Vinte anos non son nada nunha cidade que hai pouco tempo cumpriu o 800 aniversario do seu traslado ao actual Castro de Untia (casco histórico) e, con todo, estas dúas últimas décadas supuxeron para Betanzos, para a comarca e a súa área de influencia unha das súas épocas de maior transformación e modernización urbana, económica e social.

Catro lustros nos que LA OPINIÓN A CORUÑA soubo trasladar aos betanceiros e betanceiras o crecemento da cidade, do municipio, cunha visión honesta, rigorosa e tamén crítica pero construtiva do Betanzos que sae cada día para conquistar o futuro. Unha cidade que atopou nas páxinas de LA_OPINIÓN ese espello que reflicte o que hai, o que é, sabendo que a verdade, aínda que ás veces doia, é o camiño que nos fai mellores.

Quen vos ía a dicir hai 20 anos que alcanzariades este aniversario no medio dunha das situacións informativas máis convulsas e difíciles que se lembran. Quen podería adiviñar que o 2021 mergullaríanos de cheo nun escenario mundial case de ficción no que un novo virus chamado COVID-19 poñería en xaque a nosa maneira de traballar, de relacionarnos, de compartir, de amar e, en definitiva, de vivir a vida tal e como a coñeciamos ata ese momento. É nesta nova conxuntura mundial, chea de incertezas e desafíos de carácter político, sanitario, económico e social, onde os medios de comunicación xogan un papel fundamental, pois han de procurar que as mensaxes cheguen á cidadanía de maneira nítida, directa e fidedigna, é dicir, da forma máis comprensible posible. No medio dunha chea de ruído informativo, faise fundamental o exercicio do auténtico xornalismo, o que non confunde, o que achega luz a unha infinidade de opacas mensaxes. O xornalismo con maiúsculas é, agora máis que nunca, unha ferramenta útil e necesaria. O saber e o coñecer fannos máis libres, máis críticos, máis conscientes, máis empáticos e máis humanos. Máis aínda en tempos de pandemia.

Todos cambiamos nestes 20 anos e LA OPINIÓN A CORUÑA tamén. Soubo evolucionar ás necesidades informativas mantendo a súa identidade nunha sociedade onde o tempo transfórmase a ritmo vertixinoso e onde o desenvolvemento tecnolóxico é imparable. O xornal soubo adaptar a súa presenza á nova realidade: Presente no papel pero envorcada no futuro que marcan os novos soportes para a comunicación, mantendo o seu camiño vinculado á súa edición impresa pero sabendo adaptarse aos novos tempos, conectándose a través de redes sociais con persoas que queren estar informadas, ao momento, do que sucede. Vinte anos despois, a historia do xornal é a propia historia de Betanzos, das súas xentes, das súas tradicións.

Vivimos tempos difíciles en todos os ámbitos, tamén no dos medios de comunicación, pero non se alcanzan vinte anos de percorrido e traxectoria todos os días; por iso, quero agradecer aos impulsores do xornal, ao seu persoal, aos seus colaboradores, e ao grupo Prensa Ibérica, estes vinte anos de esforzo, dedicación e traballo. A pesar de que as relacións dos responsables públicos cos medios de comunicación non son sempre fáciles, este camiño fómolo percorrendo xuntos, ás veces con diferenzas, pero sempre coa mirada posta nun obxectivo común: conseguir un Betanzos mellor, unha sociedade máis próspera e cohesionada, máis xusta. Aínda que non sempre compartísemos a mesma visión, fomos testemuñas das mesmas alegrías e logros, dos mesmos desgustos, dos mesmos anhelos e retos por cumprir….por iso GRAZAS.

Gustaríame animarvos a seguir cumprindo metas e soños, afrontando o futuro coa vocación de informar desde o rigor e a veracidade, a non deixar de avanzar, crecer e seguir adaptándovos aos avances tecnolóxicos que demanda a sociedade e a continuar traballando para dar as mellores noticias e titulares de Betanzos.