Dúas décadas atrás saía á rúa o primeiro número de LA OPINIÓN A CORUÑA, un xornal novo, froito do traballo e a ilusión dun grupo de experimentados profesionais da comunicación e dunha aposta decidida do grupo editorial no que se integra.

O tempo transcorrido e o traballo cotián consolidaron aquela aposta como un alicerce básico da información local, unha das ofertas máis demandadas e valoradas polos lectores.

Celebramos, neste ano, o 40 aniversario da Autonomía de Galicia. Trátase de diferentes conmemoracións que arrancaron o pasado 6 de abril, ao se cumpriren catro décadas da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía, e continuarán noutras dúas datas significativas: o vindeiro 20 de outubro (40 anos das primeiras Eleccións ao Parlamento de Galicia) e o 19 de decembro deste mesmo ano (aniversario da constitución do primeiro Parlamento autonómico), epicentro das institucións que articulan os poderes da Comunidade Autónoma.

Conmemoramos unha historia de éxito, o autogoberno de Galicia que propiciou a etapa de maior estabilidade e progreso de toda a nosa historia. Como médico e como xestor sanitario, recordo perfectamente cando as competencias sanitarias se xestionaban, de maneira centralizada, desde Madrid e nos viamos obrigados a “mendigar” atención especializada para os pacientes galegos afectados por patoloxías altamente complexas, en hospitais de fóra da Comunidade. Ou cando os médicos de cabeceira tiñan o consultorio nos seus propios domicilios porque non existían os centros de saúde tal e como hoxe os coñecemos. A precariedade de outrora contrasta coa potente rede hospitalaria e de atención primaria —pública, universal e gratuíta— á disposición da cidadanía galega. Cito o exemplo da sanidade porque o coñezo ben por propia experiencia, pero podería referirme a situacións análogas noutros ámbitos, sexa no da educación, as infraestruturas, o agro, a pesca e tantos e tantos outros.

Pero este longo percorrido de Galicia cara ao seu autogoberno non sempre foi un camiño de rosas. Para ser honestos, hai que admitir que a configuración da autonomía botou a andar nun contexto dunha certa indiferenza social, sempre compensada —e quero subliñalo expresamente— cunha notable atención por parte dos medios de comunicación. Debemos falar, por tanto, dun éxito compartido porque beneficia o conxunto das galegas e galegos, ao tempo que cómpre recoñecer e agradecer a atención informativa dispensada ás institucións autonómicas —incluído ao propio Parlamento— por parte dos xornalistas dos diferentes medios de comunicación que, como tantas outras veces, axiña se decataron do horizonte de oportunidades que se nos abría coa transición democrática e a posterior descentralización auspiciada pola Constitución e o Estatuto.

Panorámica del Parlamento de Galicia, durante una sesión de control al Gobierno gallego. Xoán Álvarez

Avanzado o tempo, nesta época na que a desinformación e as noticias falsas teñen adquirido dimensións preocupantes e se erixen como unha seria ameaza para as sociedades occidentais, a prensa escrita constitúe —como o foi durante a transición e en tantos outros momentos transcendentais da nosa historia— un reduto de credibilidade que todas e todos estamos obrigados a apoiar e preservar.

Mentres que bulos e fake news ameazan a democracia, a prensa escrita e o conxunto do xornalismo feito con rigor e honestidade tórnanse medios confiables que alimentan a conciencia crítica da cidadanía e exixen un permanente esforzo de transparencia a empresas e institucións. Un contrapoder sempre necesario.

Fronte a esta realidade incuestionable, os novos hábitos de consumo e os soportes dixitais configuran unha ameaza para o modelo de negocio tradicional que a ninguén deberían deixar indiferente. Máis aló dos intereses dunha ou doutra cabeceira, cómpre unha aposta pola fidelización dos lectores; cómpre recuperar —especialmente entre a xente moza— hábitos de lectura ameazados polas crecentes distraccións coas que nos topamos en cada momento; cómpre, en suma, tomar conciencia, a título individual e colectivo, de que consumir prensa escrita constitúe un deber cívico que redunda no noso propio beneficio, como persoas e como sociedade.

Trátase, obviamente, dun reto de altura, pero un reto factible, da man da profesionalidade, a honestidade e o rigor que acompañan este xornal desde os seus inicios. Longa vida ao bo xornalismo!