Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

O claustro do Mosteiro de Bergondo volverá a converterse en escenario entre o 3 e 5 de setembro

A II Mostra do Teatro no Mosteiro representará tres obras, unha delas sobre a loita social das Encrobas

Rueda de presentación de la II Mostra de Teatro do Mosteiro.

Rueda de presentación de la II Mostra de Teatro do Mosteiro. / LOC

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Bergondo

A II Mostra de Teatro no Mosteiro, organizada polo Concello de Bergondo e a asociación Catro Gatos co patrocinio da Deputación da Coruña, celebrarase entre os días 3 e 5 de setembro no claustro de San Salvador de Bergondo cun cartel conformado por tres espectáculos e coa vontade de "combinar artes escénicas, patrimonio e asociacionismo cultural". Así o explicaron esta mañá, en rolda de prensa, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; a concelleira de Cultura de Bergondo, Patricia Vázquez; a representante da asociación Catro Gatos, María José Ferreño, e os integrantes da compañía Galeatro, Tone Martínez e Alba Bermúdez.

O Mosteiro de San Salvador, recoñecido como Ben de Interese Cultural, é un dos exemplos máis salientables da evolución do románico tanto na comarca das Mariñas coma no conxunto do territorio galego. O seu claustro converterase por tres noites nun escenario e poderá recibir un máximo de 150 espectadores. A entrada será libre até completar o aforamento.

A II Mostra de Teatro no Mosteiro ofrecerá tres espectáculos, dous deles vencellados á memoria colectiva e un terceiro que pivotará ao redor da poética do clown. A programación abrirá o xoves 3 de setembro, ás 21.00 horas, con Muiñada, espectáculo para o público familiar da compañía Galeatro. Muiñada é unha viaxe ao pasado para os nenos de hoxe que conta a historia de Sabela e Xacobe, que por un malentendido coa quenda se atopan nun muíño de auga. Ao ver que os dous non poden moer ao mesmo tempo, comezan unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música farán que os cativos e os que non o son tanto se acheguen a un edificio que foi fundamental para Galicia: o muíño de auga.

Xa o venres 4, a II Mostra de Teatro no Mosteiro pasará dunha primeira xornada dedicada ao público familiar a unha segunda na que se porá o foco sobre o teatro amador. Deste xeito, ás 21.00 horas, dará comezo a función de Encrobas, montaxe dirixida por Tone Martínez e interpretada por Elvira Varela, Óscar García, Arantza Rodríguez, Jose María Martínez, Soraya Sampedro. María José Ferreño e Lucía Ruiz. Encrobas é unha peza de teatro documental e de creación colectiva que revive un episodio clave da loita social en Galicia: a resistencia labrega no val das Encrobas durante os anos 70 fronte á expropiación forzosa das súas terras por parte do Estado franquista e da empresa Fenosa.

Como peche desta II edición, o sábado 5 de setembro, ás 21.00 horas, chegaralle a quenda a Dani Blanco Cía, que presentará ante o público Absurdia. Esta proposta reúne en escena a Arturo Cobas, Antón Coucheiro e o propio Daniel Blanco. Trátase dunha obra de improvisación para o público adulto e sustentada en dous piares fundamentais: o teatro do absurdo e a poética do clown. Nela, os actores danlles vida aos personaxes, improvisan diálogos e desenvolven escenas a partir das suxestións do público. Unha fábula que se ri do absurdo da condición humana: da inxenuidade e da vileza, da soidade, da fraxilidade, dos fracasos ou da incomunicación.

A asociación promotora, Catro Gatos

A Asociación Cultural Catro Gatos naceu en 2016 vencellada ao Centro Público Integrado (CPI) de Cruz do Sar, de Bergondo, onde os intérpretes Tone Martínez e Alba Bermúdez se encargan dende aquela dos obradoiros de teatro para o alumnado. A raíz desta primeira actividade formativa, medrou o interese nas artes escénicas na comunidade educativa. Un interese que se canalizou na constitución desta asociación cultural que mantén o seu propio grupo de teatro amador con integrantes de idades que van dende os 26 aos 65 anos. A Asociación Cultural Catro Gatos, entre outras iniciativas, desenvolve cursos de teatro para todas as idades, organiza o Maratón Teatral no que se amosa a actividade anual do grupo de teatro e promove o ciclo Marusía Escénica, no que participan agrupacións amadoras dos municipios de Carballo, Cambre, Sada, Bergondo e Oleiros.

Tracking Pixel Contents