A aplicación Gestcuotas está "plenamente" operativa dende o 1 de xaneiro para permitirlle ao sector pesqueiro acceder aos datos de consumo dos diferentes caladoiros segundo o segmento, asociación ou caladoiro no que a frota desenvolva a súa actividade. O sector poderá 'gobernar' os caladoiros: planificar mellor a xestión dos recursos e tomar decisións de acordo con datos reais. Algunhas asociacións xa comezaron a solicitar o seu usuario e clave para coñecer o funcionamento desta ferramenta e adaptarse a ela despois da súa presentación en setembro ainda que, explican fontes do Goberno e do propio sector, a data oficial de posta en marcha de Gestcuotas foi o primeiro día deste ano.

"[A ferramenta] completarase coa información dos repartos de cotas de cada stock", explican fontes do Ministerio de Pesca, que prevén que se vaian engadindo "todas" as especies con cupo repartido por caladoiros. Precisamente, algunhas asociacións detectaron que faltaban zonas de pesca por incorporar e comunicáronllo ao Goberno entre outubro e novembro para que as integrase. "Tódalas especies que teñan TAC [Totales Admisibles de Capturas] ou cota teñen que estar engadidas", asegura o presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Basilio Otero. O tamén líder dos pósitos de Lugo indica que o sector agardou a xaneiro para solicitar as claves de acceso xa que non conta con cupos "moi relevantes" para controlar a comezos do exercicio.

Gestcuotas -á que se pode entrar dende unha ligazón da web do Ministerio de Pesca- presenta tres tipos de acceso: o das asociacións e organizacións pesqueiras que capturan especies por xestión conxunta; o das comunidades autónomas, que poden ver todos os stocks repartidos nos que participa a frota con porto base na súa autonomía; e o doutras entidades como as confrarías, para que consulten o consumo das especies asignadas por caladoiro, como o besugo, a anchoa ou o bonito do norte.

"Nós xa controlabamos o noso consumo, pero isto non quería dicir que coincidise co da Secretaría General de Pesca. Agora os datos serán máis axustados porque estarán ao día e non haberá esas diferenzas", explica o portavoz da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga), Andrés García. "O normal é que poidan acceder os xestores das federacións ou asociacións de volanta, palangre ou cerco e non cada persoa a título individual", indica o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Tomás Fajardo. O seu homólogo na organización que agrupa aos pósitos españois explica que no caso das asociacións se mira o consumo conxunto e non o individual de cada barco, pero que aqueles "particulares" coma os arrastreiros con cota individual adxudicada terán acceso á súa propia información.

Evitar sorpresas nos peches

O sector e o Goberno coinciden en que Gestcuotas será "fundamental" para evitar que se produzan peches inesperados dos caladoiros, xa que a frota poderá coñecer o consumo da cota con maior exactitude temporal e previr as posibles prohibicións para capturar determinadas especies. "As entidades poderán controlar o seu consumo e saberán en todo momento se se aproxima o peche dun stock", destaca o Ministerio de Pesca como vantaxe desta ferramenta. O Executivo incide en que a aplicación é de "especial utilidade" para as asociacións que administran os seus cupos de forma conxunta.

"Saber en todo momento o que temos consumido vai ser un beneficio para a xestión diaria [dos recursos] se funciona a pleno rendemento", resalta Otero, que indica que a ferramenta é importante para calquera especie con TAC e cota de cara a evitar a sobrepesca, algo que exemplificou coa xardaa, "moi explosiva". Mentres, García explica que os principais recursos obxectivo da frota cerqueira -xurel, xarda, sardiña- están incorporados na aplicación, o que evitará aos armadores e mariñeiros atoparse con "sorpresas de última hora", algo no que tamén incide o Ministerio de Pesca.

Fajardo explica que ao sector lle interesa saber a porcentaxe de cupos consumida para "autoimpoñerse" límites de capturas e conseguir que as posibilidades de pesca das diferentes especies "duren" todo o ano grazas á autorregulación. "É a gobernanza que tanto vende a Política Pesqueira Común, na que todos os actores deben ter potestade para propoñer e decidir sobre os recursos e non só a Administración", alega o líder dos pósitos galegos, que incide en que hai moito tempo que o sector denuncia que se sente "impotente" para xestionar os caladoiros pola falta de datos e que debe participar nas decisións.

O presidente da federación galega tamén asegura que coa obrigación de desembarque (a partires de 2019 a frota deberá levar a porto todas as capturas) a aplicación será aínda máis importante para conseguir manter abertos os caladoiros todo o ano. Fajardo exemplifícao co caso da raia e denuncia que o ano pasado o sector coñeceu en xuño, e con datos de abril, que xa consumira o 85% da cota, polo que os representantes da frota propuxeron o peche do caladoiro de cara a conservar algunha cantidade desta especie para capturar cando rematase a veda da centola. "Esto non pode ser, non é unha xestión eficiente dos recursos. O sector é maduro para facer propostas e participar", conclúe o líder dos pósitos de Galicia.

O envío dos datos

"A información sobre as declaracións de capturas e desembarques da frota é responsabilidade dos patróns e armadores. Sempre que estes datos se transmitan de forma correcta, evitaranse os erros no consumo de cupos", explican fontes do Ministerio de Pesca. Tomás Fajardo denuncia a este respecto a "falta de vontade" dalgúns armadores que "non queren" comunicar a cota que consumen a pesares de que existe obrigación legal de facilitarlle os datos ao Goberno central.

O presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores explica que a ferramenta non require adaptación do sector á hora de enviar a información xa que se manteñen os métodos "tradicionais" para comunicar as capturas, ao respecto do cal Fajardo lamenta "a demora" no cómputo" debido aos trámites "moi longos" que fan "imposible" a xestión actualizada.

Fontes da Administración aclaran que o tempo de comunicar as capturas a través do diario electrónico de a bordo (DEA) segue a ser diario e que no caso da información que se traslada en papel e, por mor dos retrasos dos que se queixa o sector, o Goberno prevé usar un algoritmo para determinar as demoras tendo en conta as de anos anteriores e sobrepoñéndoas ao stock, de forma que sexan máis axustadas no momento no que se analice a "necesidade" de pechar un caladoiro. "Nos pesqueiros de menos de dez metros de eslora, nos que a información provén das notas de venda, tamén se conseguirá unha información en menor tempo grazas á aplicación Trazapes, que comezou a funcionar tamén o 1 de xaneiro", concreta o Ministerio de Pesca.

O sector, non obstante, lamenta a escaseza de cupos dos que dispón e o portavoz da asociación maioritaria do cerco en Galicia indica que ao recorte das posibilidades de pesca "lle axudan máis" os intercambios de cupos que se poidan facer ao longo do ano que unha aplicación coma esta. "A expectación é máxima, pero a feramenta definitiva sería ter unha cota suficiente. Mentres non sexa así, Gestcuotas está moi ben para xestionarnos mellor", conclúe Basilio Otero.