Basilio Otero leva un ano á fronte da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores e asegura que a venda da sede da asociación era a única maneira de evitar o seu peche. Agora traballa para recuperar a confianza dos pósitos nacionais e tentar que a obriga de desembarque non leve á frota ao amarre.

- Como foi este primeiro ano á fronte da entidade?

-En tres palabras: positivo, duro e intenso. Positivo porque é a mellor forma de comprobar de primeira man as grandes diferencias e formas de pescar que hai en España. En Galicia estamos afeitos a que o norte non sexa igual ao sur, pero se iso o trasladamos ao golfo de Cádiz, o Mediterráneo ou Canarias, a sorpresa é maior. Duro porque evidentemente é moito traballo. España é grande para chegar a todos lados, son moitas horas de viaxe. E intenso porque non se para. Estou agradecido pola oportunidade, pero ten as súas consecuencias na vida familiar, que se reduce ao mínimo. Pensas que loitas pola pesca en España e ti, como mariñeiro, loitas polo teu.

- Logrou que volvesen confrarías á federación?

-Este ano foi máis de situación, de poñerse ao día o máximo posible nas diferentes formas de pescar e problemas que hai e aproveitar para falar coas confrarías. Agora comeza a labor de compilación.

- Cantos pósitos forman parte da federación nacional?

-Practicamente todos, agás os vascos e cántabros (excepto Santader e San Vicente de la Barquera), que marcharon. Temos que demostrar que valemos para algo máis que para mandar información, que é importante pero non o único que podemos facer, para que volvan a contribuir na autofinanciación.

- Segue a haber pósitos con problemas?

-Si, iso por desgracia vai empeorando: entran máis dos que saen dunha situación complicada. A globalización fai que se concentren máis as ventas e as confrarías pequenas son as que peor o pasan. Hai que tomar medidas para mellorar a súa situación económica.

- Pagan as entidades a cota?

-Hai unhas que si e outras que non. Outro problema que temos que abordar é a forma de autofinanciación, igual hai que cambiar o sistema actual. Este era un dos lastres da federación nacional, pero os problemas para que a xente pesque son aínda máis prioritarios.

- Cal é a situación económica da federación?

-Difícil, de feito estamos en trámites para vender a sede. É complicada, pero prefiro pasar á historia como o presidente que vendeu a sede da federación e non como o que a pechou. Foi iso o que decidín xunto coa comisión permanente e o comité executivo, que son os que mandan; eu executo.

- Que soluciona a venda?

-Era a única forma de evitar o peche da federación. A venda non é a solución nin o futuro, pero sí unha solución inmediata. Hai que tomar outras medidas para compensar o balance a finais de ano.

- Que débeda ten a federación?

-Non é unha débeda, o problema é que o balance de gastos e ingresos a finais de ano sempre era negativo e foise acumulando. Non pode ser que non haxa liquidez sequera para pagarlles aos traballadores, hai que tomar medidas. A primeira delas foi a venda, pero hai que tomar máis para que esta axude a subsistir non catro ou cinco anos, senón para sempre. Os presidentes imos e vimos pero a federación debe quedar, e ten que ser un orgullo deixar unha federación saneada.

- Coa autofinaciación?

-Iso é parello. Para falar coas confrarías tes que ir a elas, e para acudir a elas, móvaste no medio de transporte que te movas, tes que pagar, e para iso fai falla liquidez, que vai aparellada á financiación.

- Hai máis unidade?

-Si. Hai que intentar demostrar que a mellor forma de traballar é ir xuntos. Hai confrarías que chaman para ver se podo estar con elas e solucionar algún problema, o que demostra que se recupera a confianza e que imos polo bo camiño.

- Como foi este primeiro ano na xestión das cotas?

-Máis ou menos como estabamos ata agora. A preocupación e o problema ímolo ter de cara ao ano que vén polos descartes, que nos poden levar a pechar os caladoiros no primeiro trimestre e isto significa que a xente non poderá saír ao mar. Estamos traballando para evitar ter que facer isto. Estiven reunido recentemente en Cádiz co sector, co secretario general de Pesca e o director xeral da DG Mare [Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca], Joao Aguilar, que nos pediu exemplos concretos, e solicitamos unha reunión para expoñerlle non un, senón os inconvintes para cada unha das especies que teñen TAC [Totales Admisibles de Capturas] e cotas e para as que teñen tallas mínimas de referencia, como no Mediterráneo. Hai moitos exemplos para que vexa a imposibilidade da obriga de desembarque.

- É o que máis preocupa?

-Si, con diferenza. Tivemos unha reunión en Lugo pola xarda e púxenlles un exemplo moi claro, o de A Coruña este ano. Se a cota de xarda se traslada ao 1 de xaneiro, tendo en conta que os mariñeiros andiveron nove días ao mar e que deses dous ían ser fin de semana, significaría que poderíamos abrir o 1 de xaneiro e o 11 todas as artes diferentes do cerco e do arrastre terían que amarrar para o resto do ano porque segundo a obrigación de desembarque unha frota susceptible de pescar unha especie que estea en veda non pode saír ao mar.

- Recibe o apoio da Administración e do sector?

-Remítome ás palabras de Genaro Amigo [expresidente da Federación Nacional e patrón maior da confraría de Malpica]. Cando nas últimas eleccións xerais [ás confrarías] non se quixo presentar en Malpica eu pregunteille a razón. Díxome que levaba máis de 20 anos de patrón maior e que sempre sentira o apoio de alguén: cando tiña problemas coa Administración era o sector quen o apoiaba e cando os tiña co sector apoiábao a Administración, pero que para non ter apoio de ningún lado, ía para a casa. Ata que te metes no medio da cuestión, non o entendes. Ao sector tes que explicarlle o inexplicable, como que haxa peixe no mar pero unha lei prohiba pescalo. O problema agora está na terra e non no mar. Loitar cos mariñeiros para explicarlles a sostibilidade, a economía circular, o Blue Growth?, todo o que quere poñer Europa, e á Administración debes explicarlle que esa non é solución.

- Axudarse mutuamente.

-É preciso sentar as dúas partes. A Administración sempre vai dicir que o sector non entende e o sector defende que ela non ten nin idea de pescar; eu teño que mediar.

- Superará o sector os problemas aos que se enfronta?

-As estatísticas din que no Cantábrico Noroeste, en augas suroccidentais de Europa, as especies están chegando ao Rendemento Máximo Sostible (RMS) dunha forma realmente forte. Estamos moito mellor que hai 10 anos e isto significa que as normas se cumpren e que serviron. Teño esperanza. Mentres os datos non me demostren o contrario, entendo que temos mar non só para nós senón para tempo, porque para os fillos falta relevo xeracional.

- Outra complicación...

-Si, e grave. Xa non só nos mariñeiros, tamén nos titulados, problema que intentamos resolver a pesares de que hai certos grupos de presión que non están de acordo co que nós opinamos. Hai outro tema a maiores, que é o relevo xeracional nos empresarios: sen eles, sen empresa, dá igual que haxa mariñeiros e titulados. Para isto é importante o Consello Consultivo de Pesca, que se volveu revitalizar.