O patrón maior da confraría de Palmeira, Miguel Franco, foi reelixido coma líder do seu pósito. As principais preocupacións ás que fará fronte durante os vindeiros anos están relacionadas co mal estado do marisqueo na zona. Ademais, os pescadores furtivos seguen dando problemas aos profesionais do mar, segundo indica.

- A súa idea era a de non repetir coma patrón maior.

-Son moitos anos no cargo, e non tiña moitas gañas de seguir. Pero hai cousas que non se remataron de facer e quedan estes catro anos para tratar de desenvolvelas. Dixéronme de continuar para rematar con todo isto, para non deixalo a medias.

- E de que proxectos se trata?

-Temos pendente un dende hai dez anos. É no porto de Palmeira, no recheo. A idea é modifícalo todo, incluído o peirao. É un proxecto grande que se plantexou hai uns anos pero que se abandonou. Agora queremos retomalo e niso estamos, rematando a súa elaboración. A partir deste ano darémoslle un último impulso, ademais tamén está o alcalde implicado.

- Cales son as preocupacións ás que se enfronta estes próximos catro anos?

-Hai un pouquiño de todo. Por exemplo o marisqueo, que está indo mal dende fai uns anos. Non sabemos se é polo cambio climático ou por calquera outro factor que pode afectar. Tamén hai escaseza de algas, de correas mariñas. Antes o mar de Palmeira estaba cheo, dicíase que era amarelo por estas algas, pero agora quedan en moi poucas zonas. Desapareceron. Antes, coas correas, non eras case capaz de andar coas embarcacións e resulta que agora non hai nin a primeira. Algo pasou con todo. Temos esas preocupacións, e haille que buscar algún tipo de sentido.

- E tamén solucións?

-Claro, hai que ter en conta que ese tipo de algas agora comezáronse a comercializar e resulta que empezan a desaparecer. En toda a ría queda na zona de Ribeira unha pouca e no costado de Palmeira, na Pobra e Sálvora xa non hai correa.

- A situación económica da confraría é boa?

-Vai ligado á produción que haxa. Se tes problemas nas praias co marisco porque non estás sacando as toneladas que sacabas antes o rexistro de ingresos tamén é bastante menor. Que é o que vai a dar problemas e toda a guerra. A confraría finánciase a partir dos ingresos das mariscadoras e dos traballadores que están no mar, das cotas que teñen. E tamén a base dalgunhas axudas, coma todas as entidades.

- Cales son os principais problemas que teñen?

-Hai varios relacionados coa produción no mar. Temos moitas restricións nos topes de capturas, que xa non es capaz de pesca. Por exemplo a raia, que che dan unha cota de 70 quilos por descarte semanal, que xa non é tope. Son capturas accidentais que para traballar pouco serven porque non tes uns topes decentes para iso.

- Son sobre 43 membros. Descenderon durante os pasados catro anos?

-Si, máis ou menos son os que hai. E si, reducíronse nestes anos, pero tamén hai que ter en conta que as oportunidades tamén diminuíron. O marisqueo descendeu moito e a xente marchou. Pensa que non é un traballo tan fácil como en terra. Chámolle eu fácil porque non ten a dureza do frío, das condicións nas que estamos no mar. Ademais non lle ten que envexar a un traballo no mar co de terra. Que debía de haber máis formación, está pouco identificada.

- Entraron socios novos?

-Uns marcháronse, outros viñeron. Hai algúns rapaces novos, pero dáte de conta que agora os mozos buscan cousas máis relacionadas coa informática e non vinculados ao mar.

- Por iso a falta de relevo xeracional no sector?

-Exactamente. Están adaptados a outro tipo de traballos. Agora a formación que se está a impartir ten unha base tecnolóxica. Sen embargo ves nas noticias que rapaces con carreiras gañan 800 euros, cartos que tamén poderían gañar no mar. Traballando no mar calquera pode chegar a ter eses ingresos, e non fai falta tanta formación.

- Como está o tema dos furtivos? Reduciron a súa actividade?

-Hai repuntes, a cousa como é. Estámolo notando nas praias, había algunha xente, despois baixou, agora volve. Ao final sempre hai. Non é unha cousa que vaias a quitar de golpe porque aparecen seguido. Esta semana tivemos problemas, a pasada tamén, nestes casos de furtivismo a pé. Tamén hai moita competencia entre mergulladores. O tema furtivismo estase complicando un pouco ultimamente.

- A reforma que se fixo no Código Penal no relativo ao furtivismo non se notou?

-Non sei, porque a maioría dos furtivos son persoas insolventes, e segue habendo moitos. Séguese loitando contra os pescadores e mariscadores furtivos, pero a moitos deles non lle importa nada. Aí tamén deberían entrar os asuntos sociais para tratar de resolver os seus problemas e axudalos a atopar un traballo para que esas persoas non sigan coas actividades ilegais.

- Ante a situación do marisqueo, os permisos aumentaron ou mantéñense?

-Déronnos a posibilidade de incrementar o número, pero a situación está un pouco difícil. Por iso agora temos que ver o que está pasando. Queríamos aumentar o número porque temos unas baixas no marisqueo a pé e queríamos incrementalas en catro ou cinco persoas. Vamos a tratar de recuperar un pouquiño a praia para non perder o que temos, manter as dez mariscadoras e logo traballar para aumentar ese número. Dáte de conta que practicamente é a única empresa que queda en Palmeira xa que é a única que reúne a máis de 40 traballadores.

- A xente non ve como unha alternativa laboral a pesca?

-Moita xente penso que non a ve. Pero a pesca ten futuro. Regulándoa ben como se está tratando de regular ata agora ten futuro, sempre o tivo. Hai moitas persoas que vivimos dela. O que si é certo que non é unha cousa fixa, pero penso que aínda ten máis estabilidade hoxe en día que outros sectores coma a construción ou as fábricas.

- Como ve a xestión que fan as administracións?

-Non sei os resultados que poden dar, pero a ver. Esperemos que todo o que están facendo sexa polo ben do sector, non por destruír postos de traballo nin a pesca. É sostible coma calquera outra cousa, coidándoa.

- O sector ten que poñer máis da súa parte para que mellore a situación?

-Se o sector non está implicado non se vai a ningún lado. Ten que estar metido. Sempre. É unha das bases fundamentais que debe ter.