Coido que a información de calidade debe considerarse un servizo esencial para acadar unha sociedade do benestar. Necesitamos coñecer o que está a pasar, de xeito rigoroso e cada vez con maior inmediatez. Os avances sociais sempre irán da man da fortaleza dunha comunicación efectiva.

E neste contexto o labor do xornalismo antóllase imprescindible. Máis no que atinxe ao ámbito máis local, onde non existen os medios dispoñibles no eido da globalidade que preside agora o noso mundo. E moito máis no ámbito rural, onde o acceso ás canles dixitais continúa con dificultades notorias.

As veciñas e veciños dun concello como o de Bergondo requiren información da súa contorna máis próxima. A dispersión característica de Galicia é un detonante aínda maior para esta necesidade. Os medios de comunicación permiten coñecer a realidade doutros núcleos e parroquias, as historias de cidadáns que non viven moi lonxe, os programas aos que poden acceder ou as actuacións que están a desenvolverse. Son vehículos fundamentais para a vida.

LA OPINIÓN A CORUÑA contribúe de forma directa a este carácter esencial da prensa. O seu obxecto principal reside nesa información próxima, da cidade e da comarca. Levar 20 anos é un auténtico logro e iso significa que as noticias do eido máis próximo interesan á xente.

A proba máis real ocorreu coa pandemia, especialmente no confinamento. Naquel complicado momento tiñamos a completa necesidade de saber que pasaba ao noso carón. Foi xornalismo con maiúsculas e valeu para decatarse que a comunicación sempre foi e será crucial.

LA OPINIÓN A CORUÑA é un xornal aínda mozo pero xa implantado. Porque cumprir 20 anos supón un fito, unha aposta por informar sobre o que máis preocupa a xente. Xa formades parte intrínseca de nós.

Grazas a todas e todos os profesionais por estas dúas décadas de traballo. Parabéns LA OPINIÓN e forza no camiño longo que tedes por diante.