O 19 de decembro de 1981 constituíase, no compostelán Pazo de Xelmírez, o Parlamento de Galicia. Tomaba forma a primeira das institucións autonómicas galegas, xurdida ao abeiro da Constitución española e do Estatuto de Autonomía que permitiron a Galicia exercer o seu propio autogoberno.

Habían de pasar case oito anos ata que o Parlamento de Galicia contou cunha sede propia, a actual do Pazo do Hórreo. Mentres, a institución traballou de prestado, primeiro, nunha breve etapa de pouco máis de medio ano na sede arcebispal de Xelmírez, e logo, ata principios de 1989, no Pazo de Fonseca, cedido pola Universidade de Santiago de Compostela, aínda que con outras dependencias dispersas pola cidade.

Protagonistas e testemuñas do agromar da autonomía recordan que a precariedade de medios ía acompañada dunha certa indiferenza social respecto ao autogoberno, realidade que o primeiro presidente da Xunta autonómica, Gerardo Fernández Albor, tratou de combater converténdose nunha especie de “apóstolo da autonomía” dedicado á “propagación do sentimento autonomista”, como el mesmo ten recordado.

Fernández Albor, galeguista confeso, non estivo só naquela tarefa. Contaba co alento de boa parte do galeguismo histórico, entre eles Ramón Piñeiro, deputado independente nas filas do PSdeG-PSOE na primeira lexislatura. Outro galeguista, Antonio Rosón, desempeñou a Presidencia do Parlamento ata o seu falecemento a comezos da segunda lexislatura. Previamente, a Asemblea de Parlamentarios elixira a Rosón (daquela, na UCD) como primeiro presidente da Xunta provisional (preautonómica), pero foi posteriormente “dimitido”, como relata Justo Beramendi na súa Historia mínima de Galicia, por ser “demasiado autonomista e demasiado aberto ao diálogo con todos”. Paradoxos da política.

Aínda que a esencia e as funcións —lexislativa, electiva, de control e impulso da acción do Goberno— do Parlamento se manteñen convertendo a esta institución no epicentro da vida política de Galicia, as formas do traballo mudaron radicalmente nestes 40 anos.

O primeiro cadro de persoal estaba integrado por 43 prazas. Algúns daqueles primeiro funcionarios (hoxe preto de 80) continúan aínda en activo, pero xa próximos a xubilarse.

Rememoran anécdotas como cando desde os baixos do Pazo de Raxoi —onde contaban con oficinas— escoitaban as protestas dos detidos nos calabozos municipais, lindeiros cos seus espazos de traballo. Relatan como, na época anterior á dixitalización, os plenos se gravaban en cinta magnetofónica, e había que parar a sesión para poder cambiar o soporte. Ou como boa parte da sesións parlamentarias se celebraban en horario de tarde para que os deputados puidesen atender as súas obrigas profesionais durante a mañá. Eran outros tempos.

Na última década, o Parlamento de Galicia consolidouse como a Cámara Lexislativa máis activa de España, tomando como referencia o número de horas de debate en Pleno. Ao tempo, é unha das máis eficientes, cun custo medio por deputado amplamente superado polos Lexislativos das restantes Comunidades históricas.

A extensión das tecnoloxías da información e a comunicación mudou a forma de traballar da Cámara. De manexar toda a documentación en papel (o proxecto de lei de Orzamentos de cada ano ocupaba varias caixas) o Parlamento converteuse nunha institución dixitalizada, na que practicamente todos os trámites —agás os que exixen presencialidade— se poden efectuar sen papel, e mesmo en modo teletraballo, como sucedeu durante o confinamento decretado na primeira onda da covid-19. De gravar as sesións en cintas de audio, pasou a emitir os seus debates en directo a través da Internet, cunha mediateca que permite acceder aos vídeos das sesións dos diferentes órganos.

O primeiro Parlamento de Galicia contou só con tres deputadas: Mª del Carmen Lovelle Alén, Emma González Bermello (que tomou posesión vestindo un traxe galego) e Flora Veiga Aldariz. Na actualidade, 40 dos 75 escanos están ocupados por mulleres.

Con todo, a Cámara non sempre tivo 75 escanos. Nas dúas primeiras lexislaturas estivo integrada por 71. O Estatuto fixa entre 70 e 80 o número de deputados do Parlamento galego .

Canda a composición e as ferramentas de traballo, cambiaron os debates. Semella que as súas señorías pasaron páxina respecto aos enfrontamentos agres e mesmo algúns incidentes rexistrados no pasado entre as paredes do Pazo do Hórreo, actitudes que, aínda hoxe, non resultan infrecuentes noutras cámaras con maior fragmentación, mesmo no Congreso dos Deputados.

Formas á parte, tampouco o discurso parlamentario actual ten moito que ver co de hai 40 anos. Cambiou a dialéctica, cambiou o perfil dos deputados e cambiou a sociedade. A ironía e a retórica do pasado foron substituídos por unha oratoria máis directa.

Queda, para a historia, a frase máis célebre do parlamentarismo galego. Pronunciouna Manuel Iglesias Corral en 1986 nun debate sobre, daquela, a recente crise de Goberno. “Aquí pasou o que pasou e sabémolo todos”, sentenciou o veterano tribuno.