Temos por diante o enorme reto da reactivación. O reto de conseguir que a comarca e a provincia da Coruña sigan sendo a locomotora económica de Galicia e, ao mesmo tempo, unha referencia en protección social para que ninguén quede atrás na saída desta crise.

O mundo cambiou moito nestes vinte anos, pero o xornalismo segue a ser tan necesario coma sempre, especialmente no eido local. Hoxe, máis que nunca, precisamos medios de comunicación implicados nos problemas e realidades que afectan á cidadanía.

LA OPINIÓN A CORUÑA naceu co novo milenio e nestes 20 anos converteuse nun dos principais referentes informativos desta cidade e da súa área metropolitana, grazas a un xornalismo rigoroso e independente e ao seu permanente compromiso cos grandes temas que afectan e interesan á cidadanía desta cidade e a súa comarca.

Durante estas dúas décadas, este xornal ten sido testemuña diaria da evolución e progreso da Coruña e soubo facerse un oco no panorama informativo local, construíndose unha sólida reputación grazas ao seu seguimento transparente e crítico da actualidade, sempre desde unha perspectiva coruñesa.

O mundo cambiou moito neste tempo, pero o xornalismo segue a ser tan necesario coma sempre. Especialmente no eido local, onde os medios xogan, ademais do seu papel informativo, un importante rol como voceiros dunha sociedade cada vez máis esixente e plural.

Hoxe, máis que nunca, precisamos medios de comunicación implicados nos problemas e realidades que afectan á cidadanía e ao noso tecido social e económico, a miles de traballadoras e traballadores, pequenas empresas e autónomos seriamente afectados pola pandemia que mudou as nosas vidas no último ano e medio.

Temos por diante o enorme reto da reactivación. O reto de conseguir que a comarca e a provincia da Coruña sigan sendo a locomotora económica de Galicia e, ao mesmo tempo, unha referencia en protección social para que ninguén quede atrás na saída desta crise. É responsabilidade de todas e todos: cidadanía, empresas, administracións, e tamén medios de comunicación, traballar unidos para poñer este motor en marcha de novo e levalo ao seu máximo rendemento.

Neste cometido, é importante a labor de medios de comunicación que dean a coñecer o moito que a sociedade coruñesa é capaz de facer, que sirvan de escaparate aos nosos emprendedores, ás ideas, ao talento e o esforzo que milleiros de coruñesas e coruñeses dedican cada día a superar a crise. Medios tamén críticos e independentes, que sirvan como acicate para que as distintas administracións impulsen e coordinen medidas efectivas de apoio ao emprego, que segue a ser a principal preocupación dos cidadáns, e aos nosos sectores produtivos, promovendo ao mesmo tempo as sinerxias entre eles para aproveitar adecuadamente as numerosas potencialidades desta comarca, a primeira de Galicia en canto á xeración de riqueza.

Dicía con nostalxia aquel popular tango de Gardel que “veinte años no es nada”. Sen embargo, é un

período de tempo suficientemente longo para deterse un instante,

botar a vista atrás e facer balance do camiño percorrido. Penso que LA OPINIÓN pode sentirse orgullosa do seu pasado e mirar ao futuro co optimismo e a confianza que dá o traballo ben feito.

Hai dúas décadas, LA OPINIÓN A CORUÑA xa apuntaba no seu decálogo fundacional a súa vocación de ofrecer información rigorosa, contrastada e veraz, que axude a comprender e interpretar a realidade, en esquecer que o público é o verdadeiro dono da información e, polo tanto, protagonista fronte a calquera poder.

Hoxe eses principios mantéñense vivos nas páxinas deste diario, que defende desde a súa independencia os intereses colectivos da cidadanía coruñesa e da voz ao seu amplo e diverso tecido social, político e económico. Confío en que dentro doutros vinte anos, LA OPINIÓN seguirá sendo un dos referentes informativos da Coruña, cidade que leva na súa cabeceira e no seu ADN.

Desde a Deputación da Coruña, os nosos parabéns a todo o equipo LAOPINIÓN por seguir mantendo co seu traballo diario unha das referencias informativas desta cidade e desta comarca. É unha forma máis de contribuír a facer Galicia.