Os afiliados ao réxime especial do mar aumentaron un 0,71% na provincia de A Coruña o ano pasado, até os 6.232 traballadores, a pesares do descenso do 2,22% naqueles que están rexistrados por conta propia, que pasaron a ser 2.874, fronte os 2.939 de hai dous anos. Mentres, os empregados por conta allea subiron un 3,33% e a media en decembro de 2017 ascendeu a 3.358 persoas. Isto supón que a coruñesa foi a provincia galega na que menos aumentou a afiliación.

Pontevedra, mentres, rexistrou unha subida do 1,17% e no último mes do ano pasado tivo unha media de 13.705 traballadores do mar, fronte aos 13.546 de 2016. Os empregados por conta allea repuntaron un 1,6%, até os 7.017 (fronte aos 6.906 de hai dous anos), mentres que os autónomos subiron un 0,7%, ata os 6.688. Lugo é a provincia con menos afiliados no sector -sen contar Ourense, que carece deles ao non ter costa-, pero en 2017 aumentaron un 0,9%, até os 1.584. A subida dos empregados por conta allea tamén é do 0,9%, ata 1.393 (fronte a 1.381 en 2016), mentres que por conta propia son 191 (+1,27%).