A política institucional debe estar moi pegada á actualidade e á realidade da xente. Refírome, claro, á boa política, á necesaria, á que non se constrúe inventando polémicas e disparando propaganda. Na Marea Atlántica cremos na política que observa, que escoita, que analiza e reacciona para denunciar problemas e propoñer solucións a cousas que afectan á vida da xente.

Pero a política tamén debe traballar en clave de futuro, preguntarse que horizonte queremos. Ter un modelo de cidade significa marcar un rumbo claro, poñer os medios para vencer inercias e superar obstáculos. Por iso agradezo moito a LA OPINIÓN que nun momento coma o presente, dominado polas urxencias e as tendencias, poña as luces longas neste suplemento que celebra 20 anos xa de bo xornalismo, e os moitos que virán.

Gústame imaxinar A Coruña de 2040 como unha cidade que abordou os seus principais retos poñendo a vida no centro das decisións. Que ante a ameaza dunha crecente desigualdade, apostou pola xustiza social, a distribución da riqueza e o reparto dos recursos públicos. Unha cidade que concibiu a vida digna coma un dereito, e non coma caridade que só serve para lavar a conciencia das clases privilexiadas.

En dúas décadas, esta cidade de dereitos converteuse tamén unha cidade coidadora. A Coruña de 2040 coida da saúde, da saúde física e da saúde mental, e afronta de xeito colectivo a mellora calidade de vida, defende os servizos públicos e a vida en comunidade. Nesta Coruña próxima de 2040 existen redes veciñais apoiadas polas institucións públicas, pensadas para o apoio mutuo e para desterrar a soidade non desexada. Nas rúas da Coruña de 2040 non se tolera é o odio, e ninguén ten que sentir medo por ser quen é.

Poñer a vida no centro significa facer da Coruña unha cidade máis habitable. Neste 2040, soubemos poñer o urbanismo ao servizo das persoas e non do sector inmobiliario. Os barrios volvéronse máis acolledores, con espazos públicos de calidade, comprometidos co reto climático desta nosa xeración e das vindeiras. Son barrios con máis zonas verdes, máis arborado, menos coches, máis lugares de encontro para as persoas. Con vivendas máis eficientes, máis confortables, máis accesibles.

A fachada marítima da Coruña de 2040 foi rescatada para integrarse na cidade como máximo expoñente dese patrimonio común atlántico. Despois da intensa mobilización cidadá, o porto mantívose como solo público, como espazo aberto, de servizos e de emprego. Sen desterrar a pesca e a nosa identidade mariñeira, explorando as posibilidades da economía verde e azul, para vivir do mar sen esgotar o mar.

A aposta da Coruña de 2040 polo medio ambiente traduciuse nunha economía máis innovadora na que, no contexto global e dixital, cobrou valor a proximidade, o local, o propio. Tamén mellorou a coordinación entre administracións na Área Metropolitana, cunha planificación conxunta da mobilidade, da ordenación do territorio, das políticas de vivenda digna e da prestación de servizos esenciais. A xestión compartida dos residuos sumóuselle ao longo de 20 anos a xestión da auga, a electricidade e o transporte, gañando soberanía no sector público para ofrecer servizos básicos dende a perspectiva do interese xeral, e non tanto do beneficio empresarial.

Neste 2040 unha cidadanía empoderada participa das decisións que se toman no Concello sobre o destino dos recursos municipais e sobre pequenos e grandes asuntos de cidade. A veciñanza goza da garantía de acceso á creación e á cultura, tanto desde as institucións coma desde o ensino público.

Esta imaxe da Coruña dentro de dúas décadas non é unha utopía: está feita de liñas de traballo xa iniciadas e grandes debates que se están librando actualmente. Ademais de urxencias e tendencias da actualidade política, hoxe decidimos o que seremos mañá. Tede por seguro que Marea Atlántica non escatimará en esforzos para seguir este rumbo.

Parabéns a LA OPINIÓN polo seu 20 aniversario e gracias pola iniciativa!