Os aniversarios son sempre un motivo de ledicia e de celebración, pero para un xornal, cumprir anos debe de ter, se cabe, un significado aínda máis especial. En 2021, LA OPINIÓN A CORUÑA cumpre máis de sete mil días de vida. É dicir, sete mil xornadas cheas acontecementos e cambios e, en definitiva, sete mil xornadas dedicadas á información. O diario supera xa a maioría de idade, e faino proclamándose como toda unha insignia para a nosa cidade, coa que creou unha especie de simbiose perfecta na que, mentres A Coruña crecía con LA OPINIÓN, o xornal facía o propio coa urbe.

Nestas dúas últimas décadas, o periódico presentouse como un dos altofalantes de Coeticor, como unha ferramenta máis e como unha canle de comunicación cos nosos colexiados e colexiadas. No Colexio somos conscientes da importancia dos medios de comunicación, e é que por algo se lles coñece como o cuarto poder. Porén, o vital papel que estes xogan viuse referendado, sen lugar a dúbidas, no último ano e medio, coa irrupción da emerxencia sanitaria da covid-19. Foi entón cando os xornais como LA OPINIÓN se converteron nunha auténtica ventá ao que estaba pasando na nosa cidade, en particular, e ao que ocorría en toda a Comunidade. Grazas por estar ao pé do canón e en primeira liña cando os demais non podiamos facelo.

Como xa dixen, ao longo dos últimos 20 anos, LA OPINIÓN foi medrando coa Coruña, así como con algunhas das empresas que conforman o tecido económico e que, hoxe, presumen, a nivel mundial, de ter nacido na nosa cidade. É o caso das coruñesas Inditex, Hijos de Rivera, Gadisa e da padronesa Cortizo, sen esquecernos doutras moitas que están , de igual xeito, a contribuír no desenvolvemento da industria en Galicia. Agardo, de corazón, que as noticias dos vindeiros anos sexan de auxe, de crecemento e do recoñecemento que Galicia merece, e que de seguro virá da man destas e doutras firmas.

Gustaríame rematar esta pequena felicitación cunha pequena reflexión. Malia que a priori poderían parecer profesións completamente distintas, os xornalistas e os enxeñeiros técnicos industriais temos moito en común. E é que, como no caso de LA OPINIÓN, o exercicio do noso traballo achéganos á cidadanía, permitíndonos resolver as súas necesidades cotiás. E se mo permitides, no xornalismo pasa algo similar: a transmisión da información é un servizo directo para a sociedade. Esta similitude non pode máis que manter os nosos camiños unidos durante, polo menos, outras dúas décadas. Parabéns por 20 anos de exercicio, de profesión e, sobre todo, de xornalismo de calidade.