Emilio Méndez leva case toda a vida vinculado ao mar e xa suma dez anos como patrón maior da confraría de Lorbé, formada por 40 socios e una decena de embarcacións. Méndez manifesta que 2018 non foi un mal ano para o pósito, aínda que aos comezos perderon de saír ao mar por culpa do mal tempo: "Non é para tirar foguetes, pero os barcos fóronse defendendo", afirma.

- As eleccións en Lorbé son por listas abertas. Contaba con repetir no cargo?

-Si, contaba con iso, aínda que non tiña moito interese. Despois de dez anos un cambio non viría mal. Case tódolos socios dicían que tiña que seguir, que cando as cousas van ben non hai que tocalas, ademais de que é un posto que non atrae aos membros.

- Como afronta estes catro anos de novo como líder do pósito?

-O principal obxectivo é ir mellorando o que se poida. Segundo vaian xurdindo as cousas iremos facéndolles fronte, aínda que esperemos que vaia indo todo ben.

- Que dificultades teñen?

-Temos os nosos gastos. O que máis nos inflúe é a electricidade. Os gastos apertan bastante a final de mes porque temos tres salas de frío, unha máquina de xeo e para os socios que somos os gastos son bastantes. Despois pagamos dúas naves nas que gardamos os aparellos e todo isto suma bastantes cartos a final de mes .

- A situación económica é boa?

-Pero complicada. Andamos aí, é algo xusto ás veces. Non podemos tirar moito fogo.

- Que destacaría dos anteriores catro anos que liderou a confraría?

-Tivemos que loitar porque querían dragar ao frente das bateas. Foi unha pequena disputa que tivemos con Costas, que polo momento gañamos. E depois en canto a obras estamos á espera da ampliación do peirao. Parece que hai boas perspectivas, a ver se temos sorte.

- 2018 foi un bo ano para o pósito?

-Si, malo non foi. A principios de ano perdéronse moitos días de ir ao mar polo vento. O inverno foi duro, pero despois, en xeral, máis ou menos. Non é para andar tirando foguetes, pero os barcos fóronse defendendo.

- A que problemas se enfronta a frota de Lorbé?

-Principalmente o tema das cotas, pero como o sector en xeral. Hai moi poco cupo de raia, agora anda aí tamén o tema da lubina, que parece que queren cerrala. Coa xarda estamos no mesmo, xa que algúns dos nosos barcos van ao norte pescala e a especie vai sufrir tamén outro recorte na cota. Agora vén a finalización dos descartes, que é un lío xa que nin os que promoveron a medida saben como vai a ser. Tamén está o tema da centola, que temos que loitar para reducir o tope porque este ano levou uns prezos bastante baixos e é todo debido a iso, a que hai un tope demasiado alto, ou eso é o que pensamos aquí.

- Como afrontan a normativa que prohibe os descartes?

-Perxudícanos a todos, porque se pecha a raia ou a xarda polo temas das cotas, non se podería ir ao mar cas artes usadas para pescar eses peixes. Nese sentido estamos moi fastidiados, porque no caso da raia nós capturámola con case todos os aparellos cos que andamos, coma os miños ou trasmallos. Igual pasa coa xarda, que é unha pesquería que pecha moi cedo porque hai una cota mínima, e as betas collen este peixe, ou os miños. Cal sería a solución para non pescalas? Amarrar? A ver como se xestiona, porque se non, pecha o 90% da flota.

- É un mal plantexamento por parte da Unión Europea?

-A estas alturas eles aínda non o teñen definido. Non cho saben explicar moi ben. Pero é algo que xa está aí porque o 1 de xaneiro comeza o conto e non se lle ve forma nin que as cousas estén claras.

- O problema da falta de tripulación e de relevo xeracional reflíctese na frota de Lorbé?

-Si. Cada vez andamos tamén con máis xente de fora. Cando empecei a traballar no mar ibas a capitanía, quitabas a libreta de navegación e xa ías enrolado, pero agora non. Hai que facer varios cursillos, que aínda por riba non se están a organizar. Despois cando si se celebran hai que desprazarse porque son lonxe e tamén hai que pagalos. Hoxe para poder traballar no mar fanche falta invertir uns mil euros en cursos. Ademais hai moi pouca xuventude que se anime a traballar na pesca. En Lorbé eu xa non me acordo de dicir que empezou tal chaval ao mar.

- Esta situación dase polo feito de ter que realizar tantos cursos?

-Penso que si. Que non digo que estes cursillos non sexan necesarios, pero deberían darse máis facilidades para que se poidan realizar. Que se fagan cunha periodicidade marcada e en zonas preto das confrarías, que estén a man para a maioría. E que foran gratis. Pero e que agora non se fai ningún curso, antes aínda había, pero cada vez van a menos.

- Dende que está ao fronte da canfraría, que cambios houbo no sector?

-Á hora de traballar a bordo mellorou moito, non son os traballos de antes. A parte negativa é que agora non gañamos tanto coma antes, case podería dicir que gañaba máis cando comecei de chaval que agora. Na actualidade tamén hai máis impostos que pagar, entre outras cousas.

- As administracións poderían facer algo máis para mellorar a situación da pesca?

-En Bruselas non teñen moita idea do que é o noso sector de baixura, nin coñecen a nosa forma de traballar porque nos meten leis sen sentido. Logo xa a nivel autonómico non sei se poderían facer algo máis porque ao estar en Europa depéndese moito do que se dite dende Bruselas.