O Novo Chuac é a maior infraestrutura sanitaria que vai acometer a Xunta de Galicia nesta lexislatura. Esta actuación permitirá dobrar a superficie construída, ata acadar os 225.000 metros cadrados de superficie. Isto supón o incremento do 108% de salas e postos de urxencias, o 50% de consultas e postos de observación de Urxencias e cun 15% máis de camas dispoñibles e un 50% de habitacións individuais. Habilitaranse novas zonas de aparcadoiro á disposición dos traballadores e usuarios, 30.000 metros cadrados e 2.600 prazas, ordenadas e seguras, das cales se reservarán o 3% para persoas con discapacidade.

Cómpre lembrar que a Fase 0, que suporá un investimento de máis de 13 millóns de euros, está xa en marcha. Dende primeiros de ano se están a acometer as obras de ampliación das áreas dos servizos de urxencias, a creación de novos hospitais de día e tamén novos espazos destinados a farmacia. 

O Novo Chuac contará cun edificio propio para a investigación a través do Instituto de Investigación Biomédica A Coruña (INIBIC) y o Centro Tecnolóxico de Formación, nunha aposta clara por unha liña estratéxica para o presente e o futuro da investigación e a innovación no sistema sanitario, permitindo a incorporación do coñecemento á práctica asistencial. 

O futuro do hospital coruñés

Permitirá desenvolver programas de formación para mellorar a atención e a seguridade do paciente, explorar novas oportunidades de innovación e proporcionar experiencias de aprendizaxe aos estudantes de medicina e enfermería, xunto con profesionais da saúde en todos os ámbitos da atención sanitaria a través do uso das ferramentas máis avanzadas de educación médica e formación. Ademais, a integración da investigación coa práctica clínica garante nunha maior calidade dos servizos de saúde e unha mellor e mais rápida implantación dos avances científicos na prevención, diagnóstico e tratamento das enfermidades.

Nos proxectos terase especialmente en conta a integración paisaxística, para que o Novo Chuac sexa unha referencia arquitectónica na cidade, así como outros aspectos como a eficiencia enerxética, a depuración de augas para paliar a concentración de medicamentos, a accesibilidade, a funcionalidade da asistencia sanitaria e os materiais e subministro de proximidade ou de “quilómetro 0”. 

O Novo Chuac é un dos proxectos máis importantes e prioritarios que está a impulsar a Xunta no conxunto de Galicia e o máis importante e prioritario que se está a desenvolver na área da Coruña.

O proxecto inclúe a reordenación e execución das vías necesarias para dotar ao complexo hospitalario público da Coruña dos accesos axeitados. Esta reordenación viaria terá, ademais, unha importante funcionalidade para a cidade, na medida en que dará servizo ao barrio de Eirís e á futura Cidade das TIC. 

Os documentos técnicos concretarán o establecido no Plan funcional e de espazos do Plan director do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, elaborado en diálogo co persoal sanitario e no que se estudaron alternativas distintas de situación, cos obxectivos de aumentar a superficie hospitalaria e incorporar novos e mellores servizos asistenciais.

O futuro do hospital coruñés

Así, nunha primeira fase dos traballos, para a que se prevé un prazo de 24 meses, está previsto levar a cabo a tramitación ambiental e tamén a tramitación urbanística.

Tamén se procederá á redacción dos proxectos de execución, levaranse a cabo as actuacións previas preparatorias, as obras de demolición, comezando previsiblemente polo derribo do hotel de pacientes, e activaranse as fases intermedias.

Na seguinte fase, cun período estimado de 6 meses, realizarase o proceso de licitación das obras principais, finalizándose as obras de demolición e xa tamén dalgunha fase. 

Na fase final executaranse e remataranse as últimas obras de edificación, tamén as últimas obras de urbanización e os últimos traballos do viario e dos accesos.

O obxectivo da Xunta é seguir mellorando a sanidade pública na área da Coruña, estar preparados para adaptarse aos cambios asistenciais e tecnolóxicos e atender as demandas dos profesionais, pacientes e colectivos. É dicir trátase de “blindar” o futuro da sanidade pública na área da Coruña, desenvolvendo unha infraestrutura hospitalaria de vangarda que ofreza máis espazos e máis comodidade, mellora da accesibilidade e novos servizos.

A licitación prevé que se deseñen os proxectos técnicos de tal forma que sexa posible poñer en funcionamento por fases diferentes, unidades de obra, de xeito que se poida ir mellorando e ampliando servizos o antes posible.