Despois de varios anos de traballo, a fundación para a defensa dos intereses da frota galega ante Bruselas é unha realidade. O secretario e portavoz de Fremss, Torcuato Teixeira, explica os obxectivos e as trabas ás que se enfrenta a fundación, con sede na lonxa da Coruña.

-Cales son os principais retos da Fremss?

-O nome leva catro palabras que son básicas: rendemento, económico, sostible e social. Queremos que a actividade pesqueira teña un mínimo de rendibilidade económica e social, e que ademais sexa sustentable. Ten que haber un equilibrio que neste momento non existe.

-Por que non existe?

-Non existe nin por parte da CE á hora de dictar as súas políticas nin por parte dos grupos medioambientais, que o único que defenden é o sustentable dende un punto de vista puramente medioambental.

-E a fundación nace como contraposición a estes grupos, non?

-Nacemos para facer presión sen adornos. É lamentable que quen está facendo a Política Pesqueira Comunitaria sexan os ecoloxistas. Quen ten que marcar as directrices é o sector, pero actualmente non está acontecendo. Temos unha comisaria de Pesca ecoloxista disfrazada de xestora que o que está facendo é adoptar políticas restrictivas, con regulamentacións técnicas moi difíciles de cumprir, que pon cada vez máis trabas ao sector.

-E non chegan un pouco tarde para facer presión sobre a reforma da política pesqueira?

-Non sei se debería estar creada antes, se tería influencia na reforma. É unha ferramenta que nace coa vocación de ser útil para o sector, para que actúe conxuntamente coa Administración. Trátase de mandar unha mensaxe conxunta cunha estratexia clara. O sector quere estar coa Administración.

-Pero ás veces, sen saír de Galicia, un consenso entre Xunta e sector parece imposible...

-É normal. Pode haber discrepancias pero ao final o mellor é ter un punto de encontro para eliminalas. Todos intentamos perseguir o mellor obxectivo para o sector. O que vai facer esta fundación é que as posturas diverxentes non existan e defendamos todos xuntos os intereses da nosa frota.

-Cales son as trabas para a frota galega hoxe en día?

-O principal problema é que a frota non ten cotas suficientes para poder exercer a actividade e garantizar o seu futuro. Os recursos están en bo estado e o principio de estabilidade non ten ningún sentido telo en vigor. Temos unha frota á que se lle pecha a xarda en 15 días, con cotas de xurelo e merluza irrisorias... O seu futuro está en perigo e hai que facer traballos científicos, políticos e moita presión.

-O problema está entón no reparto de cotas, non?

-Si, as cotas seguen por debaixo do que se necesita mentres que os caladoiros nos que traballa a frota galega están nun estado inmellorable, están sendo infrautilizados. Cando se pode ter un rendemento maior da actividade, máxime nestes tempos onde os costes de explotación son moi altos, non se deixa ás empresas pesqueiras capturar máis cotas para poder compensar a explotación.

-Pero a frota galega enfréntase tamén a novos problemas, como a prohibición dos descartes...

-Que problema teríamos cos descartes se tiveramos cotas suficientes? Moitos dos descartes son o que eu chamo descartes políticos, porque os barcos españois non teñen cota desas especies. Quen provoca eses descartes non é a frota, senón o inmovilismo da UE.

-E tamén está o tema da prohibición do arrastre de fondo...

-Son propostas que realizan os medioambientalistas. A actividade que fan os barcos españois destas modalidades non fai ningún tipo de dano aos recursos mariños, pero os ecoloxistas aproveitan que na CE hai un hooligan ecoloxista, a señora comisaria.

-En que se vai plasmar o traballo de Fremss?

-Estamos inscritos como grupo de interese no rexitro da UE, e como tal viaxaremos a Bruselas cantas veces sexa necesario para falar cos responsables da política pesqueira. A fundación é un lobby que vai intentar aproveitar todos os organismo e competencias para facer presión.

-Cren que atoparán apoios en Bruselas?

-Creo que si, en Bruselas hai xente que non sabe a importancia que ten a pesca no PIB de Galicia e temos que facelo ver. O sector pesqueiro non precisa ningún rescate como os bancos, o que necesita é unha política pesqueira razoable.

-E terán que plantarlle cara á comisaria Damanaki...

-As palabras demenciais e inapropiadas de Damanaki sobre que só é unha rexión a afectada polo pacto con Mauritania son unha mostra da insensibilidade da pauta que marca a comisaria. - tamén amosan o pouco peso que ten para a comisaria o aspecto social e económico.