Dúas décadas poden parecer pouco para calquera persoa, pero para un xornal local, vinte anos equivalerían, practicamente, a vinte vidas. Pero máis aló da lonxevidade, son a rigorosidade, a veracidade, a obxectividade e a busca da verdade o que, realmente, define a un bo xornal. E tanto A Coruña como a súa contorna poden presumir e sentirse orgullosos de contar con cabeceiras que reúnen estes e outros moitos atributos, como LA OPINIÓN A CORUÑA. Nestes últimos anos, e malia á infinidade de cambios aos que tivo que adaptarse, o xornal foi quen de manter todos os ingredientes necesarios para continuar sendo unha publicación de referencia en Galicia.

Se alguén me preguntara que é o xornalismo diríalle que garda máis en común coa política do que a simple vista pode parecer. En ambos casos, a proximidade á cidadanía ten que ser a máxima prioridade. Tanto os políticos como os xornalistas debemos deixar, de xeito diario, calquera tipo de interese e ofrecer, por enriba de todo, un servizo público. Por iso, gústame pensar en LA OPINIÓN A CORUÑA como un compañeiro, case como unha especie de aliado co que traballar na consecución dun obxectivo común: axudar aos veciños e veciñas nas súas necesidades cotiás.

Ao longo dos últimos vinte anos, LA OPINIÓN foi testemuña do crecemento do noso municipio, non só en cifras de poboación, senón tamén en canto a servizos e infraestruturas para a veciñanza. O diario fíxose eco da nosa vida cultural e deportiva, das nosas tradicións e festividades e deulle voz, mil e unha veces, as nosas reivindicacións. En definitiva, realizou un labor público que, coa irrupción da pandemia da covid-19, se volveu aínda máis vital.

Desde o inicio da emerxencia sanitaria, todos os gobernos comezaron a cualificar de imprescindibles a distintos colectivos cuxo papel foi, sen lugar a dúbidas, fundamental. Porén, e sen ánimo de desmerecelos, creo que se esqueceron do esenciais que fostes, sodes e seguiredes sendo os xornalistas. Durante o confinamento domiciliario convertéstesvos nos nosos ollos, nos nosos oídos e nas nosas voces, permitíndonos saber, de xeito diario, o que acontecía en toda a comarca. Tan só teño que botar a vista atrás e pensar no último ano e medio para darvos as grazas polo voso encomiable labor. Parabéns por estes vinte anos aos que, de seguro, lle seguirán outros tantos.