Tal vez vinte anos sexan hoxe demasiados para facer proxeccións razoablemente realistas en calquera ámbito. Os grandes retos da humanidade (Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable) formúlanse para a década dos 30. Igual sucede coas axendas das administracións públicas (Axenda urbana da Coruña 2030) e mesmo coas reflexións das universidades españolas sobre si mesmas, como se recolle no informe Universidad 2030.

Certamente, sáese desa tónica o documento estratéxico España 2050, co que o Goberno de España saca a debate público propostas para unha estratexia nacional a longo prazo. Entre esas propostas, por certo, algunhas referidas, como é lóxico, á universidade e facilmente subscribibles por quen estea interesado na mellora da educación superior.

En realidade, sen requirir o auxilio máxico dunha baralla de tarot, nin de botar man dunha boliña de cristal ou de lle escribir unha carta aos reis magos, non me resulta moi complicado situarme na perspectiva de 2040 para albiscar o papel protagonista da Universidade da Coruña na cidade e en Galicia dentro de dúas décadas.

Porque a fotografía da universidade de 2040 será o reflexo natural da universidade que estamos perfilando agora. Para as nosas aulas e os nosos laboratorios será un chanzo máis, un referente temporal no contexto dun planificado “continuum” formativo e científico. Un proceso de evolución e de adaptación permanente ás necesidades dunha sociedade contemporánea que ten entre os seus signos de identidade o cambio permanente.

Igualmente, A Coruña de 2040 será A Coruña que estamos a debuxar hoxe. Nese futuro inmediato, nese futuro inexorablemente dixital e sustentable, a UDC terá afondado no seu papel de motor de innovación tecnolóxica esocial e de captación de talento, cunha Cidade das TIC a pleno rendemento como potente polo de investigación e de innovación e, xa que logo, de emprego, crecemento económico e progreso.

Na Universidade da Coruña acabamos de reconfigurar a nosa estrutura na cidade agrupando os centros en dous campus especializados: Campus Sustentabilidade e Campus Innova. Pois dentro de vinte anos, sobre esas dúas trabes docentes e científicas, teremos consolidada a achega da UDC á cidade e a súa área metropolitana con profesionais formados en titulacións de vangarda e co talento e a capacidade de innovación dos seus grupos de investigación.

Seguro que esas achegas serán fundamentais nas dúas décadas próximas no deseño da área metropolitana coruñesa que queremos e ambicionamos. Achegas que crean valor e melloran a calidade da vida da cidadanía. A Universidade no núcleo motriz dese desenvolvemento urbano “ecolóxico, máis intelixente, sustentable e socialmente máis inclusivo” polo que aposta a Axenda Urbana 20/30 da Coruña. A Universidade pública contribuíndo, por exemplo, ao redeseño da fachada marítima da cidade e liderando a súa evolución cara á cidade intelixente do futuro que xa está aquí.

Unha Coruña máis habitable, máis desenvolta, máis solidaria e máis culta asentará o seu novo modelo sobre a base da innovación social e tecnolóxica fundamentalmente xerada polo talento que agroma no seu campus universitario. Un campus activo na “exportación” do coñecemento que acubilla, cunha decidida vocación colaborativa coas administracións locais, coas empresas (pequenas e grandes) da cidade e de toda a área e coas organizacións e entidades que lle dan vida ao seu tecido social e cultural.

A sociedade coruñesa poderase mirar no espello da súa universidade pública porque será un modelo de universidade sustentable, con visión de futuro nas súas titulacións e aberta aos novos procesos de formación ao longo de toda a vida que vai propiciando xa a sociedade do coñecemento. Unha universidade, ademais, modélica no seu compromiso social e ambiental. Un referente de prestixio na formación dunha cidadanía global, inclusiva, tolerante e responsable.

En 2040 a Universidade da Coruña, apenas cumprido o seu primeiro medio século de vida, seguirá sendo unha universidade nova e seguro que xa con algunha reitora na súa historia recente.

Daquela, os da miña quinta poderemos repasar como foron os vinte anos anteriores, desde a tranquilidade que nos dá saber que, segundo din os estudos demográficos, para entón España será o país coa maior esperanza de vida do mundo.