As cidades son organismos vivos que mudan e evolucionan de xeración en xeración, organismos complexos que necesariamente se adaptan aos tempos que lles toca vivir. As cidades percorren camiños que arrincan no pasado, chegan ao presente e enfilan o futuro. Mais non hai mapa que marque a ruta a seguir. O camiño trázase tomando as decisións acertadas, construíndo posibilidades e escollendo as máis acaídas para chegar ao onde se quere chegar.

A fermosa cidade que temos esculpiuse no tempo co cicel de quen durante o transcorrer da historia tomou as decisión correctas. O século XVIII albiscou o nacemento da urbe moderna na que hoxe vivimos, consolidando entón o seu papel á cabeza de Galicia e configurándose cun patrimonio único do que hoxe estamos orgullosos. Foi A Coruña da antiga Maestranza, da Casa Cornide, das Casas Paredes ou da Torre de Hércules tal e coma hoxe a coñecemos. Quen nos precedeu foi quen de converter os nosos peiraos nun próspero porto, dos primeiros de España no comercio con América.

O século XIX abundou nese desenvolvemento imparable co porto como principal motor económico. Decisións tan acertadas como a construción dos xardíns de Méndez Núñez nos terreos gañados ao mar son feitos que hoxe temos que agradecer. A cidade liberal, progresista e culta que albiscou un fértil modernismo e impulsou o Rexurdimento, seguiu a crecer en harmonía ata os anos 30 do século XX. O Kiosco Alfonso ou o edificio do Banco Pastor, por citar dous exemplos, demostraban que A Coruña estaba á vangarda do país.

Foi un Goberno socialista, o de Francisco Vázquez, o que nos anos 80 puxo fin a medio século de esmorecemento e volveu esculpir esta fermosa escultura que somos. Impulsou os maiores avances en material social, cultural, sanitaria e educativa e debuxou unha nova configuración urbana. A cidade soñada neses anos é a cidade que hoxe temos, coa súa universidade, os seus hospitais, as súas zonas verdes, os seus museos, centros cívicos, bibliotecas e servizos municipais.

Vista de parte de la ciudad de A Coruña desde el monte de San Pedro. Carlos Pardellas

Hoxe toca soñar outra vez e esculpir de novo A Coruña que legaremos aos nosos fillos. Toca soñar porque temos nas nosas mans os elementos precisos para darlle un novo pulo, un novo golpe de cicel á nosa cidade. Durante este mandato puxemos en marcha a integración dos peiraos, a construción do tren a Langosteira, do novo Chuac e o desenvolvemento dun novo modelo de mobilidade urbana, entre outros moitos proxectos. Todos eles elementos esenciais para debuxar un novo futuro, mellor e máis rico. Esenciais para trazar a folla de ruta que queremos seguir.

Nas vindeiras dúas décadas A Coruña enfrontarase á súa maior transformación urbana coa incorporación do porto á cidade. A mesma valentía que no século XIX permitiu que hoxe teñamos unha xoia coma os xardíns de Méndez Núñez, témola que ter para legar ás xeracións vindeiras un espazo público único e a disposición dos coruñeses.

A cidade que teremos será unha cidade máis fermosa e unha cidade con máis oportunidades para as coruñesas e coruñeses e para quen desexe facer da Coruña o seu fogar. Se no pasado o impulso económico veu do comercio marítimo con América e de industrias como a histórica Fábrica de Tabacos, no futuro a actividade portuaria seguirá a ser un dos piares dunha cidade que potenciará as novas tecnoloxías como renovado motor económico de Galicia. Esa Coruña será unha cidade innovadora, moderna e competitiva pensada barrio por barrio para as persoas, máis verde, máis amable e, por tanto, cunha maior puxanza no sector servizos. Unha cidade á vangarda de Europa en mobilidade sustentable e en espazos peonís, unha cidade aberta ao mar por todo o perímetro do seu istmo e que, por fin, abrace á ría da que forma parte. Coas decisións que tomamos hoxe construiremos mañá ese futuro. Temos o cicel na man para mellorar, entre todos, a nosa fermosa escultura. Para trazar no mapa o camiño que nos leve cara a cidade soñada que nos merecemos as e os coruñeses.