O cambio climático afectou a moitas das pesqueiras do mundo segundo un estudo dirixido pola Universidade Rutgers, en Nova Jersey (EEUU), cuxas conclusións foron publicadas onte na revista Science.

O quecemento do océano levou a unha caída media do 4,1% nas capturas sustentables para moitas especies de peces e mariscos entre 1930 e 2010. As maiores perdas producíronse nas rexións do Mar de Xapón, o Mar do Norte, a Costa Ibérica, a Corrente de Kuroshio e a Plataforma Mar Céltico-golfo de Biscaia. Por contra, as maiores ganancias déronse nas rexións de Labrador- Terranova (NAFO), Mar Báltico, Océano Índico e Nordés de Estados Unidos.

"Recomendamos que os administradores de pesqueiras eliminen a sobrepesca, reconstrúan as pesqueiras e teñan en conta o cambio climático nas decisións de xestión de pesqueiras", afirma o director da investigación, Chris Free.