, aínda que naceu en 1973 nunha clínica na céntrica praza Irmáns García Naveira, sobre a mítica froitería Balbina. "Coñezo Betanzos desde neno e quero a Betanzos como o betanceiro que máis queira a Betanzos, igual", recalca o autor, que compaxina a escritura co seu labor como primeiro tenente de alcalde Bergondo. A política déixaa para o municipio veciño e móstrase renuente a pronunciarse sobre as opinións dalgúns dos protagonistas desta novela sobre a situación actual da Cidade dos Cabaleiros, o seu potencial desperdiciado, o abandono dalgún dos seus barrios históricos, o seu patrimonio desaparecido, da casa de Dona Águeda á capela de San Roque. Bueno, isto último si que lle fai perder a imparcialidade : "É incompresible, incomprensible", afirma mentres nega coa cabeza nunha conversación distendida con xornalistas na cafetería Lanzós.

En Agosto dezaseis, Juan Fariña sitúa ao lector nun pasado alternativo ao da cancelación da solta do globo de 2023. "Déuseme por pensar en construír unha realidade diferente: E se houbo globo e pasaron outras cousas ese agosto de 2023?", pregúntase. Sen ánimo de facer espoiler, pode dicirse que a novela expón un misterio que, como as matrioskas, esconde outros. Son varias tramas que conflúen nunha noite máxica para os betanceiros e que se estruturan en tres partes, "que se corresponden un pouco coas fases na elaboración do globo: preparación, inflado e lanzamento".

-É a súa novela coa estrutura máis complexa. Nótase máis seguro?

-Si, moito máis, xa me noto doutro xeito, teño moita máis confianza. É case como andar en bici. Aínda así eu teño que aplicar unha disciplina prusiana, sacando horas do meu tempo libre. Esta novela empeceina o 26 de agosto e termineina o 14 de decembro. Traballei nela todos os días de luns a xoves, tres ou catro horas todas as tardes.

No seu terceiro traballo, Fariña volve reflexionar sobre o patrimonio ou a memoria histórica e recupera a dous personaxes da súa primeira novela: As cartas de Abel, que transitan pola Vila xunto a un variado grupo de personaxes, unha cuadrilla de adolescentes, un inquieto aprendiz de escritora, unha resolta taberneira da Ribeira, un home que atravesa un doloroso duelo ,... Ata unha pantasma doente atrapada nunha casa da Cerca. Os personaxes ficticios conviven cos reais, como Claudino Pita, Vicente Ferrer, o rei Carlos III, ou Antonio Vázquez, o autor do mapa que documentou os danos causados polo lume do século XVII.

-Tivo que documentarse moito?

-Non, non moito, son un lector asiduo e coleccionista de publicacións como o Anuario Brigantino, moitas das historias xa as coñecía, aínda que obviamente tiven que refrescar as lecturas.

O devastador incendio de 1616, o pasado lazareto da Madalena e o seu escuro pretérito como campo de concentración e misterios insondables da Vila, como a orixe dos túneles que sucan o subsolo do centro histórico, con entradas desde casas particulares que de tanto en tanto emerxen en forma de titulares da prensa para quedar de novo sepultos no esquecemento.

En Agosto dezaseis, Juan Fariña atrévese a especular coa orixe destes pasadizos, que se vincularon con minas de mercurio, unha teoría con defensores e moitos detractores: "É un asunto que hai que investigar, é un tema moi interesante. Eu lanzo unha teoría tola pero que se demostre o contrario", chancea.

Non é a única teoría ousada que lanza unha novela que fabula tamén coa orixe do símbolo por excelencia de Betanzos, que sitúa máis aló dos Pirineos (e ata aquí podemos ler): "Pareceume unha idea fascinante que decidín inventarme ao creador do globo, nada menos", explica o autor, que presentou este xoves no Liceo a súa novela máis betanceira, con portada ilustrada por Elena Otero Chas, unha pintora que fixo da cidade brigantina a súa principal fonte de inspiración: "Vi a súa obra e chamoume moitísimo a atención", conta Fariña, que se decantou por unha paisaxe urbana con tonos máis apagados dos habituais na artista e que "se adapta como anel ao dedo" a obra.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents