Oleiros xa é hoxe un municipio singular e distinto con numerosas infraestruturas educativas, sociais, culturais e deportivas e dotado de amplos servizos públicos, aos que toda a cidadanía ten garantido o seu acceso. Malia estar totalmente consolidados, os cambios sociais e económicos son cada vez máis vertixinosos e requiren dun eficaz traballo de xestión para adaptarnos continuamente aos novos tempos e estar á altura das demandas e necesidades veciñais. Nesa transformación permanente pretendemos continuar avanzando ata acadar os niveis máximos de excelencia.

O desenvolvemento urbanístico sostible e a protección medioambiental posibilitou a creación de amplos espazos residencias e infinidade de parques e paseos que conectan e enlazan as distintas localidades. A aprobación de tres plans xerais urbanísticos ao longo da democracia permiten e blindan o futuro para un crecemento urbano humanizado, de baixa densidade, ordenado e sostible.

A conexión da vía Ártabra coa AP-9 e a A-6, as obras do túnel de Sol y Mar, a ampliación da ponte da Pasaxe e o paso subterráneo baixo a rotonda de Santa Cristina xunto coas melloras aínda pendentes no transporte público metropolitano acabarán por crear unha mobilidade fluída, imprescindible para a vida cotiá das persoas e un óptimo desenvolvemento económico e empresarial. Esas transcendentais necesidades son as grandes materias pendentes das Administracións central e autonómica en Oleiros e por extensión tamén no conxunto da comarca da Coruña.

Punta Canide en Oleiros.(l) La Opinión

É precisamente a área metropolitana o proxecto común máis importante ao que nos enfrontaremos. As próximas décadas deberán ser as da cooperación entre todos os concellos que formamos a gran urbe coruñesa, que vai máis alá das fronteiras da cidade. Ese mundo cada vez máis globalizado que nos impoñen obríganos a ser extremadamente eficientes e rigorosos a todos os xestores públicos. Os localismos e os partidismos curtoplacistas deben ser desterrados por completo na procura da prestación conxunta de todos aqueles servizos básicos nos que, coa participación de todos os concellos, podemos conseguir mellorar e abaratar notablemente.

O paso dos anos demostrou que o noso é un modelo moi beneficioso para o pobo de Oleiros, e que ademais está concibido para que todos os progresos acadados poidan perdurar no tempo. Por iso, estamos profundamente convencidos de que lograremos que neste territorio libre e aberto o verde continúe ganándolle a partida ao cemento e que a humanidade e a cultura sigan impoñéndose á intolerancia e á sen razón.