Hai seis anos que Fernando Siaba meteuse a traballar como percebeiro logo de traballar no mundo das artes gráficas. E dende o pasado outubro é o patrón maior da confraría do Pindo-Carnota. Con apenas unha vintena de socios, o maior problema ao que se enfronta é económico, xa que o pósito non ten unha lonxa, polo que os ingresos que chegan á confraría son xustos para facer fronte aos pagos.

- Non se presentou como candidato a patrón maior da confraría, como rematou no cargo?

-Non houbo ningunha candidatura, polo que todos eramos elixibles, e tocoume. Cando non se presenta ninguén calquera membro pode saír elixido. Non sei que verían os compañeiros en min [risas].

- Como foron estes primeiros meses dirixindo o pósito?

-Moi tranquilo non é, principalmente porque temos un problema económico grave na confraría. Non ter un punto de venda, unha lonxa, é complicado. Polo de agora non temos débedas ningunha, pero podemos chegar a telas. Entón andamos toreando, a facer números para aguantar o máximo posible.

- Que expectativas ten para estes catro anos?

-Queremos aguantar a confraría a base de traballo. Non imos ir pedir cartos por aí nin nada. Pretendemos saír da situación a base de carga de traballo. Agora este ano conseguimos o plan do ourizo de mar, que non o tiñamos, e xa empezamos a traballalo. Vemos que a única forma, ou a principal, para mellorar a situación é a de apostar polo traballo e a mobilización da xente. Tamén temos outros proxectos que xa levan anos, como Pindo Mariño que é un roteiro enfocado ao turismo mariñeiro.

- Cal é o principal problema ao que se enfronta o pósito?

-O noso problema principal é que non temos un punto de venda e esta falta de lonxa complica moito xerar ingresos. Ata agora tiñamos outras posibilidades. O local da confraría é noso e tiñamos subarrendadas varias partes e era unha forma de acadar ingresos, pero pola Lei de Costas tivemos uns problemas e tivemos que quitalos polo que esa entrada de diñeiro desapareceu. Os números de momento van cadrando pero moi a duras penas. Tamén facemos outras actividades como xornadas mariñeiras, outras de exaltación do mexillón en xullo e en agosto... Intentamos darnos a ver de todas as formas que podemos.

- Ten algún proxecto en mente para realizar ao longo destes anos?

-Agora mesmo o que temos é intentar traballar as algas porque é algo novo no que aínda non nos metemos. Conseguimos ese plan o ano pasado (este ano logramos o do ourizo polo que apostamos) pero por agora non fomos capaces de traballalo e estamos empeñados en poder facelo para este ano porque queremos conseguir que a xente poida traballar. Un dos problemas que temos tamén é que as persoas non aguantan, marchan rápido. Hai xente que entra e como non ten carga de traballo pois non xera beneficios como para subsistir, polo que ao final marcha. Entran ilusionados, conseguen un pérmex (permiso de extracción), pero resulta que non teñen tantos días de traballo como pensaban e non aguantan.

- A s principais preocupacións que hai na confraría están relacionadas coa falta de traballadores?

-Si, é un dos principais. A xente marcha ao pouco de comezar con ilusión. Están uns días ou botan unha temporada, pero non xeran o que tiñan pensado entón non lles compensa continuar porque ao final pode ocorrer que non lles chegue para cubrir a cota de autónomos. Nesa situación é normal que a xente non aguante. Estar só cun p érmex é complicado, o ideal é ter máis dun. Ademais este ano o percebe tampouco fixou nas pedras ben, polo que non houbo cría pequena.

- Teñen problemas cos pescadores furtivos?

-Si, aquí si. Se a xente non ten traballo intenta buscar unha saída, ese é o problema. E aféctanos a nós, que estamos cotizando e pagando por poder capturar eses produtos. O furtivo non ten que pagar nada polo que esquilma, así que sempre saca beneficios. Nós temos que facer fronte aos gastos, como pagar autónomos, a confraría... Pola contra os furtivos, ao non ter que pagar nada e por moi barato que venda o produto, sempre vai ter beneficios.

- E a situación do marisqueo na zona está ben ou hai algún banco no que haxa problemas?

-Non é que haxa problemas nos bancos, o que hai é furtivismo, pero diferente. Neste caso sería local, de veciños de por aquí que din que van coller berberechos para unha empanada pero collen máis e levan bolsas e sacos. Xa non é un problema de furtivismo de venda, pero afecta tanto ou máis que o outro caso. O berberecho tampouco dá para máis, o tamaño grande xa se marchou e aquí non medra moito, soe ser pequeno pero bo, saboroso. E despois chegan os traballadores a faenar e non hai nin ameixa nin berberecho e non poden facer os cupos.

- O turismo mariñeiro axuda á confraría pero tamén dá a coñecer a zona.

-Si. Con iso levamos xa anos, non é unha cousa nova. Estamos mirando para darlle un impulso ao tema, para desenvolvelo un pouco máis e poder saír máis porque tamén temos unha zona moi bonita e á xente gústalle ver como se extrae o berberecho e como se traballa. Todo o que implique ingresos para a confraría é necesario e hai que pensar mil cousas para poder xeralos.

- A pesca galega está a pasar por un bo momento?

-Agora mesmo non. O que escoito polo sector é que as cousas non van moi ben. Que especies como o polbo non se están capturando, e outras máis. Pásanos a nós mesmos, en xeral está nun momento baixo. No percebe aquí tivemos unha caída brutal e non sabemos moi ben as causas.

- Vendo como está o sector cos seus problemas actuales, hai futuro na pesca?

-Penso que si e espero que si. Eu polo menos quero dedicarme e xubilarme nisto. Haberalle que dar unha volta ás cousas? Si, pero agardo que teña futuro, se non tamén no rural e nesta zona, de que se vai vivir? A pesca artesanal de Galicia é moi importante. Trátase dun sector moi grande e do que vivimos moitísimas familias.