O representante da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga), Andrés García, afirma que o principal problema ao que se afrontan é a falta de cotas, escaseza que provocaría a desaparición do 60% da frota se non se houbera xuntado baixo a organización (son 107 cerqueiros). Un dos proxectos no que traballa Acerga é a elaboración dun estudo sobre a anchoa, para diferenciala da do golfo de Cádiz.

- A asociación creouse no 2013, como axudou á frota cerqueira de Galicia? Hoxe non sería a mesma se non existira Acerga?

-Desde logo que non, non hai dúbida. A asociación naceu ante o problema da escaseza das cotas que tiñan a maioría dos barcos nesa época. Ante iso decidiuse unirse, compartir e loitar por unha mellora das cotas. Cando se fixo ese reparto a xente sentíase completamente arruinada, non lle vía a saía ao seu traballo nin ás súas empresas.

- Como podería definirse a situación actual do cerco galego?

-Visto o que aconteceu o ano pasado, consideramos que os cambios feitos na Secretaría Xeral de Pesca, no relativo á intención que teñen de que se consuman as cotas de que dispón España, significaron unha mellora importante. Temos máis cantidade de xurelo, que case é a única especie que podemos pescar. O traballo feito ao longo destes anos empeza a verse plasmado na forma que temos de traballar e coa sensibilización que teñen en Madrid cara ao noso problema de escaseza de cota.

- O principal problema que teñen é a falta de cotas dispoñibles para a pesca?

-Si, claro. Os problemas que ten o cerco non son máis que a escaseza de cota. Temos problemas coa sardiña, co plan de recuperación temos una cota escasa, ridícula. Tamén temos problemas coa xarda, tras o reparto consideramos que saímos prexudicados. No xurelo tamén pensamos que saímos damnificados no reparto da VIIIc -do golfo de Biscaia ata Fisterra- porque non se tiveron en conta factores fundamentais como pescar máis da cota que había no momento porque todo se computou para facer o reparto e nos saímos trasteados.

- A anchoa dará un pequeno respiro?

-A que podemos capturar na zona VIIIc si, pero na IXa -de Fisterra ao golfo de Cádiz- non porque apenas temos o 1,14% da cota. Aquí xuntouse todo en contra nosa. A totalidade da cantidade que vén de Europa é a que hai, pero o reparto que se fai a nivel nacional para o cerco é escandaloso. Temos algún barco que no seu momento non dispoñía nin de cota para pescar. Se non estivera na asociación e compartindo cota co resto tería que quedar amarrado porque non se lle concedeu nada no seu momento.

- A xestión que fai España desas cotas non é xusta co cerco galego?

-Para nós é completamente inxusto. De feito se non estivéramos compartindo a cota (os barcos que máis cantidade teñen aportando ao fronte común) moitos estarían hoxe despedazados. Sería o caso do 60% dos barcos de Acerga.

- A situación da sardiña preocupa?

-Preocupa, pero vemos que se está recuperando. Cada ano vemos máis sardiña no mar, este ano moitísima máis. Agora temos o mar cheo deste peixe, pero os informes científicos son os que son e sabemos que temos plans de recuperación para rato.

- Neste ano a asociación creou unha casa subastadora na lonxa de A Coruña. Cando naceu o proxecto? Como vai?

-Foi algo que o viñamos falando ao longo do pasado ano e con anterioridade no 2017. É unha evolución lóxica da asociación. Polo momento o balance é positivo, xa non como casa subastadora, se non a nivel de socios. Os armadores e patróns están contentos con este cambio. Antes as subastas estaban en mans alleas, agora están nas nosas.

- Pensan levar este proxecto á lonxa de Vigo segundo vaian as cousas aquí?

-Si, no momento no que teñamos A Coruña ben, que consideremos que todo está ben establecido e funcionando con total normalidade acometeremos tamén poñer outra casa subastadora no porto de Vigo. Ademais os socios a reclaman.

- Que houbera cupos diarios sería parte da solución á escaseza de cota?

-Dende logo. Galicia traballou así durante toda a vida. Estivemos máis de 40 anos traballando cun tope de capturas para as especies. Tratábamos de coidar o máximo posible o esforzo pesqueiro e nos ía moi ben a todos. Ata que isto rebentou dun día para outro co plan de xestión do Cantábrico Noroeste, que rompeu todo. Na asociación xa fai dous anos que traballamos cun tope diario e por tripulante. Temos estipulado un tope de 750 quilos por tripulante e día para o xurelo e vamos a tratar de que se respecte.

- Ademais de favorecer que a campaña dure máis tamén incide sobre a sustentabilidade da pesca?

-Dende logo. Sabemos que o xurelo é a única especie na que estamos incidindo desde hai anos e hai que tratar de coidalo porque é a que nos está salvando os mobles. Se falla estariamos metidos nun grave problema polo que temos que intentar pescar só o necesario para ir subsistindo e seguir así ata que o resto de especies mellore. A sardiña vemos que está mellorando, vemos un incremento enorme.

- Que os límites da pesca foran iguais para todas as frotas é un pouco complicado de conseguir?

-Agora si sería complicado de conseguir porque nos romperon o sistema, pero esta idea estivo instalada en Galicia dende 1982 ata o 2013. Tiñamos uns topes de capturas por barcos, tanto daba que tivera cinco tripulantes coma 15, os límites eran os mesmos aínda que un cerqueiro grande teña máis oportunidades de pesca. E case a totalidade do sector estaba de acordo en que había que estar así. O reparto tras o plan do Cantábrico Noroeste o rompeu todo e volver á tesitura de antes é moi difícil.

- Teñen pensado facer algún estudo para ver como están algunhas especies como a anchoa?

-Falamos xa tres veces co Instituto Español de Oceanografía de Vigo para aportar todo o que poidamos e colaborar a facer un estudio sobre a anchoa da IXa, para intentar diferenciala. A anchoa do golfo de Cádiz non ten nada que ver coa que hai en Galicia. Hai que intentar por todos os medios crear un novo TAC para a anchoa do norte, incluíndo Portugal, porque a cantidade que hai para o golfo de Cádiz non chega para pescar nin é tan ampla como para repartirse. Aos mariñeiros de alí failles falta pescar e é unha especie case única para eles. Unha das razóns polas que puxemos a casa de vendas é poder ter cartos para axudar a facer os estudos biolóxicos que son necesarios.

- Como valoran o traballo feito dende as administracións?

-A maneira de lexislar que teñen en Madrid foi fundamental para nós. Con Andrés Hermida non tivemos máis que problemas. Ao chegar Alberto López-Asenjo notamos un cambio radical e agora con Alicia Villauriz segue a mesma liña. Tratan de que as cotas de España se aproveiten e iso a nós favorécenos.