Vivimos nunha realidade complexa que ao longo das últimas dúas décadas experimentou cambios a todos os niveis. Miño e a súa veciñanza, por suposto, non permaneceron alleos. O noso pobo segue a medrar co paso dos anos, afrontando todas as complicacións e avanzando no presente e sempre con vistas ao futuro.

Nese acceso ao que está a suceder na nosa contorna, a esa actualidade máis inmediata, os medios de comunicación xogan un papel fundamental. A clave do bo xornalismo non está nin nos grandes titulares nin nas exclusivas, senón no rigor, na profesionalidade e no traballo diario que realiza un grupo de profesionais que denota paixón e compromiso co seu oficio. LA OPINIÓN A CORUÑA ofrece un servizo aos meus veciños e veciñas e de toda a comarca que o sitúa como unha cabeceira de referencia para estar ben informado. Así foi nos últimos anos onde o xornal foi comunicador de excepción dos feitos máis relevantes que aconteceron en Miño.

Este 2021 fanse vinte anos desde que o xornal botou a andar. De non ser por LA OPINIÓN, a cidadanía non chegaría a ser coñecedora do tortuoso camiño percorrido nos últimos anos na nosa vila. Precisamente nesa posición é onde se pon de manifesto ese factor que distingue a este doutros medios de comunicación. O traballo da súa rede de xornalistas non se limita a ser meros transmisores do que acontece, senón a afondar, investigar e contrastar cada un dos feitos antes de informar á poboación.

Nestas dúas décadas naceu, medrou e consolidouse un xeito de entender a actualidade. LA OPINIÓN ten por diante agora, porén, un camiño moito máis longo. Desde o Concello de Miño seguiremos traballando para que toda a nosa veciñanza poida consultar o xornal e sentir orgullo ao ler sobre a súa terra. Moitos parabéns. A seguir así moitos anos máis.