Aínda que poeticamente é un verso precioso, non estou de acordo coa parte do tango de Carlos Gardel cando afirma que vinte anos non son nada. Vinte anos poden cambiar a fisionomía dunha sociedade, ou tamén pasar sen pena nin gloria, desaproveitando as oportunidades que se presentan. Polo tanto, aproveitando a oportunidade que me brinda a celebración do vinte aniversario de LA OPINIÓN A CORUÑA, permitiranme os seus lectores lanzar unhas ideas de como poden ser os vinte anos seguintes de Arteixo e a súa comarca. Todas estas ideas non se poderán implantar só desde o municipio, senón que requirirán a colaboración de todas as administracións que gobernan a vida dos cidadáns: Estado central, Xunta de Galicia, Deputacións e, por suposto, o Concello.

Creo que a primeira preocupación dun político debe ser que os cidadáns dispoñan de oportunidades laborais, porque esa será a base para que todo funcione. Os concellos debemos exprimir todas as competencias que temos para traballar en dúas áreas nas que podemos facer cousas: a formación, poñendo a disposición dos veciños cursos e obradoiros para que aqueles que non encontran traballo se formen en áreas onde haxa oportunidades; e na chegada de empresas, dando todas as facilidades administrativas para que as empresas da nosa contorna se expandan e cheguen outras novas, de modo que se dean as condicións para ofrecer postos de traballo.

Outro dos protagonistas dos próximos anos deben ser os servizos públicos. Os concellos debemos, dentro das nosas posibilidades orzamentarias, mellorar todo o abanico de servizos os cidadáns: tanto os relativos aos servizos sociais que protexen os máis débiles, como poden ser os nosos maiores ou os nenos; como en canto á ampliación e construción de novas infraestruturas deportivas e de ocio, ou a aposta pola sostenibilidade, coa potenciación desde o público do servizo de recollida de residuos, a xestión do ciclo da auga ou o transporte colectivo.

Para lograr todos estes obxectivos que melloren a vida diaria dos cidadáns, hai que optimizar os recursos e crear outros novos. Gustaríame sinalar a importancia que para Arteixo e o resto da comarca ten aproveitar todas aquelas fontes de riqueza que temos cerca. No noso concello construíronse infraestruturas tan importantes como o Porto Exterior ou polígono de Morás, e o noso deber é conseguir que esas infraestruturas beneficien aos veciños de Arteixo e do resto da comarca.

Esas infraestruturas teñen que ter un dividendo social. Poño un exemplo moi claro: O Estado non debería dedicar cerca de cen millóns de euros a construír unha autovía do Porto Exterior que non ten case circulación sen ocuparse de eliminar a peaxe na que conclúe esa autovía. Iso melloraría a vida dos cidadáns da comarca máis poboada de Galicia á vez que se fan infraestruturas que benefician á industria. É un exemplo de que non se trata só de gastar, senón de facelo con intelixencia. Ese sería o maior reto das administracións para os próximos vinte anos. Dese tipo de cousas dependen a futura prosperidade e a mellora dos servizos públicos para os nosos veciños.