Nun municipio pequeno como o de Carral, adóitase dicir iso de que as noticias voan, pero en moitas ocasións, esta expresión non lle fai xustiza á realidade. Porque nun contexto tan cambiante como o actual, a cidadanía precisa, máis que nunca, de fontes de información próximas, fiables e veraces. Porque nunha conxuntura na que a constante actualización marca o compás nas nosas vidas, os veciños demandan, cada vez máis, un diario que lles conte o que está pasando de xeito inmediato. E cando penso nestes e noutros atributos, asócioos, directamente, co xornal LA OPINIÓN A CORUÑA, unha das voces de referencia para o noso municipio.

Neste ano 2021, o xornal supera a maioría de idade, e se cumprir anos non fose xa suficiente, facelo nunha situación como actual ten aínda máis mérito. Estou practicamente seguro de que ninguén contaba coa irrupción da emerxencia sanitaria da COVID-19. A pandemia supuxo, tanto para os Concellos como para os xornais, unha maior carga de traballo. Pero foi, precisamente, naqueles primeiros meses de illamento domiciliario cando os veciños e veciñas demandaron máis os servizos das administracións locais. Foron os días de confinamento os que fixeron de xornais como LA OPINIÓN A CORUÑA un imprescindible no noso día a día. O inicio do estado de alarma puxo a nosa realidade en xaque e, nese momento, este diario proporcionounos unha mirada coa que saber o que acontecía na cidade e na comarca.

Parabéns polo magnífico traballo que realizastes nestes primeiros vinte anos de vida. E digo primeiros, porque estou completamente seguro de que a estas dúas décadas lle seguirán moitas máis.