Os pescadores poderán recibir ata un 11% máis en axudas pola parada temporal do buque no que traballan despois da aprobación do real decreto 486/2017 que regula as subvencións por paralización. A nova normativa incrementa de 45 a 50 euros (11%) a contía máxima que cobrarán os mariñeiros por día, ata un límite de seis meses (180 días). Esto supón que os tripulantes poden recibir 9.000 euros como máximo, fronte aos 8.100 euros que ingresaban segundo o anterior real decreto 1173/2015 se a parada era de 180 días. Este baremo, porén, só é aplicable sobre aquelas persoas que cesen a súa actividade menos de 15 días ou máis de 31.

A nova normativa aprobada polo Goberno prevé para os tripulantes afectados por un parón de entre 15 e 31 días (ambos incluídos) unha axuda máxima correspondente ao dobre do Salario Mínimo Interprofesional en cómputo mensual. Así, un mariñeiro podería recibir até 707,7 euros por unha parada de 15 días e 1.415,4 euros por 31. O anterior real decreto non recollía esta diferenciación, pero establecía como requisito os mesmos días mínimos de actividade pesqueira -120- durante os dous anos anteriores á presentación da solicitude de axudas na modalidade e caladoiro especificados en cada orde de convocatoria.

O novo reglamento flexibiliza as condicións que debe cumprir un buque para percibir as axudas en canto á obrigatoriedade de permanecer en porto -non ten porque ser o base- durante todo o período e ter aceso o dispositivo de localización. A anterior normativa só permitía que un barco se movese por razóns de seguridade esixidas e acreditadas pola autoridade competente. O novo real decreto 486/2017, que modifica o anterior, recolle o dereito ao desprazamento da embarcación ata o varadoiro para que a reparen ou realicen labores de mantenemento pero esixe que se indique a data de saída e chegada ao porto de destino. O Goberno tamén recoñece como excepción a participación do barco en festas mariñeiras tradicionais e procesións marítimas durante o período de veda ou parada temporal, sempre e cando a confraría de pescadores que organice o evento certifique a data, horario e zona de desprazamento.

Os buques que dispoñen de dispositivos de localización vía satélite (VMS) deberán mantelos acesos mentres dure a parada temporal, incluídos os desprazamentos ata o varadoiro ou as festas mariñeiras, e os estaleiros deberán certificar a hora de entrada e saída das embarcacións en caso de que este mecanismo de seguimento se desconecte mentres o reparan. A obrigatoriedade de manter operativo o dispositivo de localización supuxo, según os armadores, o rexeitamento de expedientes en moitas autonomías porque era "inviable" o seu cumprimento. A Secretaría General de Pesca concede coa nova normativa 48 horas de marxe para que os armadores ou o patrón do barco lle comuniquen a súa desconexión temporal por motivos técnicos ou polo esgotamento da batería, que poderán repoñer nun prazo de dous días ou recargar en 24 horas.