José Antonio Santamaría repite outros catro anos máis como patrón maior da confraría de Aguiño. Volveuse presentar ao cargo pola unión que ten coa entidade e polo traballo realizado ao longo do seu primer mandato. Entre as ideas que ten Santamaría atópase a de continuar algúns proxectos que quedaron por rematar, como a recuperación da praia da Catía para que sea máis produtiva.

- É a segunda vez que asume o cargo de patrón maior. Que lle levou a presentarse de novo?

-Foron varios motivos. Sempre me tira a confraría, é algo que vén de atrás, dos meus antepasados. Un dos tíos da miña nai foi un dos que fundou a entidade, polo que é algo que me vén no sangue. Tamén te involucras porque é o lugar onde traballas. Se as cousas van ben os compañeiros tamén cho agradecen. Volvéronme pedir que me presentara e por eles, pero tamén por min, fíxeno. Quero que isto vaia para arriba. Cando comezamos nós as cousas non ían moi ben económicamente, e melloraron. Iso tamén axuda a que queiras continuar.

- A idea que ten para estes catro anos é continuar a liña de traballo trazada ata agora?

-Si, a liña de traballo máis ou menos é a mesma. O que pasa é que sempre intentas mellorar. Hai cousas que che quedan aí e despois hai outras que tes na cabeza e vas facéndolle sitio pouco a pouco. Temos que loitar tamén coa política. As cousas son lentas e hai veces nas que xurídicamente retrásanse moito máis do que deberan. Póñenche moitas trabas, e iso queiras que non impídenche conseguir as cousas que realmente quixeras.

- Quedaron proxectos pendentes que están agora loitando por facer?

-Si. Por exemplo recuperar a praia da Catía, xa que queremos que dea máis produto. Intentar tamén recuperar a zona de Sálvora na ameixa. Son cousiñas, pero importantes. Dende hai tempo intentamos conseguir un pantalán, pero ultimamente Portos pon moitas trabas ás confrarías polo que hai algún porto como o de Ribeira ou o noso que están tercermundistas. A ver se conseguimos que as cousas se vaian facendo pouco a pouco, machacando cada dous por tres. Estamos aí á espera de que nos aproben un pequeno pantalán, xa que debe ser este o único porto da ría de Arousa que non o ten. Ao final quéimache un pouco porque son cousas que non consegues, pero non porque non mires por elas, se non porque non as dan feito.

- Ás veces as administracións non poñen todo da súa parte para poder realizar os proxectos?

-Persoalmente non sei que dicir, porque hai confrarías e lonxas que están moi ben coidadas por Portos, pero no noso municipio os peiraos están bastante abandonados. Moitas veces nos din que xa están as medidas tomadas, que xa van empezar, e con isto vaise un ano ou ano e pico. Non sei que é o que pasa realmente, se non teñen cartos ou se non os teñen para nós.

- Cal é a situación económica do pósito?

-As cousas están indo bastante ben. Repuntou moito o ourizo de mar, ademais das outras artes que temos, porque pasou de ser unha especie acompañante a capturala agora máis a miúdo. Ten un valor superior. Hai uns anos comezou a ter máis valor. Notouse unha subida moi forte na economía da confraría. Se gaña o pósito gañamos nós. Hai que ter cartos para facerlle fronte aos gastos.

- No 2018 aumentaron os ingresos en lonxa. A que se debeu?

-O produto pagouse máis e isto pode ser por varias cousas. Porque hai máis demanda del, lóxicamente, porque non hai ese produto noutras zonas e polo tempo. Se o produto vale, non fai falla que tomes o tope, o importante son os cartos, non os topes nin os quilos, como era algo enganoso que había noutros tempos que se querían cargar os barcos para facer máis diñeiro e o único que se facía era favorecer aos compradores.

- Cales son as principais especies que traballan?

-O percebe témolo o 98% dos socios e o marisqueo tamén. Na navalla hai sobre 40 permisos, de ourizos botamos 3.000 quilos cando imos todos, somos sobre 100 persoas as que os collemos. Os permisos están postos pola Xunta, ao igual que o de alternacia de artes.

- Non están moi dacordo coas divisións que fixo a Xunta?

-A maioría de nós non. Pensamos que os recursos específicos están ben para profesionalizar máis o sector, pero no momento no que na túa confraría lle digas a uns que poden ir ao ourizo e a outros non, estás discriminado no mesmo sector e nos mesmos socios dunha mesma entidade. Ata agora sempre se funcionou coas artes varias ou menores e nós cremos que é a mellor fórmula. Se tes alternancias e vas ao que queiras ir do que estea aberto o mercado, xa regulas ao que vas.

- Pasa por un bo momento o marisqueo na zona?

-Coa navalla máis ou menos imos tirando, lévase bastante ben porque tamén son menos xente. No caso da ameixa podemos traballar prácticamente todos, entón cando hai unha apertura extráese máis, polo que se acaba antes que hai 20 anos. Por que? Seguramente polo cambio climático, porque tampouco é algo que pase só en Aguiño, dáse en toda a ría. A ameixa babosa foi a menos, baixou moito a súa produción. Non é algo que nos pase so a nós, pero é algo co que non nos podemos contentar. Temos que intentar mellorar polo que estamos sementando tódolos anos e facemos limpeza de caramuxo e cornetas para quitalas das praias.

- As administracións están a facer un bo traballo para coidar a pesca?

-Con Bruxelas non estamos moi dacordo. Non sabemos moi ben cales son os culpables, se os comisarios de Pesca, Bruxelas en xeral, Madrid... O único que sei é que as cotas seguen sendo unha risa. Había que ordenalas mellor, facer un reconto e unha análise real de como é a pesca a nivel Galicia. O que non se pode é ter unhas cotas insignificantes para unha flota que precisa máis toneladas. Ao sistema de TAC e cotas tíñanlle que dar unha volta grande. Eu, se son comisario de pesca e teño que tomar unha decisión, collo un avión e vou á zona interesada para mirar como está e falar coa xente. Despois tomaría as decisións, non a partir de intereses.