O novo patrón da confraría de Miño, José Manuel Fernández, afirma que o reto máis grande ao que se enfronta é aumentar o número de socios da entidade, xa que ao ser poucos membros a situación é máis complicada. Os problemas derivados das zonas C é outro inconvinte que lles afecta.

Que foi o que lle levou a presentarse de novo como candidato a patrón maior?

Levoume a presentarme que levaba dende o ano 2002 como vicepatrón primeiro e alguén tiña que facerse cargo disto. Ultimamente xa quedabamos moi pouca xente, poucos asociados, e houbo algunha incorporación de xente nova, pero aínda non estaban preparados para asumir o reto.

A súa idea é a de manter as liñas de traballo e as ideas que se viñan realizando?

Basicamente vamos a seguir na mesma liña. Considero que as cousas que se estaban a facer correctamente non hai motivos de peso como para ter que cambialos. Pero ao mellor si que diversificamos outras cousas, máis que nada porque antes non as tiñamos. Agora hai outras posibilidades e imos intentar exploralas.

Que expectativas ten como patrón maior da entidade para estes catro anos?

O reto máis grande ao que nos enfrontamos é aumentar o número de socios porque nos últimos anos foi un dos grandes problemas que tivemos. A media de idade da xente era bastante elevada, fóronse xubilando e non había relevo. Pero de dous anos para aquí entraron oito persoas novas e para este ano temos un cupo de seis persoas máis que poden entrar. Queremos aumentar a xente para ver se podemos seguir quitando isto adiante.

É complicado sacar a diante unha confraría con un número tan pequeno de socios?

Si, é duro, porque os gastos de funcionamento da confraría non dependen do número de socios, da igual que sexamos 20 ou 50 porque os gastos van a ser os mesmos. Sustentámonos da parte que se queda do noso traballo, a parte das cotas e porcentaxes que deixamos do noso produto, entón canta menos xente somos menos queda no pósito, polo que costa máis asumir os gastos. Dependemos moito das subvencións da Consellería do Mar.

Actualmente cal é a súa situación do marisqueo?

Podería ir mellor. O problema máis grande que temos é que a maior parte dos bancos son zona C, entón iso limítanos moito en días de traballo e sobre todo para poder contar con mellores prezos. Porque non é o mesmo a venda que fas diariamente, cando vas á praia, recolles un produto e xa o vendes no día. Nas zonas C tes que collelo e mandalo á zona de restauración de Ferrol e non che vén, como moito, ata pasados sete días, cando xa estea depurada. Entón cos prezos non podes xogar o mesmo porque tes que facelo a unha semana vista, e é máis complicado. Entón aí si estamos moi cortados, a parte de que nas zonas C só temos tres días á semana para traballar, non é como nas outras nas que podes traballar os cinco días. O gran problema é ese e levamos dende o ano 2006 con el. O banco non cambiou de situación dende ese ano, segue sendo zona C.

Durante o ano pasado vendeuse miñoca na lonxa, a que foi debido?

Temos un convenio cun provedor dunha tenda de pesca deportiva. Levamos xa varios anos con isto, o que pasa é que había moi poucos socios que se dedicaran a iso. Pero agora dende a última incorporación que tivemos de xente nova practicamente van todos ou están indo dez persoas. É un medio complementario para os días que non hai marisqueo, así eles poden seguir traballando e é algo que está indo bastante ben.

Cal é a situación económica da confraría?

Nestes temas se podería estar mellor, pero ao ser poucos socios os ingresos tamén son máis reducidos e os gastos séguense mantendo. Este é outros dos problemas que temos, por iso sería conveniente poder aumentar o número de pérmex (permisos de extracción) para poder mellorar esta situación. Para conseguilo tamén estamos buscando outros complementos como se fixo co poliqueto.

Ao ser unha zona de marisqueo, hai problemas co furtivismo?

Algún aínda hai, pero non hai tantos como noutros lugares. Algún de vez en cando si hai. Temos dous vixilantes, un traballa facendo as mareas de día e o outro as de noite. E despois como reforzo están os propios mariscadores, que nos imos rotando tamén para facer as vixilancias.

Como se atopa a ría? Está vinculada ao tema das zonas C?

O problema das zonas C é a falta de depuración porque os niveis de coliformes son moi altos, que iso é o que determina a zona C. Iso é porque as augas non están depuradas, non porque a ría en si estea mal. De feito a ría si que produce marisco, o que pasa é que ese produto non é apto para o consumo sen o paso previo pola batea de restauración que está en fronte ao porto exterior de Ferrol. O marisco na ría si se dá, pero non hai depuradoras suficientes.

Hai relevo xeracional en Miño?

Parece que si está a habelo. Das seis prazas que había para este ano as solicitudes excederon en número aos permisos convocados. Entón iso demostra que si, que a xente nova está disposta a ir a traballar.

Ten algún proxecto pensado para mellorar a confraría?

Estamos facendo valoracións, sobre todo relacionadas con buscar alternativas para os días nos que non se vai a mariscar. Atopar outras actividades como a do poliqueto, que se poidan poñer en práctica.