Pedro Pérez Martelo lidera a confraría de Malpica por segunda vez consecutiva. Un dos principais problemas que afronta está relacionado coa falta de cotas tanto ás artes menores coma ao cerco. Cuestión que se suma á difícil situación que sofre o pósito pola débeda que arrastra dende hai máis de catro anos.

- É a segunda vez que lidera a confraría, que balance fai dos primeiros catro anos?

-Foron uns anos bastante difíciles debido á débeda que mantiña a confraría. E aínda seguimos con bastante débeda. Conseguimos reducila, pero era moi grande, e o segue sendo. Máis ou menos logramos reducila cerca dun 25%. Era una débeda de case 350.000 euros e agora está arredor dos 280.000.

- Cales son as medidas que desenvolven para tentar eliminala?

-Tivemos que facer unha redución de persoal, saíron dous empregados, e agora o resto da plantilla está como multiusos: fan varios traballos á vez. Unha das iniciativas que temos é cambiar a confraría para a lonxa para ter un mellor servizo cos barcos e ter a máis xente dispoñible para poder diversificar os postos de traballo.

- No 2018 reduciuse a cantidade de peixe e marisco comercializada. A que se debeu esta caída?

-Houbo a problemática de que baixaron as cotas de pesca. Este ano reduciron as das artes menores, xa que fixaron unha cantidade de 10.000 quilos por embarcación de pescadilla, que é insuficiente, e estáselle reclamando que precisamos, como mínimo, 30.000 por barco para poder aguantar o ano. Os cerqueiros tamén tiveron una cantidade moi reducida. A parte disto tivemos un ano de mal tempo, e a pesca do cerco estivo concentrada na zona da Coruña, entón os barcos xa descargaban alí.

- A pesar desta redución na cantidade os ingresos máis ou menos mantivéronse.

-Porque conseguimos que viñeran catro conxeladores a mercar polbo, logramos novos compradores tamén para o peixes e para o percebe, por iso aguantou un pouco o tirón dos prezos. Agora en 2019 comezamos a facer unha subasta de ourizo. Está a ter uns prezos razoables para o mal tempo que está a haber xa que o quilo do recurso está a saír entre seis e sete euros.

- Podería dicirse que o 2018 foi un bo ano para a confraría?

-Non foi un bo ano, pero se non tiveramos esa débeda sería un ano que no que quedariamos a pré porque non teriamos números vermellos. Levamos catro anos nos que nos están a saír as contas, aínda que coas débedas que temos sempre vamos mal, pero levamos arrastrando este problema dende antes de entrar eu a dirixir a confraría.

- Teñen algún outro problema ou dificultade no pósito?

-Un dos problemas que temos é que as embarcacións de cerco teñen moi pouco cupo. Agora ás artes menores estanlle reducindo tamén as cotas. Ata agora, as embarcacións deste sector da flota podían pescar 30.000 quilos ao ano de pescadilla, pero esa cantidade baixou a 10.000. Para un barco de artes menores que anda a esta pesquería todo o ano esta redución pode implicar que só traballe dous meses do ano e o resto terá que amarrar. No 2018 xa tivemos moitos días nos que non podían faenar porque non había cota, por iso reclamamos que aumentaran a cantidade aos 30.000 quilos, que non sería suficiente pero si sería un alivio para poder traballar no 2019.

- Agravaríase esta situación ao engadirlle a normativa que prohibe os descartes pesqueiros?

-Iso é outro problema, porque che obrigan a traer todo o que colles nas redes e contabilízase como cupo da especie que estás a pescar. Cando tirábamos ese peixe era porque estaba en mal estado e non se podía levar para terra. O pouco que temos de cota, cos descartes, aínda se reducen máis. Hai un malestar entre os armadores. Dende Bruselas non saben como desenvolver a norma, porque a soltaron a boleo e agora que se encarguen os barcos de facer como poidan.

- As administracións traballan para axudar á pesca?

-Intentan facer un bo traballo, pero realmente non consultan ben coas confrarías nin co sector para saber por onde terían que ir. Non quere dicir que o estean a facer mal, se non que os papeis que lle chegan a eles non é o que se corresponde con cada confraría. Cada porto ten as súas particularidades, son diferentes. Nós temos moito barco da nasa, de betas e cerqueiros. Daquela se nos consultaran temas de descartes igual terían outra explicación. Igual que pasou co xeito. Bruxelas entendía que era similar ao cerco, cunha rede parecida e ao final leváronlle a rede na man e ensináronlla e aó foi cando se deron conta de como era en realidade. Terían que informarse máis a pé de peirao para que entendan como se traballa.

- Despois do afundimento do Silvosa no porto, teñen previsto facer algún cambio nas portas do peirao?

-Ese tema é de Portos. Dende a confraría mandámoslle un escrito ao seu presidente [José Juan Durán] pedindo unha reunión para comezar a tratar a cuestión e a ver que solucións poden ofrecernos. Nós, dende a nosa modestia, entendemos que una acción que podería ofrecer un arranxo é facer un elongamento do peirao, do espigón de abrigo e quizá facer outro contradique para que non entraran esas correntes. Podemos dar a nosa explicación aos profesionais e enxeñeiros porque sabemos como traballa o mar. Teñen que vir aquí, ver como fai o mar cando hai mal tempo.

- Os patróns extreman aínda máis as precaucións ao entrar ou saír do porto?

-Os armadores seguen a facelo coa mesma confianza. Teñen o seu receo cara as portas, pero levan toda a vida con el. Pasou esa desgraza e a intención é que non se repita algo semellante. Hai catro anos cando entrei unha das cousas que lle pedira ao presidente de Portos foi que se ampliara o espigón, para aumentar a seguridade no porto. Estamos pelexando por iso.

- Ten outros proxectos pendentes?

-Un é na fábrica de xeo, que é bastante antiga. Está moi ben coidada pero a día de hoxe precisa moitas reformas e sae cara. Fabrica moi bo xeo, pero ten un consumo de luz moi elevado. Cando teñamos posibilidades temos ideas de reformala ou modernizala e facer outra. Tamén está o de levar para a lonxa a sede da confraría para ter un mellor servizo cara aos cofrades xa que estariamos a pé do peirao e informatizar mellor a lonxa. Para levalo a cabo todo depende da pesca que haxa, da redución da débeda e dos ingresos. Se non conseguimos máis cota de pescadilla sabemos non os poderemos facer.