Miguel Angel Iglesias foi reelixido como patrón maior da confraría de Rianxo e afronta o seu segundo mandato. Iglesias denuncia os problemas aos que se enfronta a pesca de baixura ante a normativa que prohibe os descartes. Tamén insiste no gran dano que fan os furtivos, xa que o marisqueo a pé está en perigo pola súa acción.

- É a segunda vez que lidera a confraría, que lle levou a presentarse á reelección?

-En principio volvemos a presentarnos para rematar as nosas ideas que tiñamos de traballo. Queremos intentar recuperar algunhas zonas de explotación e formas de traballo que temos en mente.

- Como afronta estes catro anos ao fronte da confraría?

-Van a ser uns anos moi duros polo tema das normativas de pesca que están cambiando, as dificultades que temos no relativo ás cotas e co relacionado coa lei de acuicultura. Aínda temos que loitar conta iso porque a súa implantación afectaría á actividade pesqueira. Van a ser catro anos complicados.

- E como está a situación económica do pósito? É boa?

-En principio si, aínda que este ano a Consellería do Mar quitounos a subvención dos vixiantes e asistencia técnica, polo que os anos que veñen van ser algo duros. Imos ter que afrontar unhas perdas grandes. Esperemos que a Consellería recapacite sobre estas axudas para non minguar tanto a confraría.

- Fai catro anos a UE quixo eliminar o xeito, como está a situación hoxe?

-Case é idéntica a como estaba. Está como arte de deriva, pero estamos loitando contra iso e a parte tamén temos que loitar contra o Ministerio de Pesca de Madrid porque temos unha denuncia plantada polo tema de que excluíron barcos por estar os últimos tres anos sen pescar. Tivemos que facer unha denuncia ao ministerio, aceptárona e agora temos que ir a xuízo. Por exemplo en Rianxo excluíron a máis de 70 embarcacións, que quedaron sen poder ir ao xeito cando nós nos rexemos por unhas licencias de pesca que nos dá a Xunta e a través das cales ti vas á arte que máis che compensa. Non che poden obrigar a ir a unha en concreto.

- Cando pechou a pesquería da sardiña como afectou ao xeito de Rianxo?

Dentro da ría a forma de pescar e diferente á do cerco. Aquí son campañas moi concretas. Xuño, xullo e agosto son os meses máis fortes porque é cando están a xouba e a sardiña dentro da ría. Se ti nese momento non podes pescar, para os barcos de baixura é unha perda económica moi grande. Por iso queremos que a pesca de baixura non estea suxeita a Totais Admisibles de Captura (TAC) porque vivimos de pesquerías moi concretas e en momentos moi puntuais

- Cales son as principais dificultades ás que se enfronta a confraría?

-No tema da pesca hai moitísimas. Está a prohibición dos descartes, a normativa do xeito... Cada vez hai máis problemas de cara ao mariñeiro. A pesca de baixura xa malvive, e aínda por riba con estas novas normas dificúltanos moito a supervivencia. Vai a ser unha loita constante todo isto.

- Como vai a afectar á flota de Rianxo a prohibición dos descartes pesqueiros?

-Vai a reducirse moito o número de embarcacións. Non sei se é con esa intención coa que implantaron esa normativa. O que non é normal é que un barco que sexa perceptible de coller unha especie que está pechada teña que quedar amarrado cando pode pescar perfectamente outras especies. Á pesca de baixura non se debería de meter na norma que prohibe estes descartes, deberían de deixar pescar como ata agora.

- En vez de beneficiar ao sector parece que as normativas están a oprimilo un pouco máis?

-As administracións din que están premiando á pesca de baixura, pero non sei se é Europa ou dende aquí a normativa non chega así. Dá a sensación de que cada vez están afogando máis a este sector da flota. O normal sería que a apoiaran máis porque son pescas sostibles e o peixe que se captura é dunha calidade moi alta. Debería estar máis premiada con respecto a outras pesquerías.

- Fai catro anos tiñan un proxecto para rexenerar tres zonas de marisqueo, como o están a desenvolver?

-Ao longo destes anos estivemos facendo uns traballos ao respecto e nestes próximos catro anos temos pensado seguir realizándoos, é o que temos pensado. Xa se rexeneraron bastantes zonas de traballo e ao longo destes anos queremos recuperar máis. Cada vez están indo a menos e queremos facer un bo traballo de rexeneración.

- É boa a situación do marisqueo nestes últimos anos?

-Nunca me conformo con nada a verdade. Son dos que din que hai que recuperar o máximo de terreo posible para conseguir meter o máximo número de xente a traballar. Gustaríanos que houbera máis persoas traballando no mar, por iso non nos conformamos. Temos 192 embarcacións e gustaríanos poder ter unha capacidade máis grande para que máis xente de Rianxo puidera vivir disto.

- Os furtivos están sempre presentes, pero ultimamente parece que ademais de extraer marisco ilegal agriden a vixiantes. Non teñen límites?

-A día de hoxe non, porque se ven amparados. Sacouse unha lei para o furtivismo a cal dáme a sensación de que afecta máis a unha persoa que un día traia un quilo e o collan, ou que traia unha ameixa por debaixo da talla, ou a un profesional que a un furtivo. Da a sensación de que os furtivos están amparados pola lei se me descoido. Fanse insolventes, ameazan á xente e incluso chegan ás agresións e non pasa nada, seguen pola calle. Iso non é normal, chega un punto que terían que mirarse como Dios manda ou integrarse mesmo na confraría. Isto podería pasar perfectamente e xa pasou. Tiñamos catro furtivos que comezaron a traballar na confraría e aquí seguen, traballando coma calquera outra persoa do pósito. Oxalá se meteran todos porque sería unha forma de poder recuperar as praias e sería un traballo para todos. O que non pode ser é chegar ao punto no que extraen todo para levar a depuradoras ou a onde as manden, ou que cheguen a ameazar e perigue a vida dunha persoa como pasou nalgunhas confrarías. Iso é o que non se pode permitir.

- Están organizados para poder extraer máis?

-Agora son todos organizados. O 80% dos furtivos están en grupos porque traballan a cantidades moi grandes de marisco. O que provoca é que estea perigando o marisqueo a pé en tres confrarías da zona como A Pobra, Cabo de Cruz e Rianxo. Os furtivos están deixando sen recurso a estes tres pósitos e é o que as está prexudicando a nivel de facturación. Se a Xunta valorara un pouco a perda que temos polo marisco que subtraen os furtivos daríanos para pagar un número importante de vixiantes a todas as confrarías. O malo é que teñen que valorar o tema.

- As medidas implantadas son insuficientes para combatelos?

-Si, son moi insuficientes. O exemplo tivémolo este Nadal. Houbo grupos de catro, cinco e seis persoas que nos arrasaron varias praias. Iso é o que non se pode permitir. Os corpos de seguridade son os que teñen os dereitos á hora de poder sancionar a esta xente. Deberíamos ter máis contacto con eles e actuar sobre os furtivos. A Consellería tamén debería poñerse un pouco neste tema e meter a máis axentes tanto de gardacostas como doutros corpos para poder combater o furtivismo.