11 de febrero de 2018
11.02.2018

A frota coruñesa achaca os descartes á asignación "desequilibrada" de cupos da CE

O sector nega que a obriga de desembarque contribúa a lograr o Rendemento Máximo Sostible - Esíxelle a Bruselas que estude a exención da norma para algunhas pesquerías

15.02.2018 | 01:57
Representantes da Fremss durante a presentación do manifesto sobre os descartes, onte na lonxa.

Os membros da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (Fremss) defenderon onte a bordo do arrastreiro de fondo Bureles, amarrado no peirado de Linares Rivas, que o principal motivo dos descartes de especies comerciais son os Totais Admisibles de Capturas (TAC) non adaptados ás necesidades da frota nin ao estado dos recursos. "As estimacións sobre a orixe dos descartes centran case a totalidade dos mesmos na ineficiente asignación de cotas e no seu desequilibrio", recolle o Manifiesto para la flexibilización de la obligación de desembarque de las capturas realizadas por la flota de la UE que presentou a asociación. Segundo explicou o voceiro da Fremss, Torcuato Teixeira, o "famoso" criterio de reparto de estabilidade relativa, que leva sen variar máis de trinta anos, ocasiona a meirande parte dos descartes. "É a Comisión Europea a que provoca a maioría dos descartes, é ela a que está aforcando ao sector, a que desencadea que a frota descarte especies que poderían ter saída comercial e que non derivarían no sufrimento do recurso. O criterio deste reparto non é biolóxico, senón político", denunciou Teixeira.

A obrigración de desembarque, que estará plenamente operativa a partires do 1 de xaneiro de 2019, establece que os buques deben levar a porto todas as capturas que realicen, o que segundo o sector pode derivar no amarre de moitas unidades como consecuencia das especies de estrangulamento, para as que teñen pouco ou ningún cupo. O tamén secretario xeral da asociación Pescagalicia-Arpega-O Barco asegurou que Bruxelas comete un erro ao intentar facer unha norma de descartes cero sen analizar cada pesquería e recordou que cando se implantou en Noruega, se fixo nos segmentos que tiñan como obxectivo "unha ou dúas especies", o que simplifica a súa aplicación fronte ás pesquerías multiespecíficas, para as que supón "moitos problemas".

O voceiro da Fremss destacou que arredor da política de desembarque hai "moitísimas" noticias falsas e desmentiu algún dos aspectos defendidos trala súa aprobación: "Díxose que era para evitar deteriorar os ecosistemas pesqueiros e que a repercusión na sobrepesca fose maior, e incluso se dixo que era unha maneira de axudarlle ao sector pesqueiro. Esto non é certo". Teixeira xustificou a súa afirmación en que os descartes son inherentes á actividade e citou o estudo El pescado que se devuelve al mar: los descartes, do biólogo Álvaro Fernández, para explicar que toda a cadea trófica mariña aproveita o pescado que se tira pola borda, dende os tiburóns ata os peixes dos fondos e incluso as aves.

O manifesto da Fremss recolle que as campañas promovidas polas ONG ambientalistas para lograr establecer a norma sen ter en conta as repercusións sociais, económicas e ambientais desta obrigación demostran unha "miopía total" sobre a actividade pesqueira que a comisaria de Pesca e Asuntos Marítimos nese momento (2013), María Damanaki, secundou. "A Comisión de Pesca usa ao sector e os descartes cero como un saco de boxeo para desafogarse e quedar ben cos medioambientalistas", acusou Teixeira, que esgrimiu que entre un 8% e un 10% (entre un e 1,3 millóns de toneladas) das capturas da frota europea se tiran pola borda, mentres que os alimentos diferentes da pesca que se desperdician en Europa son preto de 90 millóns de toneladas. "Aí hai un problema maior sobre o que a CE non vai facer nada, pero a pesca é un sector débil á hora de defenderse, sen os lobbys doutras industrias nin a presión das ONG", lamentou o voceiro da Fremss. Teixeira engadiu que en Europa se perde arredor do 30% do pescado capturado e que a actividade extractiva solo xera o 8% destes desperdicios, mentres que o 22% o producen as cadeas distribuidora, comercializadora e consumidora.

O texto que presentaron onte os representantes da fundación, que ten intención de expoñelo en Madrid e en Bruxelas unha vez consiga a adhesión doutras entidades, nega que a política de descartes cero contribúa a alcanzar o Rendemento Máximo Sostible (RMS, nivel máximo de capturas para poder pescar a longo prazo) para todas as pesquerías antes de 2020. Teixeira explicou que en 2009 había cinco recursos en RMS na Unión Europea, fronte aos 53 que hai este ano: "Evidentemente, a esto non contribuiu a política de descarte cerco, senón o esforzo do sector".

"Os descartes prodúcense por moitos motivos: porque os peixes capturados non cumpren co tamaño reglamentario, porque están deteriorados, porque non teñen tamaño comercial e non se poden vender ou porque carecen de saída comercial", exemplificou Teixeira, que lamentou que os datos que existen ao respecto "son erróneos". O presidente da Fremss e da lonxa de A Coruña, Juan Carlos Corrás, secundou esta visión e explicou que se utiliza tanto a información obtida nas campañas comerciais como nas científicas, pero que os informes son "insuficientes" porque non recollen datos sobre as diferentes especies que captura unha frota ao longo do ano. Segundo Corrás, estes textos non teñen un "peso específico" para coñecer como se producen os descartes e poden xerar "ruido" sobre a súa cantidade.

O obxectivo da Fremss é lograr que se revise e flexibilice a norma, para o que propón que se analice a implantación de cotas de desembarque (descargas máis descartes) fronte aos cupos de capturas e que se estude a exención para certas pesquerías, como as mixtas ou as do arrastre. A fundación esixe que se revisen os tamaños mínimos de referencia e que se xestionen especies "explosivas" como a xarda por esforzo pesqueiro e non por TAC e cotas para evitar os descartes nos buques con pouco cupo para elas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine